Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

13 de xullo de 2016

Xulio Ferreiro destaca "o importante esforzo" de 5,8 millóns de euros que o Concello está disposto a facer para a construción dos accesos á Intermodal

O alcalde explica que “non se pode permitir que o Concello sexa o que financie esta obra poñendo máis cartos que a titular da propia competencia de transporte interurbano, que é a Xunta”

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, manifestou esta mañá, un día despois de que participase en Madrid nunha reunión con representantes da Xunta de Galicia, de ADIF (Administrador de Infraestruturas Ferroviarias) e do Ministerio de Fomento para tratar o proxecto da estación Intermodal, que o Concello fará "todo o esforzo que sexa pertinente" para sacar adiante esta necesaria infraestrutura, aínda que "pedirá ao resto de administracións implicadas un compromiso proporcional ao que se lle está a demandar a esta cidade". O primeiro edil reiterou o compromiso da Administración municipal coa Intermodal e recordou a decisión do Concello de investir 5,8 millóns de euros para a construción dos accesos e a reurbanización das avenidas da Sardiñeira e de Arteixo. Non obstante, salientou: "O que non podemos permitir é que o Concello sexa o que financie esta obra cunha proporción maior ás súas propias posibilidades, con respecto ao que aportan outras administracións". "O que lle pedimos ao presidente da Xunta, o señor Feijóo, e a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, é que amosen un maior compromiso tanto coa cidade como coas condicións de custe desta obra, que polas características e peculiaridades deste municipio non é nin igual nin comparable coa intermodalidade en Santiago, Ourense ou Vigo", insistiu.

"Creo que existe unha desproporción manifesta. Non pode ser que o Concello da Coruña, que ten a capacidade que ten e o orzamento que ten, estea obrigado a aportar máis diñeiro nunha obra que a titular da competencia do transporte interurbano, que é a Xunta de Galicia", resolveu. "No día de onte, dúas administracións deron un paso adiante, Concello e ADIF; pedísmolle á Xunta que faga o mesmo", dixo.

"Hai que poñer de manifesto que a Intermodal non é só unha obra que interese ao Concello da Coruña, senón que é unha obra de interese metropolitano e máis alá, provincial e autonómico. Non podemos esquecer que o servizo de intermodalidade é especialmente útil para a xente que non vive na Coruña, senón para aquela que chega en tren e marche en bus ou ao revés. Polo tanto, insistimos en que o esforzo que fagan as outras administracións sexa proporcional a capacidade que ten cada quen. Para a administración local, 5,8 millóns supoñen un esforzo moi importante, e o que temos que procurar é ser responsables á hora de utilizar ese diñeiro, que sae do peto de todos os coruñeses e as coruñesas", salientou.

Novo convenio

O rexedor recordou que todas as negociacións derivarán na redacción dun novo convenio entre as administracións con competencias neste proxecto, debido á superación do que se acadou en 2009, que vinculaba o proxecto de construción da estación a unha operación urbanística que "xa ninguén está disposto a realizar, tampouco ADIF, e que tiña un coste de 150 millóns de euros". "O que non é válido é que haxa institucións que queiran aproveitar o que lles convén do convenio de 2009. Non é entendible. Se a Xunta quere utilizar acordos do convenio de 2009, entón habería que retomalo na súa totalidade, indo a un investimento de 150 millóns de euros, cubrindo todas as vías -tal e como se contemplaba naquel proxecto, o que supoñía un custo de preto de 15 millóns de euros- e financiando a obra mediante especulación urbanística", ironizou o alcalde. "Creo firmemente que esa non é a solución, e que é necesario separar a promoción da obra pública de operacións especulativas, xa que temos moitas mostras recentes dos problemas nos que derivan este tipo de accións", apuntou, á vez que recordou a importancia de redactar un novo convenio. "Non podemos despedazar o texto anterior e ver que partes collemos e que partes non", reiterou.

Como fixo notar, "estamos a falar dun proxecto diferente, onde os custos para a estación de ferrocarril se reducen sensiblemente. Este Concello é comprensivo, e consciente de que non estamos no momento de asumir as obras que se contemplaron naquel momento". "Aceptamos a solución para que a entrada a estación de autobús non sexa pola avenida do Ferrocarril, a través duns viarios que atravesaban as vías do tren facendo o proxecto moi costoso, senón pola parte superior, pola avenida da Sardiñeira e pola avenida de Arteixo, o que conleva que o Concello asuma unha serie de gastos que no 2009 estaba previsto que se imputasen a unha operación urbanística", resaltou.

En concreto, os 5,8 millóns de euros que o Goberno local está disposto a investir servirán para realizar os accesos a través da avenida de Arteixo, reordenando o tráfico e construíndo unha glorieta nela, para executar un vial novo para conectar a avenida de Arteixo e a da Sardiñeira -incluída a construción e as expropiacións que sexan necesarias- así como a urbanización desta última avenida e, tamén, da praza superior da Estación de Autobuses, tal e como plantea a Xunta. "Ese diñeiro que ía saír dos custos de urbanización derivados dese proxecto urbanístico realizado polos promotores, agora o Concello está disposto a asumir sacalo das arcas municipais, o que é unha diferencia substancial respecto a 2009 e un compromiso que adquirimos, porque entendemos que a Intermodal é unha obra que tamén lle interesa á cidade e que será un complemento á Estación de Ferrocarril cando chegue a alta velocidade, ademais dunha mellora nas condicións de vida e de viaxe de moitas persoas, a maioría das cales non serán veciñas nin veciños da Coruña", observou.

Recoñecementos de ADIF

Por outro lado, o primeiro edil destacou a intención de Fomento de renunciar a cobrar ao Concello polos terreos necesarios para a nova terminal de autocares, ao aceptar a cesión gratuíta. "A titularidade do solo seguiría a ser de ADIF, pero este cedería o dereito de voo para construír sobre el a estación Intermodal a cambio de xestionar o aparcadoiro", explicou, á vez que indicou que o administrador de infraestruturas ferroviarias valora esa cesión en 1,5 millóns.

Esta operación é indepedente ao recoñecemento, tamén por parte de ADIF, de que o Concello merece unha compensación pola ocupación en 2007 de máis de 20.000 metros cadrados de solo na zona de Vío que empregou para construír viais férreos de acceso á cidade. "Efectivamente, nunca existiu un recoñecemento nin unha compensación pola ocupación destes terreos, e así o recoñeceu ADIF. A verdade é que non me deixa de sorprender que os anteriores Gobernos municipais non se enteraran diso, ou que, se o sabían, o permitisen. Na documentación que atopamos o que aparece reflectido é que non houbo ningunha reclamación municipal dese chan", explicou.

"ADIF recoñeceunos que temos a razón nas nosas reivindicacións, e comezaremos a falar polo miúdo para ver que compensación podemos ter", indicou o rexedor, que apuntou, non obstante, que "este asunto se tratará de forma independente, e por separado, ao recoñecemento de solo para a estación". "Pase o que pase coa estación de bus, nós recibiremos o que nos corresponde polos terrenos ocupados en Vío".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión