Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

5 de setembro de 2018

O alcalde pídelle á conselleira de Infraestruturas que “deixe de poñer escusas e de empregar un proxecto tan importante como a Intermodal para facerlle oposición ao Concello”

O rexedor coruñés recórdalle á Xunta de Galicia que dende outubro do ano pasado “a responsabilidade de impulsar a Intermodal é súa”. “Se Ethel Vázquez non é capaz de facer o seu traballo debería deixar paso a outra persoa que si poida. A cidadanía non ten por que pagar as incompetencias de ninguén”, engadiu

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, pediu hoxe de forma pública á conselleira de Infraestruturas da Xunta de Galicia, Ethel Vázquez, que "deixe de poñer escusas" a respecto da falla de capacidade que o goberno autonómico está a amosar para  botar a andar o necesario proxecto da estación intermodal da Coruña. Nunha comparecencia ante os medios con motivo do inicio do curso nas escolas infantís municipais, o rexedor recordou que dende outubro do ano pasado "a responsabilidade de impulsar esta infraestrutura é da Consellería de Infraestruturas da Xunta de Galicia". Así, e ante as recentes declaracións da titular desta área autonómica, o primeiro edil manifestou que "empregar un proxecto tan importante como a estación intermodal de San Cristóbal para facerlle oposición ao goberno local é unha irresponsabilidade enorme".

"O Concello ofreceuse en distintas ocasións a pagar parte desa obra, na medida que lle correspondía, porque entendemos que é fundamental. Neste punto, se Vázquez non é capaz de dotar á Coruña desa infraestrutura, o que debería facer é dimitir e deixar que outra persoa saque adiante o proxecto. A Coruña non pode depender das políticas de bloqueo e do non. Agora, logo de meses sen facer nada do que lle correspondía, trata de botar as culpas a este Concello. O atraso é cousa da conselleira, polo que debería asumir a súa responsabilidade", considerou. "Se agora anuncia que se poden perder fondos europeos, o seu cometido é buscar outros. A Coruña non pode estar pagando as incompetencias de ninguén", sentenciou o máximo mandatario local, que recordou que o Concello sempre mantivo a súa disposición de aboar as cantidades que lle correspondían.

O rexedor incidiu en que a postura do Concello sobre o proxecto que encargou a Xunta para a estación de autobuses da intermodal foi manifestada e reiterada ante a consellería dende antes de que a administración autonómica comezase a súa redacción. "Déuselle información, por activa e por pasiva, de que o proxecto que preparaban, do que non se nos achegou información até que non estivo rematado, non era compatible co modelo de mobilidade, nin coa estación de ferrocarril. Empeñouse en non querer velo. Logo, en novembro do ano pasado e no marco de conversas nas que tamén estaba ADIF, deuse conta pero, dende entón, non fixo nada", reflexionou, á vez que recordou que a administración local ofreceuse, xa nas negociacións iniciais, a facerse cargo de parte dos accesos, así como a financiar parte da construción do aparcadoiro público, a cambio de poder explotar parte desas prazas. O Goberno local amosou na reunión mantida en xullo de 2016 entre as tres administracións implicadas na obra a súa disposición a facer un esforzo económico importante para dar pulo a esta infraestrutura e que cifrou a achega municipal en 5,8 millóns de euros. Pola súa banda, a Xunta de Galicia ofreceu aportar un investimento de dez millóns de euros para a terminal de autobuses, dos que oito se correspondían a fondos europeos e unicamente dous millóns das propias arcas autonómicas. "Traballamos sempre co principal obxectivo de axudar á Xunta a salvar as deficiencias técnicas do seu proxecto inicial, tanto no encaixe da terminal de autobuses coa de ferrocarril como na compatibilidade coa rede de transporte urbano", apuntou.

Así, o goberno local recorda que xa en febreiro do ano 2016, o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, comprometeuse co alcalde Ferreiro a impulsar a construción da Intermodal. En xuño dese mesmo ano, a administración autonómica iniciou a redacción do proxecto, se ben, este ignoraba moitas das necesidades urbanísticas que o Concello lle foi trasladando en meses anteriores. O anteproxecto da estación de autobuses do goberno autonómico foi amosado ao Concello, por vez primeira, nunha xuntanza en marzo de 2017 na que tamén estaba presente o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF). Tanto este organismo como a administración local sinalaron os múltiples erros dos plans da Xunta.

Tan só un mes despois, en abril de 2017, o goberno local da Coruña presentou un informe que sinalaba, e daba solución, a todas as deficiencias no deseño da Xunta. Tanto esta como ADIF aceptaron as achegas. "En novembro dese ano, sete meses despois, asinouse un acordo no que se puxeron as bases para o deseño da Intermodal", apuntou hoxe Ferreiro, que insistiu en que, dende entón non se deron avances na redacción do proxecto da terminal de autobuses por parte da Xunta, mentres que si se avanzou significativa e coordinadamente na definición das partes correspondentes ao ADIF e ao Concello.

Inicio de curso

Noutra orde de asuntos, o alcalde, acompañado da concelleira de Xustiza Social, Silvia Cameán, inaugurou hoxe o inicio do curso das Escolas Infantís Municipais no centro de Carricanta, no Castrillón. O rexedor, que desexou sorte tanto aos e ás cativas, como a familias e profesorado, recordou a aposta do goberno local pola educación pública de calidade. Este empeño levou ao executivo a introducir rebaixas de até un 90% nas tarifas das escolas infantís, de forma que "nesta cidade o acceso ás mesmas está garantido para todas as familias, sen importar o volume dos seus petos". Ao fío, tamén incidiu "no grande esforzo que está a facer o Concello para manter a rede de equipamentos educativos nas mellores condicións posibles". De feito, o investimento municipal no que vai de mandato supera os 2 millóns de euros.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión