Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

4 de maio de 2018

O concelleiro de Rexeneración Urbana salienta que o bo ritmo das obras de renovación da rúa da Torre permitirá adiantar á primeira metade de xullo a reapertura da vía

Varela visitou a intervención con asociación de comerciantes do barrio para adiantarlles a nova planificación.

O concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, comprobou este venres o avance das obras de renovación da rúa da Torre -dende a intersección coas rúas Traballo e Marconi ata o Campo da Leña-, uns traballos que completarán a substitución da primeira das beirarrúas sobre as que se actúa no prazo de tres semanas, o que permitirá acurtar as previsións iniciais e rematar a intervención na primeira metade de xullo. "O barrio poderá así comezar a beneficiarse dunha rúa con maior espazo para as persoas, máis accesible e máis dinamizada, nun percorrido fundamental para o tránsito peonil que vertebra Monte Alto, e nos meses que máis actividade concentran as rúas", indica o edil.

Neste sentido, Varela saúda a progresión dos traballos, que se atopan na segunda fase da renovación da beirarrúa e consisten na ampliación e renovación de beirarrúas na metade inferior da beira do Campo de Artillería, o que permitirá acometer en breve a terceira fase. Neste punto da obra, que está prevista para mediados deste mes, haberá afeccións ao tráfico e será necesario modificar algunhas das liñas do autobús urbano, que terán un percorrido alternativo cunha incidencia mínima nas frecuencias e as paradas.

Para iso, o Concello adiantará a data do corte do tráfico na vía, tal como se lle expuxo durante a visita de hoxe á asociación de comerciantes do barrio, que trasladaron ao representante municipal a súa boa disposición a continuar cos traballos para que a rúa poida abrirse, xa remodelada, no menor prazo posible para aproveitar o uso intensivo das rúas nos meses de verán. Como fai notar o edil, a Concellería de Rexeneración Urbana tamén convidara á asociación veciñal do barrio para darlle conta da nova planificación e atender ás cuestións que puideran ter xurdido durante a estas dúas primeiras fases da actuación.

Nos últimos días, o Concello contactou tamén coas direccións dos dous centros de ensino da zona, a Grande Obra de Atocha e o CEIP Curros Enríquez, para comunicar o adianto dos cortes do tráfico deste treito, un cambio que, como indica o concelleiro, non ten afectación directa no servizo de transporte escolar de  ningún dos dous colexios.

Nesta terceira fase e tamén na cuarta os traballos centraranse na calzada e a beirarrúa das Atochas, mentres que na quinta fase renovarase o pavimento na intersección da rúa da Torre coas rúas Traballo e Marconi.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión