Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

4 de setembro de 2018

O Concello acomete a renovación do pavimento na avenida de Navarra, unha obra que mellorará as condicións de circulación da vía

Os traballos realizaranse en tres días e, parte deles, en horario nocturno para minimizar a afección ao tráfico de vehículos

A Concellería de Rexeneración Urbana acomete esta semana a mellora das condicións para a circulación de vehículos na avenida de Navarra. A actuación consiste no fresado de cinco centímetros de pavimentación actual e a reposición da capa de rodadura cun novo asfaltado, "unha obra que vén a facilitar e mellorar as condicións da condución e a incrementar a seguridade da vía", como sinala o edil Xiao Varela. "Estes traballos de repavimentación veñen a continuar a mellora que iniciamos este inverno na vía, cando actuamos para reparar os pasos peonís da rúa. Agora é o momento de renovar unha calzada que estaba deteriorada", apunta. No pasado mes de xaneiro abordouse, dentro do programa municipal Paso a paso, o reasfaltado dos tres puntos sinalizados para o cruce peonil da avenida de Navarra, así como das rúas San Amaro, San Pedro, Hermanos de la Lejía e Rolda de Monte Alto, con arranxos integrais do firme para eliminar irregularidades e fochancas que consistiron na retirada da capa superior do firme mediante fresado, a aplicación de mestura bitumosa e a posterior reposición da sinalización horizontal. Dentro deste programa, que busca favorecer a accesibilidade universal, está prevista a renovación de 235 pasos peonís ata final de mandato. A reforma do firme da avenida de Navarra dá tamén continuidade á intervención que se realizou hai un ano para a reparación integral da rúa Orillamar, "o que completa a planificación municipal para a renovación dun dos eixes de circulación do barrio".

A actuación na avenida de Navarra, que conta cun orzamento de 48.400 euros, durará tres días e afectará á totalidade dos 2.972 metros cadrados da vía. Para minimizar as afeccións ao tráfico de vehículos e non interferir nos percorridos do transporte urbano, parte dos traballos se realizarán en horario nocturno, tal e como informa a Concellería de Mobilidade Sostible. Así, de mércores a venres ata as 23.30 horas a avenida de Navarra terá un carril aberto ao tráfico, no sentido dende a Torre cara a Orillamar. Os vehículos que circulen por esta última vía deberán desviarse na confluencia con avenida de Navarra por Santo Tomás ou Manuel García Canzobre. Durante a noite, entre as 23.30 e as 06.00 horas, será preciso levar a cabo o corte total da avenida de Navarra e tamén na rúa Orillamar dende á altura da rúa Cabo Ponte Anido, coa excepción das entradas a garaxes.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión