Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

1 de setembro de 2016

O Concello convoca un concurso de ideas para a rehabilitación da praza e o mercado de Monte Alto, "de forma que manteña os seus usos pero mellore como necesario equipamento urbano"

As áreas de Rexeneración Urbana, Mobilidade Sostible, Xustiza Social, e Emprego realizaron un traballo conxunto que se concreta coa publicación do prego de bases do concurso, no que se seleccionará unha proposta que o Goberno local poderá executar e para o que ten reservada unha partida que sobrepasa os 3,7 millóns de euros

O Concello convocará de inmediato un concurso de ideas para a rehabilitación da praza e do mercado de Monte Alto. Así o explicaron en rolda de prensa esta mañá o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varelo, e o de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, titulares das áreas de Goberno que lideran este proxecto, xunto con Mobilidade Sostible e Xustiza Social. Este concurso, cuxas bases se publicarán no perfil do contratante municipal, "pretende que estes proxectos resolvan a especial configuración topográfica do espazo urbano desta praza, conectando os seus diferentes niveis e prestándolle especial atención aos percorridos peonís accesibles e á calidade urbana dos diferentes espazos, solucionando ao mesmo tempo a mobilidade rodada pública e privada na zona". "O proxecto debe ir máis aló da súa localización específica, considerando a praza do mercado como espazo potencial de centralidade tanto para o barrio de Monte Alto como para o resto da cidade", comentou o responsable de Rexeneración Urbana.

Pola súa banda, Lema manifestou que se "trata dun proxecto conxunto formulado por distintas áreas de Goberno dentro da actual estratexia municipal que responde á posta en valor dos mercados municipais como servizo público". "Trátase dun paso máis no fondo proceso que está a levar a cabo este Concello no tema de revitalización de mercados. Apostamos por un cambio de paradigma e de modelo comercial. Apostamos polo mercado de proximidade, e o seu valor engadido e ecolóxico, ao contrario que os anteriores executivos locais, que primaron ás grandes superficies", comentou o concelleiro de Emprego. "Esta estratexia o que persegue é a inserción urbana dos mercados municipais, reforzando para iso o modelo de praza aberta e cuberta fronte ao de centro comercial pechado", engadiu Varela, quen destacou, ademais, que este proceso pioneiro foi xestado de forma participativa con todos os actores sociais implicados no mercado. "Os obxectivos concretos que orientan a convocatoria deste concurso foron expostos de forma consensuada a través dun proceso participativo con distintos axentes do barrio, incluíndo o equipo docente da escola infantil que existe neste ámbito, os representantes das asociacións que se localizan no soto -1 do interior do edificio, os e as propias praceiras do mercado e os e as representantes das Asociacións Veciñáis, ademais da veciñanza do barrio que se manifestarou a título persoal", dixo.

Ao fío, o titular de Rexeneración Urbana tamén quixo destacar que se trata do primeiro concurso de ideas posto en marcha polo Goberno municipal. "É un formato especialmente accesible, que garante a igualdade de oportunidades e no que nos aseguramos que a proposta que finalmente se leve a cabo teña toda a solvencia técnica que precisa", dixo.

Fases

O concurso de ideas desenvolverase en dúas fases. Nunha primeira o xurado especializado (composto por un grupo dirixido polo propio concelleiro Varela) seleccionará de entre todas as propostas recibidas as cinco que, ao seu xuízo, resulten máis acaídas para o seu desenvolvemento nunha segunda fase. Para cada unha destas, establécese un premio de 3.000 euros. A continuación, e tras ver nova documentación, que será enviada de acordo ás bases publicadas na web municipal, o xurado resolverá finalmente o concurso seleccionando a proposta gañadora. O Concello estableceu tres premios de 9.000 euros, 7.000, e 5.000 euros (máis IVE). Non obstante, con posterioridade á resolución do concurso de ideas, o Concello poderá valorar a conveniencia de desenvolver a proposta vencedora para a súa posterior construcción. Neste caso, os honorarios derivados da redacción do proxecto técnico, e a dirección de obras poden chegar a un máximo de 283.000 euros, sendo o orzamento global para as obras de 3,7  millóns (IVE incluído).

A convocatoria deste concurso de ideas farase efectiva coa publicación das bases na páxina web do Concello. O prazo de entrega correspondente á primeira fase será como máximo de 40 días naturais contados a partir do día seguinte á publicación. O prazo de entrega dos traballos correspondentes á segunda fase será como máximo doutros 30 días. Para a elaboración do proxecto básico, no caso de que este fora requirido, establécese un prazo de tres meses contando dende o día seguinte á formalización do contrato.

Neste punto, Varela indicou que o proceso de rehabilitación do mercado se levará a cabo en fases, de forma que teña o menor impacto posible no entorno e nas actividades que se desenvolven tanto na propia praza como na contorna. "Así o temos que facer, tendo en conta ademais que o que perseguimos, precisamente, é a posta en valor dos mercados municipais como un servizo público", explicou.

Requisitos

As actuacións propostas deben ter en conta que o obxectivo último deste proceso é mellorar a visibilidade e o acceso ao mercado. En definitiva, a súa integración no barrio. Non obstante, deberán respectar os postos ocupados como concesión vixente ou en licitación, polo menos na súa superficie, instalacións e equipamento. As propostas que se fagan deberán, ademais, atender tanto ao acceso como ao espazo público ligado á Escola Infantil Municipal de Monte Alto, puidendo contemplarse mesmo a súa recolocación, aínda que neste caso, o proxecto da escola tamén debería presentarse cunha serie de melloras con respecto ao deseño actual (como aumentar as aulas, dispoñer de espazos múltiples, patio exterior...). Os proxectos presentados ao concurso de ideas tamén terán que respectar a existencia na zona tanto do supermercado actual, como do aparcadoiro, así como os actuais espazos situados no soto cedidos á asociacións. Estos últimos tamén poden estar suxeitos a traslado, pero sempre respectando o seu programa actual, e mellorando as súas condicións de equipamento.

 

Pasaxe

Noutra orde de asuntos, o concelleiro de Rexeneración Urbana referiuse á situación do asentamento precario situado na zona da Pasaxe. Varela indicou que o Concello, dende hai meses, "está a levar cabo un traballo sistemático, e de forma discreta, como requiren estas situacións, favorecendo a posta en marcha de itinerarios de inserción e inclusión social para as familias, de cara a darlles unha resposta global as súas necesidades". "A solución non é darlles cartos e desprazalos a outro concello, senón darlles solucións adaptadas e correctas. As distintas áreas deste Goberno estamos a traballar arreo neste proceso no que, ademais, contamos mediante convenio coa colaboración de Arquitectura Sen Fronteiras", dixo o edil, que recordou que, en paralelo a esta actuación de longo percorrido, "de forma máis inmediata se levará a cabo, tal e como anunciou esta mañá a concelleira de Medio Ambiente, diversas actuacións de xestión integral de residuos na zona".

Ao fío, anunciou a posta en marcha dun concurso público que derivará na contratación de 9 persoas que conformarán un equipo multidisciplinar que traballará na implementación do Plan de Acceso ao Hábitat Digno.


 

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión