Concello da Coruña

Concello da Coruña
  • Compartir
  • Engadir ao meu móbil | 
  • Imprimir

Cando:

17 de abril de 2015

O Goberno municipal proporcionará 3,5 millóns de euros entre o 2015 e o 2016 para as áreas de rehabilitación integral e propón a creación de tres novas no Ventorrillo, Elviña e Labañou

O Concello elabora o Plan de mellora da Accesibilidade para favorecer a mobilidade peonil mediante a instalación de ascensores, ramplas e escaleiras mecánicas

O proxecto recolle 18 iniciativas por toda a cidade en barrios como Monte Alto, Cidade Vella, Adormideras, A Gaiteira-Os Castros, Agra do Orzán ou a zona do Ensanche

O Concello da Coruña, a través da Xunta de Goberno Local, tomou coñecemento do Plan de mellora da Accesibilidade mediante Elementos Mecánicos, un novo proxecto da Área de Infraestruturas que favorece a mobilidade grazas á eliminación de barreiras arquitectónicas e fomenta os itinerarios peonís mediante a instalación de ascensores e de ramplas e escaleiras mecánicas en 18 puntos da cidade.

Na sesión desta mañá, tamén se aprobou o investimento municipal para o Plan Estatal de Vivenda dos próximos dous anos, con 3,5 millóns de euros para 2015-2016. Ademais, na solicitude do Concello que se presentará ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para remitila ao Ministerio de Fomento proponse a declaración de tres novas áreas de rehabilitación: O Ventorrillo-Casas de Franco, Elviña e Labañou-Grupo de Vivendas de María Pita. Ademais, dentro do ámbito da rehabilitación, deuse luz verde á apertura dun novo prazo para solicitar axudas para a instalación de ascensores.

PLAN DE ACCESIBILIDADE

O tenente de alcalde de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, destacou que o Plan de mellora da Accesibilidade mediante Elementos Mecánicos no Concello da Coruña (PAEMAC) axústase aos criterios establecidos no primeiro Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) da cidade, no que unha das premisas é impulsar unha rede de itinerarios xerarquizados que garantan a accesibilidade.

"O obxectivo deste plan é avanzar na mellora da accesibilidade nas vías públicas da cidade mediante a supresión de barreiras. Dáse prioridade aos puntos que presentan máis dificultades para a mobilidade peonil, tendo en conta o volume de poboación que pode beneficiarse da nova infraestrutura e a importancia que supón para o barrio a instalación dun elemento mecánico que resolva un problema de accesibilidade existente en forma de escaleiras ou de pendentes importantes", explicou Fernández Prado.

Das 18 iniciativas recollidas no Plan de mellora da Accesibilidade mediante Elementos Mecánicos, o tenente de alcalde indicou que existen sete propostas que xa contan cun expediente máis detallado:

1. Adelaida Muro. O plan propón a instalación de tres escaleiras mecánicas -en substitución dunha parte da escaleira actual desta rúa- para conectar o mercado municipal de Monte Alto co paseo marítimo. Grazas a esta actuación cóbrese unha distancia de 43 metros, superando un desnivel de 12,24 metros e unha pendente media do 28,6%.

2. Adormideras. O novo plan considera prioritario adaptar o acceso á urbanización de Adormideras, onde viven preto de 2.000 persoas e onde están o Club do Mar e a praia de San Amaro. Na actualidade, hai dous itinerarios posibles: mediante escaleiras ou unha rampla cunha pendente do 12%. Por este motivo, proponse colocar un ascensor inclinado entre a rotonda do paseo marítimo e o Club do Mar -discorrerá paralelo á escaleira existente-. Con este elevador inclinado superarase un desnivel de 19,5 metros, cunha pendente media do 44%.

3. Rúa Aaiún. É un dos principais accesos ao barrio da Agra do Orzán, conectando a ronda de Outeiro coa avenida das Conchiñas. Na actualidade, esta rúa presenta unha pendente que rolda o 14% nos seus 60 metros de lonxitude. Para mellorar a mobilidade, instalarase unha cinta mecánica que termina na praza do Comercio, xerando un percorrido accesible que continúa pola avenida das Conchiñas -que xa conta cunha pendente accesible- e que facilita a entrada cara á zona comercial da rúa Barcelona e o mercado das Conchiñas.

4. Rúa Pintor Villar Chao. Na actualidade, as avenidas de Xeneral Sanjurjo e dos Caídos comunícanse a través de tres conxuntos de escaleiras e unha rampla que supera o 18% de desnivel. Para favorecer a accesibilidade e co obxectivo de minimizar o impacto sobre as vivendas próximas, proponse a instalación de dous ascensores verticais na rúa Pintor Villar Chao: o primeiro elevador situarase dende a cota do inicio das escaleiras ata o descanso -polo que dará servizo aos portais existentes nese nivel- e o segundo, dende ese punto ata a rúa da Merced. Cada ascensor, con capacidade para 10 persoas, poderá realizar 120 viaxes por hora.

5. Escaleiras da Merced. Para unir Xeral Sanjurjo coa praza dos Caídos, recóllese unha das peticións realizadas no proceso de participación cidadá do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS): escaleiras mecánicas en tres tramos que percorrerán 75 metros e un desnivel de 15 metros, e que contarán coa vantaxe de que se situarán nun espazo cuberto, protexido da intemperie.

6. Rúa Historiador Vedía. Tal e como anunciou o alcalde, o Plan de mellora da Accesibilidade mediante Elementos Mecánicos recolle entre as súas actuacións prioritarias a colocación dun ascensor vertical entre as rúas Ciudad de Lugo e Maxistrado Manuel Artime, conectadas actualmente a través dunha escalinata. Esta proposta responde a unha solicitude dos veciños e garante a accesibilidade dende as rúas lindeiras ao parque de Santa Margarita e co centro da cidade.

7. O concurso de ideas para a mellora da accesibilidade peonil á Cidade Vella e a muralla histórica dende o paseo do Parrote, paseo Sir John Moore e paseo marítimo da Coruña. As propostas gañadoras, presentadas o ano pasado, apostan pola reordenación do tráfico, un maior protagonismo para o peón e a instalación dun ascensor. Estas accións, sumadas ao Plan de Murallas, continúan na senda de recuperar o patrimonio, crear novos espazos para os veciños e potenciar un itinerario cultural ata a Torre de Hércules.

Fernández Prado detallou que o Plan de mellora da Accesibilidade mediante Elementos Mecánicos tamén recolle outra serie de actuacións en 11 puntos da cidade para fomentar os percorridos peonís:

- Ascensores verticais nas rúas Nicaragua, Falperra, Vía Ártabra, ronda de Outeiro-pasarela de Sagrada Familia, Linares Rivas, Xeneral Sanjurjo e á altura do CEIP Sanjurjo de Carricarte.

- Ascensor inclinado na rúa Montes.

- Ramplas mecánicas na avenida dos Caídos.

- Rampla mecánica e ascensor vertical na rúa Jacinto Benavente.

- Plataforma salvaescaleiras no centro de saúde do Castrillón.

ÁREAS DE REHABILITACIÓN

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá o investimento municipal para o Plan Estatal de Vivenda. Esta solicitude presentarase ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para que a remita ao Ministerio de Fomento. Ademais de tres áreas de rehabilitación xa existentes (Palavea, Os Mariñeiros e Centro histórico), na proposta municipal inclúese a declaración doutros tres novos ámbitos e un total de 1.105 vivendas (O Ventorrillo-Casas de Franco, Elviña e Labañou-Grupo de Vivendas de María Pita).

O Concello achegará 3,5 millóns de euros nos dous próximos anos. A participación municipal no Plan Estatal de Vivenda demostra unha aposta pola conservación e recuperación de edificios e espazos públicos nos barrios da cidade, cun investimento final -incluíndo a colaboración do Ministerio de Fomento e a achega de propietarios- que alcanza os 14.308.116 euros e un total de 535 vivendas entre 2015 e 2016 (coa previsión de que no Ventorrillo e Labañou existan novas fases de rehabilitación, o que elevará o parque total de vivendas para estes seis ámbitos ata as 1.439).

Na proposta aprobada en Xunta de Goberno, o Concello tamén establece o calendario para a execución das actuacións incluídas neste Plan Estatal:

1º) Finalizar a área de Grupo de Vivendas de Santa Cristina-Palavea e executar a cuarta fase.

2º) Continuar coa rehabilitación dos Mariñeiros (cuarta fase).

3º) Continuar coa rehabilitación de Centro histórico e Pescadería (oitava fase).

4º) Desenvolver a primeira fase do Ventorrillo-Casas de Franco.

5º) Desenvolver o novo ámbito de Elviña.

6º) Desenvolver a primeira fase de Labañou-Grupo de Vivendas María Pita.

Os convenios do Concello con Fomento e o IGVS para os dous próximos anos desenvolveranse nestas seis zonas da cidade e dirixiranse a dúas liñas básicas de actuación: axudas á rehabilitación de edificios e vivendas; e obras de urbanización nos barrios. A rehabilitación permite conservar o patrimonio arquitectónico, mellorar a calidade de vida dos veciños e impulsar a creación de emprego, sobre todo nas empresas locais.

SUBVENCIÓNS

O Concello da Coruña abrirá un prazo para a presentación de solicitudes de subvención dirixidas a aquelas persoas que iniciasen obras de instalación de ascensores nas súas vivendas para partir do 1 de marzo do 2014.

O último prazo de solicitude de subvencións para esta finalidade concluíu o 28 de febreiro do ano pasado. Consciente da existencia de solicitantes que non puideron pedir estas axudas de rehabilitación porque as obras empezaron co anterior prazo expirado, o Goberno municipal quere abrir un novo período para aqueles proxectos que se comezaron a executar a partir do 1 de marzo do ano pasado.

A Xunta de Goberno autorizou destinar 100.000 euros, un orzamento que se pode ampliar no caso de que sexa necesario. O novo prazo de presentación de solicitudes abrirase ao día seguinte da publicación do anuncio no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e concluirá o 1 de xuño.

LICENZAS URBANÍSTICAS

A Xunta de Goberno tamén concedeu licenzas urbanísticas que supoñerán un investimento na cidade de 2,9 millóns de euros, o que eleva a cantidade dende o inicio do mandato ata os 334 millóns de euros. Entre os permisos concedidos está a instalación de ascensores en dous edificios da rúa da Estrella e da avenida do Exército, onde ademais realizaranse outras obras de mellora de accesibilidade.

O Concello aprobou, de maneira inicial, o estudo de detalle para a ampliación do CEIP Manuel Murguía, promovido pola Xunta e que inclúe unha ordenación volumétrica da parcela -3.040 metros cadrados-. Na actualidade, existe unha superficie construída de 1.163 metros cadrados, cunha ocupación en planta de 401 metros cadrados. A ampliación prevista é de 455,70 metros cadrados, sobre unha superficie de 152 metros cadrados. Deuse o visto e prace á reforma do Centro Oceanográfico da Coruña, que permitirá unha maior funcionalidade do edificio e unha mellora da accesibilidade. Cun orzamento de execución material de 1,69 millóns de euros, a obra desenvolverase sobre unha superficie total de 1.974 metros cadrados e ten un prazo de 18 meses.

OFIMÁTICO

A Xunta de Goberno tamén autorizou a iniciación do expediente de modificación do contrato para a execución das obras comprendidas no proxecto de urbanización do Sector 10, Parque Ofimático; así como a redacción do proxecto correspondente, sen que supoña incremento económico con respecto ao orzamento inicial. Este acordo adóptase tras a aprobación, de maneira definitiva no pleno do 22 de decembro do ano pasado, da modificación puntual do plan parcial deste ámbito e tras coñecerse a sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 4 da Coruña na que, por mor dun recurso presentado pola Asociación Parque Ofimático 2010, a xuíza autoriza o Concello para realizar estes cambios na execución do polígono.

Esta modificación responde ás necesidades e propostas expostas para solucionar problemas aparecidos durante a execución do Parque Ofimático. Así, outórgase edificabilidade a ADIF -tras unha sentenza do Tribunal Supremo-; ábrese unha vía de acceso ás vivendas de Eirís de Abaixo; créase unha nova conexión entre o Ofimático e Matogrande a través dun novo paso sobre o trazado ferroviario; recóllese a ampliación derivada do proxecto de Fomento para Alfonso Molina, con catro carrís para cada sentido de circulación; incorpórase o trazado dun carril bici; amplíase a zona verde; e incorpórase a fonte de Eirís de Abaixo como elemento etnográfico catalogado.

Novas

Solicitudes

Normativa municipal

  • [GAL] OMR de axudas para a conservación e rehabilitación (175 KB)
  • [CAS] OMR de axudas para a conservación e rehabilitación (177 KB)
  • [GAL] Ordenanza de conservación e rehabilitación (146 KB)
  • [CAS] Ordenanza de Conservación e Rehabilitación (153 KB)
  • OMR de axudas para mellora estética no ámbito PEPRI (183 KB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión