Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

24 de xaneiro de 2020

Rey valora o talento dos e das xornalistas da cidade nunha entrega do Pérez Lugín en que se recordou a Nonito Pereira

A alcaldesa presidiu a entrega da septuaxésimo novena edición do premio de xornalismo, en que resultou gañadora a proposta de Rodri Suárez, “Radio Riazor”, e que distinguiu á de Tamara Montero -titulada “Trincheiras”- cunha mención de honra

A alcaldesa Inés Rey presidiu esta mañá no salón de plenos a cerimonia de entrega do premio de xornalismo "Alejandro Pérez Lugín" 2019, organizado pola Asociación da Prensa da Coruña e que na súa septuaxésimo novena edición escolleu como tema "Xornalismo e música, obrigados a escoitarse" en homenaxe ao recentemente falecido Nonito Pereira. Nela, resultou gañadora a proposta de Rodri Suárez, "Radio Riazor", dun total de 20 presentadas.

Ademais, o xurado quixo distinguir cunha mención de honra o traballo de Tamara Montero titulado "Trincheiras". A rexedora felicitou, en primeiro lugar, aos e ás xornalistas no día do seu patrón, "porque ides máis alá do sabido e buscades e rebuscades un dato ou unha realidade agochada que interesa e porque a maioría das veces nola contades a través dun exercicio de redacción maxistral" para remarcar a calidade dos que escriben páxinas nesta cidade, algo que corrobora ano tras ano este certame: "A temática elixida non fixo máis que afiar o voso talento. Inspirouvos de sobra para que saísen propostas xeniais, en parte movidas por ese cariño que lle profesamos ao gran Nonito, que nos deixou hai nada. Vendo todos estes traballos, podo confirmar que hai canteira, non para substituílo -que iso é imposible-, pero si para seguir contando con paixón todo o que teña que ver coa música que se respira nesta cidade".

Rey valorou do relato de Rodri Suárez "esa capacidade innata que ten o xornalista de ir un pouquiño máis alá para contarnos a historia musical máis recente da Coruña en base aos nomes enxeñosos dos grupos e dos bares". Da mención de honra para Tamara Montero, calificou o seu texto de delicioso e que nel aborda a profesión de xornalista musical "cunha sonata para situalo -ao que leva libreta e boli- na marxe dunha páxina en branco".

Doda Vázquez, presidenta da Asociación da Prensa da Coruña, falou de que unha das riquezas do colectivo e a súa colección de xornais e anunciou a recuperación dunha das vellas cabeceiras, "Hoja del lunes", en que os e as socias danlle espazo "o que nunca contamos, novas sobre os xornalistas". Neste aspecto, falou dos e das profesionais que se dedican a unha especialidade, a da música, "que non se valora o suficiente e que é a que máis obriga a trasnochar nun tributo -nesta entrega- ás persoas que a exercen e, en especial, a Nonito Pereira, que faleceu en novembro, e que o seu fillo representou no xurado. Doda tamén lembrou os xornalistas tamén finados nos últimos meses Arturo Lezcano e Ramón Barrena.

Nonito Pereira Junior agradeceu á Asociación da Prensa o xesto de dedicarlle esta entrega á memoria do seu pai e aos candidatos e candidatas a galardón por transmitiren un estímulo de cariño a súa figura, "de carácter vitalista, o lle permitiu levar adiante proxectos en distintos medios de comunicación".

Pola súa parte, o gañador, Rodri Suárez, definiu o seu artigo "Radio Riazor" como un canto de amor á cidade, "que non se pode entender sen a música", un texto que alude á implicación de moitos e moitas xornalistas nesa escena musical coruñesa sendo parte de bandas e en que o autor destaca a amplitude de miras da Coruña no que ao musical se refire: "Nonito exemplificaba toda esta comuñón interxeracional que fai que a nosa cidade sexa moi especial".

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión