Concello da Coruña

Concello da Coruña

O estado salvaxe. Espanha 1939.

O ESTADO SALVAXE é unha performance de Pablo Fidalgo creada a partir de imaxes familiares en súper8 gravadas dende os anos 50 ata os 80, reescribiremos a historia da familia do artista e, ao mesmo tempo, a historia de España dende a guerra civil ata os nosos días.

Cando:

17/10/2014, de 20:30 a 21:30

Xa rematou

Horario:

20.30 h.

Duración:

1 hora

Enderezo:

Centro Sociocultural Ágora. Rúa Ágora. 15010 A Coruña

Prezo:

Entrada libre ata completar a capacidade.

Perfomance creada despois de moitas conversas coa avoa do artista. Ela é, ademais, a única actriz da peza. A través de imaxes en súper8 gravadas polo seu avó dende os anos 50 ata os 80, reescribe a historia da súa familia e, ao mesmo tempo, a historia de España dende a guerra civil ata os nosos días.

É o testemuño dunha muller que pasou moito tempo en silencio e que ten un gran desexo de falar, moito que aclarar, moito que reparar. É, sobre todo, un acto de amor lúcido e extremo, un ataque de romanticismo antes de queimar as naves. Nunha carta dirixida ás súas netas, a miña avoa vai tecendo a súa biografía e cuestionándose todo o seu pasado, o seu presente e o seu futuro, nun exercicio de honestidade brutal que dá luz sobre o que significa estar vivos hoxe.

O estado salvaxe. Espanha 1939 foi creada entre Galicia, Portugal e Arxentina. Producida polo MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, coproducida por Centro Párraga (Murcia) e Festival Temps d'Images (Lisboa). Co apoio de Fundación START-Centro de Investigaciones Artísticas de Bos Aires, Festival Bad-Museo Guggenheim Bilbao, Centro Cultural Vilaflor (Guimarães), O espaço do tempo (Montemor-o-novo), e Zé dos bois (Lisboa). Seleccionada polo proxecto Fabulamundi. Playwrite Europa 2013/2014.

Ficha artística:

  • Creación e texto: Pablo Fidalgo Lareo.
  • Películas: Manuel Lareo Costas.
  • Dixitalización: eSe8.
  • Montaxe: Xurxo Chirro.
  • Interpretación: Mercedes Fernández Vázquez.
  • Asistencia técnica: Paul Eduard Guy.
  • Produción e web: Amalia Area.

Pablo Fidalgo Lareo (Vigo, 1984) escribiu o libro La educación física (Pre-textos, 2010), elixido por El Cultural como un dos cinco mellores libros de poesía publicados no 2010 en España. No 2012 gaña o Premio Injuve de poesía polo libro La retirada. Publicou o libro de artista El tiempo de las tragedias absurdas (Fundación Cuña-Casasbellas, 2012). No 2013 publica Mis padres: Romeo y Julieta (Pre-textos), que no 2014 será publicado en portugués pola editorial Averno. Os seus textos foron recollidos en varias antoloxías, e foron traducidos ao portugués, ao francés, ao polaco, ao inglés e ao persa. O seu relato ¿Qué quieren estas personas que llaman de madrugada? foi incluído na antoloxía de nova narrativa española Última temporada (Lengua de trapo, 2013).

En solitario creou a peza escénica O estado salvaxe. Espanha 1939 (2013), que se presentou en diferentes festivais de España, Portugal e Argentina, e que seguirá en xira durante o 2014 e o 2015. Forma parte de Sete anos, sete peças, un proxecto de creación dirixido por Claudia Dias. A súa peza escénica para adolescentes First we make the difficult, than will do the imposible, será posta en escena por Ana Borralho y Joao Galante, e formará parte do Ciclo Panos de Culturgest (Lisboa, 2015).

Foi artista residente en diferentes centros de creación como Centro CIA (Bos Aires), Centro Cultural Vilaflor (Guimaraes), SOMA (México DF), Centro Dramático Galego (Santiago de Compostela), Aula de Danza da UAH-La Casa Encendida (Madrid), Cal Estruch (Sabadell), Bilbaoeszena-Festival Bad, Centro Párraga (Murcia), Azala (Álava) Lanimal a la esquena (Girona). O seu traballo foi presentado en España, Portugal, Italia, Francia, Alemania, Polonia, Uruguai, Brasil e Arxentina.

Dende o 2004 ata o 2013 formou parte da compañía La Tristura, coa que estreou cinco pezas: La velocidad del padre, la velocidad de la madre; Años noventa. Nacimos para ser estrellas (Premio Injuve Propostas Escénicas 2008), Actos de juventud (Escena Contemporánea 2010), Materia Prima (La Casa Encendida, 2011; seleccionado para os Premios Max de Teatro como Mellor Espectáculo Revelación) e El sur de Europa. Días de amor difíciles (Escena Contemporánea 2013).

Estreou pezas en colaboración cos artistas Miguel Bonneville (¿Qué hacen a estas horas los coroneles?, 2014), Fon Román (Persona non grata, 2014), Uxía P. Vaello (Quiñones/Vaello, 2014) e Estefanía García (La democracia, 2009). Para o Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO) coordinou os ciclos Resistencias (2011) e Material memoria (2013-2014). Ademais foi comisario do ciclo El grado cero del teatro. Reescribir la historia desde la escena (Alhóndinga Bilbao, 2014) e é asesor de diferentes festivais. A partir do 2014 dirixe o proxecto estable MARCO Escena. Vive e traballa en Lisboa.

Compartir en Tuenti

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión