Concello da Coruña

Concello da Coruña

Poetas di(n)versos: OS TROBADORES GALEGOS E OCCITANOS ECOAN NAS VOCES DE DARÍO XOHÁN CABANA E AURÉLIA LASSAQUE

O último e primaveral trimestre de POETAS DI(N)VERSOS dá o pistolazo de saída neste vindeiro luns en que celebra o Día do Libro coa mellor poesía galega e de fóra de Galicia. O próximo 23 de abril, ás 20:30 h no Auditorio do Centro Ágora, unha nova cita da consolidada programación poética da Concellaría de Culturas da Coruña ofrecerá un recital en lingua galega e occitana.

A quen vai dirixido:

Para público en xeral

Cando:

23/04/2018

Xa rematou

Horario:

20.30 h

Enderezo:

Centro Sociocultural Ágora. Lugar da Gramela 17. 15010 A Coruña

Prezo:

Gratuíta

Documentos:

Dossier recital día 23 de abril (998 KB)

Os protagonistas serán o lugués Darío Xohan Cabana e mais Aurélia Lassaque, chegada dende a Provenza francesa. Se el fora o tradutor dos cancioneiros medievais occitanos para o galego, ela é hoxe a principal voz poética desta lingua en grave perigo de extinción.

         O galego e a francesa ofrecerán esta nova lectura pública de poemas dentro do ciclo que dirixe a tamén poeta e xestora cultural Yolanda Castaño. Será un acto aberto e gratuíto para todo o público interesado, dunha hora de duración aproximadamente, e novamente unha libraría coruñesa de proximidade poñerá á venda os títulos dos/as convidados/as no caso de que se lles queira solicitar unha sinatura.

         Esta sétima sesión do noveno ano consecutivo de POETAS DI(N)VERSOS constituirá unha boa celebración do Día do Libro a carón do xénero poético. O ciclo coruñés segue a ser a única cita estable coa poesía internacional -ademais da galega- que se celebra de xeito regular en toda España, en concreto, faino mes a mes nunha xeira ininterrompida que vai, cada curso, de outubro a xuño incluídos.

         O lugués, fillo de labregos, Darío Xohán Cabana é un dos nomes máis consagrados das letras galegas actuais e, a pesar de que a súa formación non fora máis alá do bacharelato, hoxe é membro numerario da Real Academia Galega. Poeta, narrador, ensaísta, autor de literatura infantil e xuvenil, e tradutor, por esta última faceta levou a medalla de ouro de Florencia tras editar A Divina Comedia en galego. Cuns cincuenta libros publicados ás súas costas, galardóns coma o Cidade de Ourense ou o Martín Códax adobían a quen se xubilou o pasado ano como funcionario do Concello de Lugo.

         Pola súa banda, Aurélia Lassaque é unha das grandes defensoras da diversidade lingüística, e como tal afánase en lle devolver esplendor á lingua dos trobadores occitanos do Medievo. Falada apenas no sur de Francia, no Val d'Aran e nuns poucos vales do Piemonte italiano, nesta lingua en risco de desaparición canta unha obra que está a concitar o interese de toda Europa. Así, os poemas de Lassaque xa foron vertidos a linguas coma o inglés, noruegués, hebreo, catalán, lituano, polaco, macedonio e italiano, e o seu segundo e último libro -no que actualiza o mito de Ulises- xa está a ser traducido nos EE.UU. Como é costume para ela, no seu recital do Ágora enriquecerá os seus textos con cantos tradicionais na súa lingua occitana, unha mostra do seu traballo que xa ten repetido por toda Europa, África, América, India e Indonesia.

Compartir en Tuenti

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión