Concello da Coruña

Concello da Coruña

POETAS DIN VERSOS. Sholeh Wolpé e Vicente Araguas

Inaugurarán o ciclo de outono dúas voces expatriadas en persa e en galego: a iraniana Sholeh Wolpé -nada en Teherán pero residente hoxe en Os Ánxeles (California)- e Vicente Araguas, natural de Xuvia-Neda e cabeza visible da literatura e a crítica literaria galegas exercidas dende Madrid

A quen vai dirixido:

Para público en xeral

Cando:

26/10/2015 ás 20:30

Xa rematou

Horario:

20.30 h

Enderezo:

Centro Sociocultural Ágora. Lugar da Gramela 17. 15010 A Coruña

Prezo:

Entrada libre, ata completar capacidade.

Documentos:

Programa (2 MB)


Sholeh Wolpé é poeta, dramaturga, editora e tradutora. Naceu no Irán e pasou a meirande parte da súa adolescencia en Trinidad e Gran Bretaña antes de se instalar nos Estados Unidos. É autora de tres libros de poesía, tres de traducións e editora de tres antoloxías. O último dos seus poemarios publicados é Marcando a hora con xacintos azuis. Como editora literaria publicou Rompendo as mandíbulas do silencio, unha antoloxía que reúne voces americanas da protesta, ou tamén a titulada O prohibido: poemas do Irán e os seus exilios. Entre as súas obras como tradutora cabe salientar unha antoloxía poética da fascinante poeta persa Forugh Farrokhzad, unha colección de contos de tres autores iranianos e unha co-tradución ao parsi do Canto a min mesmo de Walt Whitman. No prelo se atopa xa A conferencia dos paxaros de Attar, o poeta místico iraní do século XII. Wolpé foi galardoada en 2014 coa bolsa do Pen/Heim, en 2013 co Premio Midwest, e no 2012 co Premio Persa de Tradución Lois Roth. Ademais, gozou de bolsas como escritora en residencia coma a de Hedgebrook na illa Whidbey e a do Château de Lavigny en Suíza.

A súa obra ten sido traducida a varias linguas; os seus poemas e relatos foron incluídos en numerosas antoloxías tanto dos Estados Unidos coma doutros países. Wolpé impartiu aulas de escrita creativa e tradución literaria no máster de Stonecoast e, frecuentemente, participa en festivais, programas internacionais e diversas actividades universitarias. Reside hoxe en Os Ánxeles, California, e a súa páxina web é www.sholehwolpe.com.

 

Vicente Araguas. Natural de Xuvia – Neda (1950), converteuse en escritor en galego vivindo en Escocia. Acabaría instalándose definitivamente en Madrid, onde hoxe leva xa catro décadas.

Ademais de escritor de fondo, mantén un longo percorrido na docencia. Licenciado en Filosofía e Letras, é doutor en Filoloxía Inglesa cunha tese arredor do mundo poético de Bob Dylan. A súa ampla bibliografía (novela, ensaio, narrativa breve, traducións) acompáñase de milleiros de artigos en prensa diaria e revistas literarias.

Dende o seu xa afastado debut poético con Paisaxe de Glasgow (1978) ata o libro no que traballa actualmente, Hai tanto que non estabas, Araguas ten publicado unha ducia de poemarios en galego, recollidos en Maneiras de querer (2005); ben que Xuvia revisitada (2008) e Cando fóramos nevar (2013) viran a luz con posterioridade. Vertido ao inglés, catalán e italiano en diferentes escolmas, o propio Vicente Araguas é tradutor de poetas como Seamus Heaney, Derek Walcott, Alberto Calligaris ou Vittorio Gassman. Crítico literario en activo, El Urogallo, Leer, Revista de Libros ou Nordesía dan testemuña do seu traballo neste territorio. Coordinador das actividades poéticas da Casa de Galicia en Madrid durante a etapa dirixida por Alfonso S. Palomares, Vicente Araguas artellara nela as proveitosas “Estacións Poéticas”, polas que pasou a flor das poéticas galegas, españolas e portuguesas. Nos últimos tempos Araguas traballa, sendo director xunta o editor Sabino Torres, na preparación do primeiro número da revista de poesía Bilbao, aglutinadora da vida literaria galega asinada dende a capital do Estado, e filla do lonxevo faladoiro regular que manteñen.

Compartir en Tuenti

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión