Concello da Coruña

Concello da Coruña

Bibliotecas Municipais

Alcaldía

Coruña eFilm: a plataforma dixital

Coruña eFilm é un servizo de streaming gratuíto que ofrecen as Bibliotecas Municipais da Coruña para que poidas visionar películas e series coa Tarxeta Millennium ou o carné de biblioteca.

Comprobarás que o uso da plataforma é doado e intuitivo se xa coñeces este tipo de páxinas de streaming, pero, con todo, podes consultar calquera dúbida poñéndote en contacto connosco.

Quero rexistrarme en Coruña eFilm

Podes rexistrarte en Coruña eFilm desde a túa propia casa accedendo a coruna.efilm.online, empregando o mesmo correo electrónico que conste nos teus datos de socio/a, para o que tes que cumprir unha serie de requisitos previos, que son:

  • Ser socio/a das bibliotecas municipais da Coruña. Se non o es, podes solicitalo aquí.
  • Ter 14 anos ou máis.
  • Non ter préstamos atrasados nin ter o carné suspendido.
  • Ter usado o servizo de préstamo presencial nos últimos tres anos. Se non é así, deberás reactivar o perfil poñéndote en contacto coas Bibliotecas Municipais da Coruña.
  • E dispoñer dun dispositivo compatible e con acceso a Internet desde o que poder visionar as películas.

Que vou atopar en Coruña eFilm?

Na plataforma Coruña eFilm poderás acceder a tres tipos de contido:

  • películas, que poden ser dende curtametraxes e longametraxes e documentais ou películas de ficción,
  • series, que poden ser cursos de idiomas, programas documentais ou series de ficción organizadas por capítulos, ou
  • unha selección de revistas que resultan de grande interese por ofrecer unha variedade de temáticas e de edicións en diversas linguas, ademais de non computar no número de visionados semanais.

Clasificación do contido

Todo o contido de Coruña eFilm está organizado segundo xéneros e listas pensados para que accedas a aquilo que se adapte mellor aos teus intereses ou atopes as últimas novidades así como atractivas escolmas que permiten que te achegues a títulos que doutro xeito poderían pasarche desapercibidos.

Busca de contido

Se aínda así non atopas o que buscas, Coruña eFilm ten un buscador integrado no que podes buscar unha película ou serie concreta por título, director/a, actores, etcétera, ou ben un buscador avanzado no que filtrar por diversas opcións. Seguro que aquí está a túa!

Podo ver Coruña eFilm no meu dispositivo?

Calquera dispositivo con acceso a Internet e compatible co visionado servirá para poder ver o contido de Coruña eFilm: teléfonos móbiles, tabletas e ordenadores de mesa. Para velo no televisor, deberás conectalo con outro aparello mediante cable HDMI ou dispositivo chromecast ou similar, xa que non conta con APP asociada.

Cantas películas podo ver?

Podes ver dúas películas ou capítulos de series á semana, e cada venres reiniciarase a túa conta semanal. Terás entre 48 e 72 horas para poder velas antes de que desaparezan da túa conta de Coruña eFilm. Se non remataches unha película, podes volver visionala unha vez que se cumprise o prazo.

Debes saber tamén que en Coruña eFilm non hai reservas: todo o contido está dispoñible ao instante para que poidas gozalo cando ti decidas, 24 horas ao día/7 días á semana.

Se o que che gusta é ler revistas, podes descargar todas as que queiras sen límite.

Podo ver as películas noutros idiomas?

Podes ver as películas en calquera dos idiomas que aparezan na ficha de cada título. Moitas delas están en español, mais tamén poderás ver películas en portugués, inglés, francés, ruso, catalán... ou galego!

Podo ver unha ficha técnica de cada película ou serie?

Se antes de visionar unha película ou un capítulo dunha serie desexas ter máis datos sobre ela (a duración, os idiomas e subtítulos para elixir, se podes tela no teu perfil persoal 48 ou 72 horas, etcétera), terás que picar enriba de cada título particular, e aí Coruña eFilm abrirá unha ficha con todos os seus datos.

Nesa mesma páxina, ademais, permitirache acceder ao visionado da película ou serie ou gardala en favoritas para poder vela máis adiante, ou lembrala se é que xa a viches. Aínda que, neste último caso, Coruña eFilm conta ademais cun historial que podes consultar no teu perfil persoal.

Non podo acceder á plataforma ou a algún dos seus contidos

Isto pode deberse a varias causas:

  • a unha incompatibilidade ou un fallo técnico puntual,
  • a que se trate de contido non apropiado para ti (o contido para maiores de 18 anos está restrinxido ás persoas usuarias entre 14 e 18), ou ben
  • a que deixases de cumprir algún dos requisitos de acceso, probablemente o de ter algún préstamo atrasado e/ou o carné suspendido.

Se se trata dun erro, fala coa túa biblioteca; noutro caso, deberás solucionar esa circunstancia para poder acceder de novo á plataforma.

Busca no catálogo

Buscador de actividades

Escribe a palabra ou palabras que desexas buscar

Se o prefires, podes realizar a túa procura combinando distintos criterios. Só tes que acceder a procura avanzada

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión