Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

23 de maio de 2022

Anxo Castro e Noelia Papín triunfan nos Rosales

A cuarta proba do circuíto Coruña Corre levou o atletismo popular ao barrio dos Rosales con máis de 1.500 persoas inscritas.

Anxo Castro e Noelia Papín triunfaron na cuarta proba do Circuíto Coruña Corre, que este domingo desembarcou no barrio dos Rosales.

Máis de 1.500 deportistas inscribíronse a esta carreira, que tivo un percorrido próximo aos 6,5 quilómetros, con boa parte del polo Paseo Marítimo entre a zona de Labañou e do Portiño. A meteoroloxía respectou toda a xornada.

Na competición absoluta, Anxo Castro, do Vicky Foods Athletics, impúxose cun tempo neto de 20:11 e un ritmo de 3:09 por quilómetro.

Á cita co podio non faltaron dous dos habituais: Abdelaziz Fatihi, que sumou un novo segundo posto (21:03 de tempo neto), e Álvaro Presedo, do Club Marineda Atlético e gañador da proba de San Pedro de Visma, que acabou no terceiro caixón (21:27).

Outro dos nomes propios desta edición de Coruña Corre, Álvaro Marín, foi cuarto, tamén por baixo dos 22 minutos.

As irmás Papín, do Club Atletismo Sada, protagonizaron a categoría feminina e ocuparon dous dos tres caixóns do podio. Noelia adxudicouse a proba cun tempo neto inferior aos 26 minutos (25:59), cun ritmo de pouco máis de catro minutos por quilómetro.

A pouco, uns quince segundos, cruzaron a meta Penélope Martínez (26:14 de tempo neto), do Triatlón Arteixo, e Inés Papín (26:20).

David Murado dominou a categoría sub-18 en rapaces, aínda que Iago Prada, sub-16, mellorou o seu tempo, e Alba Pena foi a gañadora sub-16 con mellor crono que Susana Amor, quen se adxudicou a clasificación sub-18.

Lida Balseiro e Pablo Vázquez triunfaron en sub-14; Lucía Ageitos e Jeyden Jael Silva gañaron en sub-12, e Lucía Gundín e Hugo Cordal, en sub-10.

Á carreira sumouse a concelleira de Deportes do Concello da Coruña, Mónica Martínez, que deu o pistoletazo de saída da proba absoluta e, posteriormente, uniuse ao grupo como parte dos Marines Enki.

Botóns sociais

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión