Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

9 de abril de 2019

Case 2.000 persoas participarán este domingo no Maratón Atlántica e na proba popular 10K, que contará con puntos de animación no seu percorrido

As bandas de Locais de Ensaio Sala5, Theta Waves e Crimson and Clover actuarán no Obelisco, mentres que a praza de María Pita contará cun espectáculo de artes circenses de Circo Chosco e o acceso á entrada do Porto cun DJ

O Concello da Coruña acollerá este domingo, 14 de abril, a oitava edición do Maratón Atlántica Coruña42. A carreira de maior distancia das que organiza a administración local, e que coincide coa celebración do Campionato Galego Absoluto, comezará contra ás 08.30 horas e terá a súa saída no Obelisco. Durante 42.195 metros, nun circuíto homologado pola Real Federación Española de Atletismo, as e os atletas percorrerán o bordo litoral coruñés así como as principais rúas do casco urbano, a través dos Cantóns, a enseada do Orzán e os terreos portuarios de Oza. O maratón, como é habitual, estará acompañado desde as 08.45 horas por unha carreira popular máis accesible para a veciñanza, coñecida como 10K, que conta cunha distancia de 10 quilómetros.

En total 1.997 persoas participarán nas dúas probas. De cara a animar ás e aos participantes e a convidar á veciñanza a gozar do ambiente festivo e deportivo da proba, o Concello ofrecerá unha programación complementaria durante o seu desenvolvemento. Así, no Parrote, entre as 10.00 e as 14.00 horas, terá lugar unha nova edición do Garabato de Xogos, un espazo para nenas e nenos con xogos de habilidade feitos con material reutilizado. Tamén o Obelisco será o escenario, entre as 12.00 e as 14.00 horas, de concertos de tres grupos dos Locais de Ensaio municipais. O primeiro en actuar será o sexteto de pop rock Sala5, que leva 3 anos xirando por todo o país. A continuación, terá lugar o concerto de Theta Waves, formación que se move entre os estilos punk e grunge e, finalmente, as gañadoras do concurso do último Festival Solidario Coruña en Directo, Crimson and Clover, ofrecerán unha proposta ateigada de rock dos 70.

A praza de María Pita, espazo no que se situará a meta e a entrega de premios --ás 12.00 horas da 10K, e ás 14.15 horas do Maratón Atlántica e do Campionato Galego Absoluto e de Veteranos individuais e de clubs--, tamén contará con animación que ofrecerá a compañía Circo Chosco, entre as 12.30 e as 13.30 horas aproximadamente. O espectáculo Forzu2, ateigado de humor, ofrecerá acrobacias aéreas, malabares imposibles e lume.  

Ao longo do percorrido, no acceso e saída da estrada do Porto, nun dos puntos máis complicados para as e os participantes no Maratón Atlántica, o Concello establecerá desde as 08.30 horas, da man do Club Hércules Termaria, un punto de animación, denominado O muro do inferno. Neste espazo un DJ e un speaker ambientarán a entrada e saída do treito. Precisamente este Club, co que se realizaron diversos adestramentos abertos para a preparación tanto de Coruña21 coma de Coruña42, celebrará outras dúas propostas.

A primeira será o Breakfast Run Solidario, unha iniciativa na que tamén participará Decahtlon e que terá lugar o sábado 13, a partir das 10.00 horas. Celebrarase unha recepción de atletas e quedada para correr, desde Riazor até a Torre, cun percorrido de 6,5 km aproximadamente. Para poder participar é necesario facer, como mínimo, unha achega solidaria dun quilogramo de alimentos que se destinarán ao Banco de Alimentos Rías Altas. Toda a información sobre esta actividade e a súa inscrición pódese facer a través de http://termaria.es/breaksfast-run. Finalmente, o domingo 14, e durante o desenvolvemento da Coruña 42, o Club programará desde as 10.00 e até as 13.00 horas un Zumbatón solidario, aberto tamén á veciñanza pero que require unha inscrición solidaria previa, que se pode facer a través de http://termaria.es/zumbaton-2019.

Botóns sociais

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión