Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

13 de xaneiro de 2022

Coruña Corre regresa con novidades na súa novena edición

A novena edición do Circuíto Carreiras Populares #CoruñaCorre arranca coa apertura do prazo de inscrición dun evento deportivo que leva o running a varios barrios herculinos e que comezará o próximo 23 de xaneiro coa Popular Matogrande. Incorporarase este ano o servizo de coidado de menores para aquelas familias ás que lles gustaría participar ao completo, ademais de distintas clasificacións de equipos

A novena edición do Circuíto Carreiras Populares #CoruñaCorre arranca o próximo 23 de xaneiro coa popular de Matogrande. Incorporarase este ano o servizo de coidado de menores para aquelas familias que queiran participar ao completo.

Corpo: Coruña Corre comeza coa súa novena edición tras a apertura do prazo de inscrición a través da web www.corunacorre.com.

Será gratuíta para as categorías sub-18, sub-16, sub-14, sub-12, sub-10 e peques. A cota de inscrición para o resto de participantes será de 24 euros, 12 pola inscrición e 12 polo chip. Aquelas persoas que devolvan o chip recibirán unha devolución de 5 euros ao finalizar o circuíto.

As persoas desempregadas, as de máis 65 anos e as posuidoras do Carné Xove terán un desconto de 5€.

O prazo para inscribirse no Circuíto finalizará ás 23.59 h do domingo 1 de maio, data na que remata tamén o período para anotarse na Baixada Popular de Cros San Pedro de Visma, que se celebra o 8 de maio.

As datas das diferentes carreiras tras a de Matogrande serán as seguintes: o 26 de marzo celebrarase a carreira nocturna da Torre de Hércules. A Baixada Popular de Cros de San Pedro de Visma o 8 de maio, e o 22 de maio a carreira dos Rosales. Tras a pausa dos meses propios do verán, o circuíto volverá o 11 de setembro coa Volta a Oza. As dúas últimas carreiras serán o 23 de outubro no Ventorrillo e o 27 de novembro en Novo Mesoiro.

En cada unha destas probas será posible inscribirse de forma individual con cota de 5 euros para maiores de 18 anos en xeral e de 3 euros para persoas desempregadas, as de máis de 65 anos e as posuidoras do Carné Xove. Os chips desbotables están incluídos no importe.

Servizo de coidado de menores

A familia volverá ser un dos grandes alicientes do Coruña Corre e con ese obxectivo recuperouse a participación dos pequenos da casa. Para facilitar a conciliación ás familias e que todos os seus membros poidan correr, ofrécese o servizo para coidado de menores, que será un espazo acoutado e controlado por monitores de tempo libre onde os pequenos poidan estar atendidos e gozar con xogos e outras actividades lúdicas nunha contorna segura.

Ademais, nesta edición existirá a posibilidade de poder formar equipo nas seguintes modalidades:

Equipo Familiar

Considérase equipo familiar a partir de 2 integrantes e só membros que se atopen na seguinte liña de parentesco: avós/as, pais/nais, netos/as, irmáns/as, fillos/as e parella.

Para que un equipo familiar puntúe nunha proba será preciso que finalicen a proba polo menos dous atletas da unidade familiar, independentemente do xénero ou a categoría.

Na clasificación familiar, cada integrante do equipo obterá os mesmos puntos que o posto que ocupe na clasificación da súa categoría. Á suma deses puntos restaráselle un punto pola participación de cada Peque, en caso de os houber. Por último, dividirase polo número de integrantes da unidade familiar, sen contar aos peques.

Será necesario que o equipo puntúe en cinco carreiras como mínimo. Para a clasificación final do circuíto computaranse os cinco mellores resultados.

Equipos Mixtos

Para poder puntuar, un Equipo Mixto deberá estar formado por un mínimo de 3 e un máximo de 4 persoas, independentemente do seu xénero.

Existe a posibilidade de participar en 2 tipos de equipos mixtos:

  • Equipos Mixtos Absolutos: Os equipos cuxos integrantes participen nas carreiras absolutas do circuíto.
  • Equipos Mixtos de Menores: Os equipos cuxos integrantes participen nas categorías Sub-16 e Sub-18.

Para que un Equipo Mixto puntúe será preciso que finalicen a carreira polo menos tres atletas do equipo. A puntuación do equipo nesa carreira será o resultado de sumar os puntos alcanzados polos seus tres mellores integrantes en cada unha das súas categorías de idade e xénero.

Será necesario que o equipo puntúe en cinco carreiras como mínimo. Para a clasificación final do circuíto computaranse os cinco mellores resultados.

Participación colectiva por Centro Educativo

Os participantes nas categorías de menores poderán puntuar polo seu Centro Educativo na clasificación final do circuíto. Para iso é suficiente con que o participante seleccione no momento de facer a inscrición o centro no que está matriculado.

Na clasificación por Centros distínguense dúas categorías:

Centros educativos ata Sub-14

Trátase dunha clasificación basicamente participativa, na que cada atleta sumará un punto para o seu centro con cada participación.

Para entrar na clasificación final do Circuíto cada centro educativo deberá finalizar cinco probas, aínda que puntuarán as sete que integran o circuíto.

Clasificación equipos mixtos para centros educativos de Sub-16 e Sub-18

Por unha banda teremos unha clasificación participativa na que cada equipo mixto sumará un punto para o seu centro con cada participación, para o que será preciso que finalicen a carreira polo menos tres atletas do equipo.

Para aparecer na clasificación final do Circuíto cada centro educativo deberá finalizar cinco probas, aínda que puntuarán as sete que integran o circuíto.

Doutra banda, os equipos mixtos Sub-16 e Sub-18 dos centros educativos participarán como tales na Clasificación de Equipos Mixtos.

Botóns sociais

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión