Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

7 de febreiro de 2019

A XI edición do Medio Maratón Coruña21 celebrarase o 17 de febreiro cun circuíto que terá no Obelisco a saída e a meta

O responsable de Deporte, José Manuel Sande, salienta que a proba conta, a día de hoxe, con 2.000 persoas inscritas. O período extraordinario para formalizar a solicitude para participar finalizará o vindeiro domingo 10

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou esta mañá no Pazo de María Pita a XI edición do Medio Maratón Coruña21, que se celebrará o vindeiro domingo 17 de febreiro no termo municipal. A proba, que forma parte do circuíto oficial de competición da Real Federación Española de Atletismo (RFEA), comezará ás 10.00 horas no Cantón Grande, espazo no que se situará tamén a meta. "A nova edición da carreira municipal C21 dá mostra da consolidación da Coruña como unha cidade deportiva, saudable e en boa forma", salientou o edil, quen destacou que un dos obxectivos da administración pública no eido da xestión deportiva debe ser favorecer a vertente saudable e de competición do deporte. "Ao longo de todo o ano A Coruña conta cun importante calendario de carreiras populares e probas de alto nivel, ás que por segunda ocasión consecutiva unirase o Campionato de España de Triatlón, o que acredita o papel da cidade nos circuítos estatais de atletismo", aseverou Sande, quen estivo acompañado na presentación pola directora técnica da Federación Galega de Atletismo (FGA), Madó GonzálezO responsable municipal sinalou que, a día de hoxe, Coruña21 conta con 2.000 persoas inscritas. Entre as e aos atletas de élite que xa confirmaron a súa presenza na cita deportiva, están o marroquí Hassam Oubaddi, recente vencedor do Medio Maratón de Sevilla ou a etíope Chaltu Negesse Chawo, gañadora do Maratón de San Sebastián 2018. "Agardamos tamén contar con 2 atletas de Galicia recoñecidos nesta distancia, como son Paula Mayobre e Alejandro Fernández", apuntou Madó González, quen tamén salientou que, do total de inscricións, aproximadamente un 12% son femininas. "Cada vez máis mulleres anímanse a percorrer esta distancia", aseverou.  

Coruña21 conta cunha distancia homologada pola RFEA de 21.097,50 metros, nun circuíto de dúas voltas "moi rápido e chairo, polo que favorece boas marcas", segundo explicou a directora técnica da FGA, e que parte do Obelisco e percorre a avenida Linares Rivas, avenida do Exército e a Estrada do Porto. Na rotonda de Oza as e os atletas regresarán polo percorrido realizado até a rotonda das Ánimas, lugar no que emprenderán a segunda volta do trazado. Unha vez neste mesmo lugar, continuarán até o cemiterio de San Amaro polo Paseo Marítimo e, desde os Pelamios, afrontarán os últimos quilómetros do Medio Maratón. O peche da proba realizarase ás 12.30 horas e, como nas anteriores edicións, establecerase un tempo de 1 hora e 15 minutos no paso polo 10 km. Precisamente o tempo que se acade nos 10.000 metros obterá a consideración de oficial, "un aliciente que, unido ás condicións do trazado, fan que Coruña21 sexa moi atractiva para as e os atletas", apuntou González.  

Inscrición extraordinaria e recollida de dorsais

A proba, organizada en colaboración coa Federación Galega de Atletismo, chega no día de hoxe, xoves 7 de febreiro, ás 2.000 persoas inscritas, o que supón un incremento da participación respecto á pasada edición. Logo do peche do período ordinario o pasado día 3, Coruña21 manterá aberto até este domingo 10 o prazo extraordinario de inscrición a través do web da FGA www.carreirasgalegas.com. Neste caso a cota orixinal increméntase até acadar os 25 euros.

Na Coruña21 poderán correr as persoas maiores de 18 anos, cuxa participación establecerase en función das diferentes categorías --Sub20, Sub23, Sénior e até sete modalidades máster, ademais da categoría para atletas con diversidade--. As e os participantes poderán recoller os seus dorsais no departamento de Deportes de El Corte Inglés do centro comercial Marineda City o venres 15, en horario de 17.00 a 21.30 horas, e o sábado 16, en horario continuo de 10.00 a 21.30 horas. Como é habitual nas carreiras municipais, o Concello habilitará un prazo excepcional para a recollida. Deste xeito, todas aquelas persoas que non teñan a posibilidade de desprazarse antes do domingo á cidade poderán recoller o seu dorsal o mesmo día da proba, na zona da saída, entre as 08.00 e as 09.00 horas.

Os dorsais contarán cun código QR que permitirá coñecer os rexistros de forma instantánea, e distinguiranse con cores, asociados aos caixóns de saída da proba.  Estableceranse cinco caixóns (verde, vermello, amarelo, azul e morado) en función dos tempos das e dos atletas tanto nos 10 coma nos 21 km. sí, mentres que no primeiro caixón (verde) estarán os homes que percorran os 10 km en menos de 33 minutos e os 21 km en 1 hora e 20 minutos, e as mulleres que fagan os 10.000 metros en menos de 40 minutos e 1 hora e 35 minutos o medio maratón, no último caixón (de cor morada), situaranse aquelas persoas cuxos tempos sexan superiores aos dos anteriores caixóns -que se poden consultar na web www.coruna.gal/carreiraspopulares-, ou que non posúan ningún tipo de marca.  

Premios e servizos

A entrega de premios terá lugar a partir das 12.30 horas nun palco situado xunto á meta, no Cantón Grande. Haberá recoñecementos para as primeiras persoas clasificadas --en función da posición na xeral absoluta e nas distintas categorías masculinas e femininas--. A organización outorgará, ademais, un premio acumulable de 500 euros a aquelas persoas que superen a marca da proba, que se establece en 1:02:57 na categoría absoluta masculina, e 1:11:16 na feminina.

Por outra banda, o Servizo Municipal de Deportes dotará de servizos ás e aos participantes, como gardarroupa --no Obelisco, desde as 08.30 até as 09.30 horas, e de 11.15 a 13.00 horas--, duchas --no Pazo dos Deportes de Riazor--, ou avituallamento --que se situará tanto na meta como ao longo do circuíto--, entre outras propostas. Para máis información sobre o Medio Maratón Coruña21., que conta co patrocinio de entidades como El Corte Inglés, Coca Cola, San Brandán e  Powerade, e a colaboración do Club de Atletismo Coruña Comarca, Marineda Atlético, Riazor Coruña, Club Hércules Termaria e Cruz Vermella, pódese visitar a páxina web municipal de Carreiras Populares, www.coruna.gal/carreiraspopulares.  

Documentos:

Medio Maratón Coruña21 (2 MB)

Botóns sociais

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión