Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

9 de xaneiro de 2017

O Concello mantén aberto ata o día 11 de xaneiro o prazo de inscrición para a II Carreira Popular de Matogrande

A cita deportiva, que se celebrará o 15 de xaneiro, comezará coa proba da categoría absoluta ás 10.30 horas

A terceira proba do V Circuíto de Carreiras Populares Coruña Corre celebrarase o próximo 15 de xaneiro no barrio de Matogrande. A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento, que dirixe José Manuel Sande, lembra que o prazo de inscrición para participar nesta cita deportiva, que festexará a súa segunda edición, estará aberto ata o próximo mércores 11 de xaneiro, ás 23.59 horas, a través da web municipal www.coruna.gal/carreiraspopulares. A carreira, que comezará ás 10.30 horas no caso da categoría absoluta, terá situada a meta e a saída na rúa Sebastián Martínez Risco, xunto ao Centro Liceo La Paz, e desenvolverase pola rede viaria do Campus de Elviña. O peche de control será ás 11.30 horas e, unha vez realizado este, comezarán as probas das categorías inferiores.

Todas as persoas que desexen participar, tanto as que xa estean apuntadas no circuíto, como as que non, deberán inscribirse tanto a través da web municipal, como de forma presencial na oficina de Viaxes El Corte Inglés en avenida de Rubine, nº 3-5, de 09.30 a 14.00 horas e de 16.30 a 20.00 horas. Para as persoas que non formen parte de Coruña Corre, a cota de inscrición será 2€ --agás para as e os menores de idade, que é gratuíta-- mentres que, para as persoas desempregadas, maiores de 65 anos ou usuarias do Carné Xove, será 1€.  

Os dorsais para a II Carreira Popular Matogrande poderán recollerse no Colexio Liceo La Paz o sábado 14 de xaneiro, de 11.00 a 13.30 horas, e de 16.30 a 21.00 horas, así como o domingo 15 ata unha hora antes do inicio de cada carreira. No propio recinto escolar estará situado o servizo de duchas e gardarroupa o día da proba, cuxa entrega de premios será ás 13.15 horas.

Por outra banda, a Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento lembra que o 11 de xaneiro tamén finalizará o prazo de inscrición para o Circuíto de Carreiras Populares Coruña Corre e que, para poder puntuar neste, será necesario participar en 5 das 7 probas da serie. Os prezos deste ano son os mesmos respecto á tempada pasada, sendo 10€ para o público xeral de máis de 18 anos, gratuíto para menores de idade, e de 7€ para o colectivo con bonificación --persoas desempregadas, maiores de 65 anos ou usuarias do Carné Xove--.

Para puntuar no sistema de cronometraxe e figurar nas clasificacións do circuíto, será obrigatorio o uso do chip. As e os corredores que non dispoñan do mesmo poderán adquirilo por 12€ ao inicio da serie e, ao devolvelo ao remate da mesma, recibirán 6€. Este ano, como novidade, poderá adquirirse un chip de uso exclusivo para cada unha das probas por un prezo de 2€, agás para o colectivo con bonificación, que aboarán 1€.

Toda a información sobre as categorías, sistema de clasificación e premios está dispoñible no regulamento do Circuíto, que pode consultarse no web www.coruna.gal/carreiraspopulares


 

Botóns sociais

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión