Vista aérea do castro e da súa contorna
Dominando terra e mar
O castro de Elviña está situado nun montículo de 115 metros, asociado aos montes da Zapateira, que dominan o acceso á península coruñesa desde as terras do interior. Foi construído nunha posición estratexicamente avantaxada: sobre un cerro, illado no centro do val e dominando un amplo horizonte desde o que se controla toda A Coruña.
Conta con numerosas terras de labradío, nunha contorna moi apta para a agricultura e a gandería, que o converten nunha localización idónea para a subsistencia dunha sociedade agrícola como o foi a castrexa. Hoxe en día, aínda se estenden por el terrazas de cultivo ben estruturadas e comunicadas co castro que poderían datar mesmo da dita época, como indican os topónimos da zona: maceiras, viñas, sobrado, souto, grelas, fontenla...
A ría que nace aos seus pés ofrece boas características para a navegación de navíos dedicados ao comercio a longa distancia, bos portos e fondeadoiros, e constitúe ademais a saída máis cómoda cara ao mar dunha zona que presentou unha considerable ocupación castrexa.
Vista aérea do castro e da súa contorna
Ademais, é unha das escasas zonas das Rías Altas nas que é posible desenvolver unha navegación interior e a súa situación central dentro do territorio ártabro favorecería a chegada de produtos mineiros procedentes do interior desta zona, como o ouro das concas de Anllóns e Mero, da área de Prior e Valdoviño ou do estaño de Arteixo e Bergantiños.
Fotografía aérea do castro de Elviña
De castro a citania romana
A comezos da II Idade do Ferro, a paisaxe do noroeste peninsular debúxase sobrecargada de castros de pequenas dimensións, e cambia a finais do século II a.C. na franxa meridional de Galicia e o norte de Portugal, para pasar a ser parte da administración romana do convento Bracarense.
Nesta época, asistimos a unha serie de transformacións que propician que certos castros amplíen a súa superficie habitable de forma considerable: crecendo as liñas de muralla, creando novos recintos, chans pavimentados, sistemas de rede de sumidoiros, construíndo espazos colectivos...
Fotografía aérea do castro de Elviña
Estes poboados extensos son denominados citanias, oppida ou protocidades e pasaron a funcionar como lugar estratéxico e central con respecto aos castros da contorna. Convertéronse en lugares que concentraron diversas funcións de carácter económico, social, político e relixioso, e sitúanse sempre cunha avantaxada posición sobre as vías de comunicación.
O castro de Elviña destaca por ser o único oppidum ou castro fortaleza que se coñece na parte norte do territorio dos galaicos, no que exercerá grande influencia como punto de comunicación entre o porto e o interior, principalmente cara á cidade romana de Lugo.
Fotografía aérea do castro de Elviña durante as intervencións
A súa localización converteuno nun punto de encontro de xentes doutros castros da contorna, visitantes procedentes de lonxe, comerciantes, soldados e os propios residentes do castro, que acudirían a mercar e vender produtos e obxectos, concertar tratos de diverso tipo e celebrar cerimonias relixiosas e ritos de paso, como vodas ou funerais.
Algunhas tendencias sinalan estes cambios como o resultado da influencia directa de Roma, mentres outras atribúenas ao propio desenvolvemento das comunidades indíxenas.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible