Plano da ría e cidade da Coruña do cartógrafo portugués Pedro Teixeira, 1634
Unha vocación liberal que vén de antigo
A posición xeográfica estratéxica determinou o devir da cidade. Primeiro, co establecemento romano e o seu faro, e despois coa cidade, de fácil defensa grazas á orografía e artificialmente potenciada mediante a creación dun sistema funcional de murallas e cercas.
Durante a Idade Media ampliáronse as rutas marítimas e os contactos comerciais con outras zonas, en moitos casos, auspiciados polos privilexios outorgados polos monarcas. Nestes momentos, a cidade cambiará de posición por cuestións estratéxicas. Todo finaliza e o fin da pax romana motiva o traslado de problación desde o istmo á parte alta. Tamén se cambia o topónimo antigo polo de Crunia e créase o Concello, base para a obtención do título de cidade. Entre os fitos que marcan este desenvolvemento podemos citar o privilexio do comercio de sal en 1255, o de franquía fiscal de 1286 para persoas e produtos e a posta en funcionamento dunha liña regular co porto británico de Bristol, cara a finais do século XV. A cidade vella crecía e reocupábase a zona do istmo, lugar no que se establece o poderoso gremio de mareantes.
Mais o desenvolvemento da cidade, como na época antiga, estivo relacionado co seu porto e a actividade comercial e industrial. No 1503 Carlos I outórgalle a celebración dunha feira anual de trinta días. As presentaciónes realizadas á coroa, reverteron na cidade coa implantación de organismos relacionados coa delegación dos poderes estatais no Reino de Galicia. Na cidade reuníase a Xunta do Reino e no século XVIII aloxará a Intendencia Xeral de Galicia. Os correos marítimos con ultramar ampliarán o espectro de mercado cara a América.
Co devir do tempo crearanse fábricas de industrias dedicadas ao téxtil, conservas, salgadura e outras moitas actividades. Todo este crecemento económico foi parello ao social e cultural, visibles entre outros aspectos na fundación de importantes institucións científicas e humanísticas vinculadas a un sentimento liberal moderno, que galvanizará a personalidade da urbe.
Sobre estes antecedentes, xa na época contemporánea, a cidade da Coruña será o xerme de diferentes movementos sociais, culturais e de carácter político, vinculados ao nacemento do galeguismo e da valorización da propia identidade.
Como na antigüidade, as cousas e as xentes viñeron polo mar de lonxe, e tamén se foron por el, xuntándose co propio e mesturándose co alleo. A posición da cidade e a actitude da xente fixo posible que entre Mediterráneo e Atlántico primeiro e entre vello e novo continente despois, a cidade fose porto central na primeira liña de escala das ideas.
Plano da Coruña e inmediacións, José Velarde, 1812 (Ministerio de Defensa)
Plano da Coruña e inmediacións, José Velarde, 1812 (Ministerio de Defensa)
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible