A década dos 80
A finais da década dos 70, e co apoio do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, elaborouse o "Plan Integral de Consolidación e Investigación Arqueolóxica" do Castro de Elviña. O obxectivo era promover unha nova actuación de recuperación, revalorización e difusión do xacemento, aproveitando as estruturas previamente escavadas.
As intervencións realizáronse entre 1979 e 1985 baixo a dirección de Felipe Senén López Gómez, por aquel entón, director do Museo de Santo Antón. A maior parte dos traballos centráronse na limpeza e consolidación do previamente escavado. Con todo, tamén se realizaron traballos de reescavación dalgunhas estruturas: en 1980, realizáronse traballos de limpeza e escavación nos lenzos da muralla e nalgunhas estruturas xa escavadas (Casa do Tesouro, Casa da Exedra, Templo, Pozo-Alxibe etc.). En 1981, procedeuse a unha nova escavación parcial na área da Exedra, permitindo a súa exhumación completa. Os traballos de consolidación e restauración continuaron en 1982 e 1983, implicando tamén unha reconstrución planimétrica de plantas e alzados. En 1984, os traballos centráronse no paramento da muralla este e na Casa da Exedra.
Finalmente, na última campaña realizada (1985), levouse a cabo a primeira intervención na croa, en concreto, no sector sueste. Alí, identificouse o muro de rolda que delimita a parte interior das estruturas da croa, así como os primeiros indicios do Edificio dos Betilos (aínda que sen chegar a coñecer o verdadeiro alcance da construción identificada). Tamén se interveu na área nordés da muralla da croa, aínda que non se deixou constancia escrita desta actuación.
A pesar do empeño posto polo museo, os seis anos de campañas non tiveron continuidade e a actividade arqueolóxica en Elviña cesou despois do outono de 1985. O castro quedaba en perfecto estado de visita, pero alleo á incerteza á que se vería abocado pouco despois.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible