Unha actividade, múltiples posibilidades
A metalurxia era unha actividade de gran relevancia durante a Idade do Ferro, e tamén o foi no castro de Elviña. Durante as primeiras centurias da Idade do Ferro do Noroeste, a única metalurxia coñecida e difundida era a do bronce, do cobre e do estaño. A metalurxia do ferro foise expandindo desde o sur a partir dos ss. VII-VI a.C., e durante os ss. V-IV a.C. xa estaba completamente estendida por todo o territorio galaico. A metalurxia do ferro supuxo un cambio significativo, pois, a diferenza coa do bronce, non implicaba a fundición total da materia prima (isto só se alcanzaría co uso do carbón mineral no s. XVII), requiría de áreas específicas e diferenciadas para a preparación da materia prima e a obtención final do obxecto (é dicir, para o fundido e o forxado, respectivamente) e tamén implicaba un coñecemento moito máis preciso e específico.
Debemos sinalar, con todo, que a metalurxia prehistórica non contaba coa concepción tecnificada e industrializada que ten para as sociedades contemporáneas. En sociedades non industrializadas, a metalurxia percíbese como unha actividade cargada de simbolismo e relixiosidade, que para o seu bo fin non só require controlar a técnica, senón tamén a todos os axentes espirituais, relixiosos e simbólicos que se poidan ver involucrados. Entre outros aspectos, este feito pode apreciarse no cambio significativo dos lugares nos que se produce metal, que pasan de formar parte da actividade do castro para ser localizados en ámbitos periféricos e alleos ao cotián. Isto non só remarca a necesidade de evitar procesos tóxicos, senón a necesidade de controlar e preservar o coñecemento de todos estes procedementos, aos que só podían acceder aqueles iniciados.
En Elviña, contamos con varias evidencias de produción de metal. O máis destacado sitúase ao sur da porta suroeste de acceso á croa, con abundantes evidencias de obradoiros de forxado, escouras, crisois e moldes de fundición. Tamén é posible que existise un taller de ourive no interior da croa, formando parte dun dos grandes conxuntos domésticos.
Tamén che pode interesar
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible