Contos, lendas e encantamentos
A gran maioría dos xacementos arqueolóxicos de Galicia teñen lendas e contos asociados a eles, sendo elementos comúns os mouros e as galiñas e pitos de ouro. Elviña non é unha excepción.
"Toda a veciñanza da comarca sabe do encanto das croas no castro de Elviña, porque alí aparecían uns mouros que lle daban moitas onzas á veciñanza que lles levaba gando, leite ou manteiga..."
Unha vez abandonado o castro, esta zona converteuse para a veciñanza das aldeas próximas nun lugar do monte a onde levar o gando e recoller toxo, habitado por seres fantásticos, recordo dunha ocupación anterior: os mouros.
"...Os mouros cubrían as casiñas con xestas e terróns, as portas eran moi pequenas, os pratos, cuncos e culleres eran de madeira, traballaban de sol a sol."
Relativo ao Castro de Elviña reproducimos o seguinte conto:
"Toda a veciñanza da comarca sabe do encanto das croas no castro de Elviña, porque alí aparecían uns mouros que lle daban moitas onzas á veciñanza que lle levaba gando, leite ou manteiga; e ao haber mouros, tamén tiña que haber encanto e tesouro, ao parecer. Así foi como un día hai moitos anos, un mozo de Someso fíxose co libro de San Cibrao e faloulle a un amigo seu de se quería ir con el levantar o tesouro.
Postos de acordo os dous homes, que tamén eran veciños, fóronse antes de raiar o sol camiño das Croas, e ao chegar, o do libro fixo canto é costume, pero, ao ler, equivocouse e leu ao dereito, como é mandado para os cristiáns, e non ao revés, como tiña que facer, e entón ergueuse da terra unha cousa que nunca souberon o que foi, se o vento ou unha forza estraña e misteriosa, pero o que si souberon, posto que o contaban, é que o que fose lanzounos polo aire, cal foguetes, e foron caer a máis de seiscentos metros do castro, no medio dun prado, preto das casas onde eles vivían.
Gañaron moito medo e correron un gran perigo, dise, e se nunca souberon dicir que cousa fora a que os lanzara polo aire, nin como ocorrera, en moito tempo ao cerrar os ollos volvía a eles aquela sensación de caer no baleiro, ademais que botaron moitos días entre a vida e a morte, de tan forte golpe como levaron ao caer no chan."
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible