A década dos 80
Tras anos de abandono, o Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón establece unha orde de prioridades na recuperación de Elviña, apoiado polo Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, e elabora unha nova serie de campañas enfocadas á recuperación, revalorización e difusión do anteriormente escavado.
As intervencións realizadas entre 1979 e 1985 supuxeron tamén unha profunda revisión dos métodos de actuación da etapa anterior. Do concepto de reconstrución total levado á práctica no último ano de escavación, pásase a unha idea máis respectuosa da realidade dos vestixios arqueolóxicos e das técnicas desta disciplina científica.
Nelas someteuse ao xacemento a un profundo acondicionamento e redescubrimiento das estruturas. Liberouse a maleza da súa contorna e consolidáronse os muros, e coroáronse as fiadas conservadas.
Os esforzos tamén se dirixiron cara á implicación do medio social, creando un taller-escola permanente para tarefas de consolidación e un museo de sitio con finalidade didáctica, segundo o modelo dos parques arqueolóxicos europeos, tanto do asentamento como das técnicas empregadas na investigación e na consolidación arqueolóxica.
A pesar do empeño posto polo museo e o seu director, Felipe Senén López, os seis anos de campañas non tiveron continuidade e a actividade arqueolóxica en Elviña cesou tras o outono de 1985. O castro quedaba en perfecto estado de visita, coas súas construcións escavadas, os seus materiais ordenados e expostos no Museo de San Antón e as súas murallas restauradas.
Tamén che pode interesar
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible