Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

6 de outubro de 2022

Os traballos no Paseo, con 3,1 millóns de orzamento, permitirán a reurbanización de un tramo de case quilómetro e medio e o soterramento dos carrís do tranvía desde o viaduto das Ánimas

Adxudicadas por 13,5 millóns de euros as obras de renovación do Paseo Marítimo e do mercado de Monte Alto

A alcaldesa, Inés Rey, subliñou a importancia da intervención no mercado de Monte Alto, dotada con 10,4 millóns de euros, “un dos investimentos máis elevados do actual mandato”

O Goberno de Inés Rey aprobou hoxe, en xunta de goberno, a adxudicación dos traballos para a reurbanización do tramo do Paseo Marítimo entre o dique de abrigo e o cemiterio de San Amaro, un percorrido de case quilómetro e medio de lonxitude que será renovado e mellorado co obxectivo de humanizar un espazo emblemático da cidade.

A alcaldesa, Inés Rey, puxo en valor o proxecto, integrado dentro da Estratexia Urbana de Desenvolvemento Sostible (EIDUS), e que implicará un investimento de 3,1 millóns de euros, cofinanciados con fondos europeos FEDER. "Desta forma, poderemos acometer a transformación integral do sector leste do Paseo Marítimo e mellorar a contorna en termos urbanos e ambientais", sinalou a rexedora.

A intervención, que acometerá a empresa Petrolam Infraestructuras, supón a substitución do firme e o soterramento dos carrís do tranvía desde o viaduto que comezar á altura das Ánimas. Ademais, modificarase o carril bici, bidireccional e de 2,5 metros de ancho; tamén o carril para corredores, bidireccional e 2 de metros de ancho. Tamén se reordenarán os espazos de circulación de bicicletas e vehículos motorizados, que estarán separados grazas á disposición dunha ringleira de elementos vexetais.

Por outra banda, ampliaranse as zonas verdes xa existentes, coa previsión do axardinamento de case 7.000 metros cadrados e o incremento de arboredo, coa plantación de novos exemplares de bidueiros e liquidámbar. Ademais, disporase unha rede de aspersores para a idónea conservación do céspede.

O plan de humanización e mellora neste tramo do paseo marítimo tamén abrangue a creación dun novo espazo de xogos infantís e un circuíto de calistenia, orientado á práctica de exercicio físico, que estarán situados fronte á enseada dos Pelamios. Ademais, neste enclave disporanse dúas zonas de estacionamento para bicicletas.

Tras esta adxudicación, os traballos terán un prazo de execución de dez meses, desde a súa posta en marcha.

Renovación do mercado, a praza e a escola infantil de Monte Alto

Ademais, o Goberno municipal aprobou hoxe a adxudicación, á UTE composta polas empresas Prace Servicios y Obras e Xestión Ambiental de Contratas, das obras do novo mercado de Monte Alto, traballos que contan cun orzamento de 10,4 millóns de euros.

A intervención contempla, neste sentido, a creación dun mercado provisional para que os praceiros e as praceiras poidan seguir desenvolvendo a súa actividade durante os meses que dure a obra.

O novo mercado incorporará tamén melloras de eficiencia enerxética no edificio, tanto en acristalamentos como en sistemas de calefacción; así como melloras nos equipamentos e inclúe ademáis a reforma da escola infantil de Monte Alto e da praza. Tamén se actuará sobre a rúa Joaquín González, que quedará peonalizada e reurbanizada.

Dentro do orzamento, ese mercado provisional que se edificará terá un custo de 850.000 euros. A urbanización exterior e a nova rúa peonil chegará case aos 500.000 euros de orzamento, mentres que os traballos na escola infantil ascenderán a 140.000 euros. O resto destinarase aos traballos relacionados co novo edificio. Ademais, está prevista a plantación de árbores na praza e nas beirarrúas, dando á contorna un maior atractivo para a cidadanía.

O prazo de execución, toda vez que se poñan en marcha os traballos, será de 26 meses. "Coa adxudicación deste proxecto queremos dar resposta ás necesidades tanto das persoas traballadoras da propia praza como aos veciños e veciñas do barrio de Monte Alto", sinalou Inés Rey, "que gañarán en servizos e calidade urbana cun dos investimentos máis elevados do actual mandato".

O Plan Director de Rehabilitación Integrada no Barrio das Flores

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local deu luz verde á declaración do Barrio das flores como Entorno Residencial de Rehabilitación Programada (ERRP), unha categoría coa que se regulan os programas de axuda en materia de rehabilitación residencial e vivenda social do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Desde finais de xullo deste ano, o Barrio das Flores conta cun Plan Director de Rehabilitación Integrada que ten, como principais obxectivos estratéxicos, a renovación e mellora do parque de vivendas, así como da súa eficiencia enerxética en termos de sostibilidade. Por isto, este xoves, a Xunta de Goberno Local tamén aprobou a solicitude, ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), da declaración do Barrio das Flores como Área de Rehabilitación Integral (ARI), abrindo así novas fontes de financiamento para a rehabilitación integral desa zona da cidade, que poderá optar deste xeito a fondos autonómicos, estatais e europeos.

A alcaldesa, Inés Rey, destacou que a decisión de formalizar esta solicitude ao IGVS baséase "no compromiso amosado polo Goberno municipal para a obtención de recursos públicos que nos axuden a facer fronte á financiación das actuacións de recuperación previstas no Barrio das Flores, revitalizando o distrito, mellorando a calidade de vida das veciñas e veciños e, ademais, apostando pola súa dinamización económica".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión