Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

3 de maio de 2011

Lei do tabaco

Lei 42/2010, do 30 de decembro.



I. DISPOSICIÓNS XERAIS XEFATURA DO ESTADO 20138

 

Lei 42/2010, do 30 de decembro, pola que se modifica a Lei 28/2005, do 26 de decembro, de medidas sanitarias fronte ao tabaquismo e reguladora da venda, a subministración, o consumo e a publicidade dos produtos do tabaco.

 

Núm. 318 Venres 31 de decembro de 2010 Sec. I. Páx. 109188

cve: BOE-A-2010-20138

JUAN CARLOS I REI DE ESPAÑA

A todos os que a presente veren e entenderen.

Sabede: Que as Cortes Xerais aprobaron e Eu veño en sancionar a seguinte lei.

 

PREÁMBULO

A Lei 28/2005, do 26 de decembro, de medidas sanitarias fronte ao tabaquismo e reguladora da venda, a subministración, o consumo e a publicidade dos produtos do tabaco, supuxo un fito importante na política do noso país na loita contra o tabaquismo, tanto no que se refire á prohibición de fumar en lugares públicos como ás medidas encamiñadas a potenciar a deshabituación do tabaco e a tratar de erradicar a medio e longo prazo o hábito de fumar.

Transcorridos máis de catro anos de aplicación da lei, é patente, como se desprende de diversos estudos realizados respecto diso, a necesidade de avanzar na protección da saúde da cidadanía ampliando a prohibición de fumar en espazos públicos cerrados e colectivos, o que, doutra banda, satisfai as demandas da cidadanía, como corroboran enquisas oficiais recentemente realizadas.

Dous son os colectivos especialmente beneficiados desta medida. Por unha banda, o de menores, grupo especialmente sensible de poboación que está exposto ao fume do tabaco nos lugares públicos cerrados. Doutra banda, o de traballadores do sector da hostalería que se encontra claramente desprotexido con respecto ao resto dos traballadores, ao estar expostos ao fume de tabaco alleo.

Por todo iso, e na liña seguida en materia de prevención e control do tabaquismo pola Unión Europea, cunha estratexia concreta da Comisión Europea, cuxo obxectivo é ampliar a prohibición de fumar en espazos cerrados en todos os Estados membros en 2012, posición que corrobora a ratificación por España, en decembro de 2004, do Convenio Marco para o Control do Tabaco da OMS, esta lei, que modifica a Lei 28/2005, encamíñase a avanzar nas limitacións tendentes a aumentar os espazos libres de fume do tabaco.

Artigo único. Modificación da Lei 28/2005, do 26 de decembro, de medidas sanitarias fronte ao tabaquismo e reguladora da venda, a subministración, o consumo e a publicidade dos produtos do tabaco.

A Lei 28/2005, do 26 de decembro, de medidas sanitarias fronte ao tabaquismo e reguladora da venda, a subministración, o consumo e a publicidade dos produtos do tabaco, queda modificada como segue:

Un. Engádense unha nova letra e) ao artigo 2, cuxo contido pasa a ser o apartado 1 deste artigo, e un novo apartado 2, que quedan redactados do seguinte modo:

«e) Espazos de uso público: lugares accesibles ao público en xeral ou lugares de uso colectivo, con independencia da súa titularidade pública ou privada. En calquera caso, considéranse espazos de uso público os vehículos de transporte público ou colectivo.

2. A efectos desta lei, no ámbito da hostalería, enténdese por espazo ao aire libre todo espazo non cuberto ou todo espazo que estando cuberto estea rodeado lateralmente por un máximo de dúas paredes, muros ou paramentos.»

Dous. Engádese un novo apartado 7 ao artigo 3, que queda redactado do seguinte modo:

«7. O Goberno, mediante Real decreto, determinará os contidos e compoñentes dos produtos do tabaco, en especial os elementos adictivos, así como as condicións de etiquetaxe que estes deberán cumprir.»

Tres. Modifícase o primeiro parágrafo do apartado b) do artigo 4, que queda redactado do seguinte modo:

«b) Localización: As máquinas expendedoras de produtos do tabaco só se poderán situar no interior de quioscos de prensa situados na vía pública e en locais cuxa actividade principal sexa a venda de prensa con acceso directo á vía pública, nas tendas de conveniencia previstas no artigo 5.4 da Lei 1/2004, do 21 de decembro, de horarios comerciais, que estean situadas en estacións de servizo, así como naqueles locais aos que se refiren as letras k), t) e u) do artigo 7 nunha localización que permita a vixilancia directa e permanente do seu uso por parte do titular do local ou dos seus traballadores.

En paralelo á venda a través de máquinas expendedoras, permitirase a venda manual de cigarros e cigarriños provistos de capa natural nos ditos locais que conten coa autorización administrativa outorgada polo Comisionado para o Mercado de Tabaco.»

Catro. Modifícase a letra g) do artigo 5, que queda redactada do seguinte xeito:

«g) En calquera outro lugar, centro ou establecemento onde estea prohibido o seu consumo, así como nos espazos ao aire libre sinalados no artigo 7, salvo o previsto na letra b) do artigo 4.»

Cinco. Suprímese a letra h) do artigo 5.

Seis. O artigo 6 queda redactado do seguinte xeito:

«O consumo de produtos do tabaco deberá facerse exclusivamente naqueles lugares ou espazos nos que non estea prohibido.»

Sete. O artigo 7 queda redactado do seguinte modo:

«Artigo 7. Prohibición de fumar.

Prohíbese fumar, ademais de naqueles lugares ou espazos definidos na normativa das comunidades autónomas, en:

a) Centros de traballo públicos e privados, salvo nos espazos ao aire libre.

b) Centros e dependencias das administracións públicas e entidades de dereito público.

c) Centros, servizos ou establecementos sanitarios, así como nos espazos ao aire libre ou cubertos, comprendidos nos seus recintos.

d) Centros docentes e formativos, salvo nos espazos ao aire libre dos centros universitarios e dos exclusivamente dedicados á formación de adultos, sempre que non sexan accesos inmediatos aos edificios ou beirarrúas circundantes.

e) Instalacións deportivas e lugares onde se desenvolvan espectáculos públicos, sempre que non sexan ao aire libre.

f) Zonas destinadas á atención directa ao público.

g) Centros comerciais, incluíndo grandes superficies e galerías, salvo nos espazos ao aire libre.

h) Centros de atención social.

i) Centros de lecer ou esparexemento, salvo nos espazos ao aire libre.

j) Centros culturais, salas de lectura, exposición, biblioteca, conferencias e museos.

k) Salas de festa, establecementos de xogo ou de uso público en xeral, salvo nos espazos ao aire libre.

l) Áreas ou establecementos onde se elaboren, transformen, preparen, degusten ou vendan alimentos.

m) Ascensores e elevadores.

n) Cabinas telefónicas, recintos dos caixeiros automáticos e outros espazos cerrados de uso público de reducido tamaño. Enténdese por espazo de uso público de reducido tamaño aquel que non ocupe unha extensión superior a cinco metros cadrados.

ñ) Estacións de autobuses, salvo nos espazos que se encontren ao aire libre, vehículos ou medios de transporte colectivo urbano e interurbano, vehículos de transporte de empresa, taxis, ambulancias, funiculares e teleféricos.

o) Todos os espazos do transporte suburbano (vagóns, plataformas, corredores, escaleiras, estacións, etc.), salvo nos espazos que se encontren por completo ao aire libre.

p) Estacións, portos e medios de transporte ferroviario e marítimo, salvo nos espazos ao aire libre.

q) Aeroportos, salvo nos espazos que se encontren ao aire libre, aeronaves con orixe e destino en territorio nacional e en todos os voos de compañías aéreas españolas, incluídos aqueles compartidos con voos de compañías estranxeiras.

r) Estacións de servizo e similares.

s) Calquera outro lugar no que, por mandato desta lei ou doutra norma ou por decisión do seu titular, se prohiba fumar.

t) Hoteis, hostais e establecementos análogos, salvo nos espazos ao aire libre. No entanto, poderán habilitarse habitacións fixas para fumadores, sempre que cumpran cos requisitos establecidos no artigo 8.

u) Bares, restaurantes e demais establecementos de restauración cerrados.

v) Salas de teatro, cine e outros espectáculos públicos que se realizan en espazos cerrados.

w) Recintos dos parques infantís e áreas ou zonas de xogo para a infancia, entendendo por tales os espazos ao aire libre acoutados que conteñan equipamento ou acondicionamentos destinados especificamente para o xogo e esparexemento de menores.

x) En todos os demais espazos cerrados de uso público ou colectivo.»

Oito. O artigo 8 queda redactado do seguinte xeito:

«Nos lugares designados na letra t) do artigo anterior poderanse reservar ata un 30% de habitacións fixas para hóspedes fumadores, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar en áreas separadas do resto de habitacións e con ventilación independente ou con outros dispositivos para a eliminación de fumes.

b) Estar sinalizadas con carteis permanentes.

c) Que o cliente sexa informado previamente do tipo de habitación que se pon á súa disposición.

d) Que os traballadores non poidan acceder a elas mentres se encontra algún cliente no seu interior, salvo casos de urxencia.»

Nove. Engádese un novo apartado 3 ao artigo 9, que queda redactado do seguinte modo:

«3. Prohíbese en todos os medios de comunicación, incluídos os servizos da sociedade da información, a emisión de programas ou de imaxes nos que os presentadores, colaboradores ou convidados:

a) Aparezan fumando.

b) Mencionen ou mostren, directa ou indirectamente, marcas, nomes comerciais, logotipos ou outros signos identificativos ou asociados a produtos do tabaco.»

Dez. O artigo 12 queda redactado do seguinte modo:

«Artigo 12. Dos programas de deshabituación tabáquica.

As Administracións públicas competentes promoverán o desenvolvemento de programas sanitarios para a deshabituación tabáquica na rede asistencial sanitaria, en especial na Atención Primaria. Así mesmo, promoveranse os programas de promoción do abandono do consumo de tabaco en institucións docentes, centros sanitarios, centros de traballo e contornas deportivas e de lecer. A creación de unidades de deshabituación tabáquica potenciarase e promoverá no seo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, que tamén definirá os grupos prioritarios que resulten máis vulnerables.

O acceso a tratamentos de deshabituación tabáquica, cuxa eficacia e custo-efectividade fose avalada pola evidencia científica, potenciarase e promoverase no seo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, valorando, se é o caso, a súa incorporación á carteira de servizos do Sistema Nacional de Saúde.»

Once. O artigo 13 queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 13. Adopción de medidas.

Na adopción das medidas a que se refire este capítulo, atenderase, de maneira particular, a perspectiva de xénero e as desigualdades sociais. Así mesmo, as administracións públicas competentes promoverán as medidas necesarias para a protección da saúde e a educación dos menores, co fin de previr e evitar o inicio no consumo e de axudar a estes no abandono da dependencia. Introduciranse contidos orientados á prevención e á concienciación contra o tabaquismo nos plans formativos do profesorado. Potenciarase a posta en marcha de programas de actuación na atención pediátrica infantil, con información específica para os pais fumadores e campañas sobre os prexuízos que a exposición ao fume provoca nos menores.»

Doce. Modifícase a letra a) do número 2 do artigo 19, que queda redactada do seguinte modo:

«a) Fumar nos lugares en que exista prohibición ou fóra das zonas habilitadas para o efecto.»

Trece. A letra d) do número 2 do artigo 19 queda redactada do seguinte xeito:

«d) Non informar na entrada dos establecementos da prohibición de fumar ou non cumprir o resto de obrigas formais a que se refire esta lei.»

Catorce. Suprímese a letra e) do número 2 do artigo 19.

Quince. Modifícanse as letras a) e b) do número 3 do artigo 19, que quedan redactadas do seguinte modo:

«a) Habilitar zonas para fumar en establecementos e lugares onde non estea permitida a súa habilitación.

b) Permitir fumar nos lugares nos que existe prohibición de facelo.»

Dezaseis. O apartado 1 do artigo 20 queda redactado do seguinte modo:

«1. As infraccións leves sancionaranse con multa de 30 a 600 euros, salvo a consistente en fumar en lugares prohibidos prevista no artigo 19.2.a), que será sancionada con multa de ata 30 euros se a conduta infractora se realiza de forma illada; as graves, con multa dende 601 euros ata 10.000 euros, e as moi graves, dende 10.001 euros ata 600.000 euros.»

Dezasete. No apartado 2 do artigo 21 suprímese a referencia á letra e) do artigo 19.2.

Dezaoito. Modifícase a disposición adicional primeira, que queda redactada do seguinte modo:

«Non obstante o disposto nos artigos 3.1 e 5.g), no que se refire á venda a través da rede de expendedurías de tabaco e timbre e de máquinas expendedoras, permítese a venda manual de cigarros e cigarriños provistos de capa natural nos establecementos a que se refire a letra u) do artigo 7, que conten con autorización administrativa outorgada polo Comisionado para o Mercado de Tabacos.»

Dezanove. Suprímese a disposición adicional segunda.

Vinte. Modifícase a disposición adicional terceira, que queda redactada da seguinte maneira:

«Disposición adicional terceira. Sinalización dos centros ou dependencias nos que existe prohibición de fumar e zonas habilitadas para fumar.

Nos centros ou dependencias nos que existe prohibición legal de fumar deberán colocarse na súa entrada, en lugar visible, carteis que anuncien a prohibición do consumo de tabaco e os lugares, nos que, se é o caso, se encontren as zonas habilitadas para fumar. Estes carteis estarán redactados en castelán e na lingua cooficial coas esixencias requiridas polas normas autonómicas correspondentes.»

Vinte e un. Modifícase a disposición adicional cuarta, que queda redactada do seguinte xeito:

«O disposto nesta lei enténdese sen prexuízo das peculiaridades do Réxime Económico Fiscal de Canarias, respecto da liberdade comercial dos produtos do tabaco nos establecementos comerciais situados no arquipélago canario, sen que esta excepción supoña limitación na aplicación das demais prescricións contidas nesta lei, en especial o previsto nas letras a), b), c), d), e) e f) do artigo 5, no artigo 9, e, en todo caso, as destinadas á protección de menores.» Vinte e dous. Modifícase o segundo parágrafo da disposición adicional sexta, que queda redactado do seguinte modo:

«Nos establecementos penais permíteselles fumar aos internos nas zonas exteriores dos seus edificios ao aire libre, ou nas salas cerradas habilitadas para o efecto, que deberán estar debida e visiblemente sinalizadas e contar con ventilación independente ou con outros dispositivos para a eliminación de fumes.»

Vinte e tres. Modifícase a disposición adicional sétima, que queda redactada do seguinte modo:

«Disposición adicional sétima. Normativa sobre prevención de riscos laborais.

O establecido nesta lei enténdese sen prexuízo das demais limitacións e prohibicións ao consumo de tabaco, contidas na normativa sobre prevención de riscos laborais, cuxa vixilancia e control corresponde á Inspección de Traballo e Seguridade Social.»

Vinte e catro. Modifícase a disposición adicional oitava, que queda redactada do seguinte xeito:

«Disposición adicional oitava. Centros ou establecementos psiquiátricos.

Nos establecementos psiquiátricos de media e longa estancia permíteselles fumar aos pacientes nas zonas exteriores dos seus edificios ao aire libre, ou nunha sala cerrada habilitada para o efecto, que haberá de estar debida e visiblemente sinalizada e contar con ventilación independente ou con outros dispositivos para a eliminación de fumes.»

Vinte e cinco. Modifícase a disposición adicional novena, que queda redactada do seguinte xeito:

«Disposición adicional novena. Clubs privados de fumadores.

Aos clubs privados de fumadores, legalmente constituídos como tales, non lles será de aplicación o disposto nesta lei, relativo á prohibición de fumar, publicidade, promoción e patrocinio, sempre que se realice no interior da súa sede social, mentres nelas haxa presenza única e exclusivamente de persoas socias.

Para os efectos desta disposición, para ser considerado club privado de fumadores deberá tratarse dunha entidade con personalidade xurídica, carecer de ánimo de lucro e non incluír entre as súas actividades ou obxecto social a comercialización ou compravenda de calquera bens ou produtos consumibles.

En ningún caso se permitirá a entrada de menores de idade aos clubs privados de fumadores.»

Vinte e seis. Engádese unha disposición adicional décima, que queda redactada do seguinte modo:

«Disposición adicional décima. Centros residenciais de maiores ou de persoas con discapacidade.

Nos centros residenciais de maiores ou de persoas con discapacidade, poderase habilitar unha zona específica para fumadores, cuxo uso será exclusivo para residentes e deberá estar debida e visiblemente sinalizada e contar con ventilación independente ou con outros dispositivos para a eliminación de fumes, non podendo estenderse o permiso de fumar ás habitacións nin ao resto das zonas comúns nos devanditos centros.» tp://www.boe.es BOLETÍN OFICIAL DEL ESTADO D. L.: M-1/1958 - ISSN: 0212-033X

Vinte e sete. Engádese unha disposición adicional undécima, que queda redactada do seguinte modo:

«Disposición adicional undécima. Informe ás Cortes Xerais.

O Ministerio de Sanidade e Política Social deberá remitir ás Cortes Xerais, con carácter bienal e durante o catro anos seguintes á entrada en vigor da lei, un informe de avaliación do impacto desta reforma sobre a saúde pública.»

Vinte e oito. Modifícase o apartado 2 da disposición final primeira, que queda redactado do seguinte modo:

«2. Corresponde ás comunidades autónomas, no seu respectivo ámbito territorial, aprobar as normas de desenvolvemento e execución desta lei, incluídas as características e advertencias sanitarias correspondentes.»

Disposición final primeira. Título competencial.

Esta lei dítase con carácter básico ao amparo do artigo 149.1.1.ª, 16.ª, 18.ª e 27.ª da Constitución.

Disposición final segunda. Entrada en vigor.

A presente lei entrará en vigor o 2 de xaneiro de 2011.

Polo tanto,

Mando a todos os españois, particulares e autoridades, que garden e fagan gardar esta lei.

Madrid, 30 de decembro de 2010.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión