Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

4 de maio de 2011

Ordenanza local para regular a convivencia e o ocio no espazo público da cidade da Coruña

Ordenanza local para regular a convivencia e o ocio no espazo público da cidade da Coruña.

PREÁMBULO

A sociedade actual entende a cidade como lugar de uso, relación, encontro e convivencia entre diferentes persoas. As novas cidades, as novas sociedades urbanas, incorporan novos modos de relación entre grupos e incrementan a complexidade dos problemas froito da ocupación do espazo común e da diversidade de intereses.

As condutas ante o ocio e o esparexemento no espazo público da nosa cidade presentan tipoloxías e niveis comúns ou moi similares aos que se producen noutros lugares do territorio galego e do Estado.

Nos últimos anos ocupáronse de maneira espontánea espazos públicos para o encontro e ocio, distintos aos que viñan e veñen sendo convencionais, por parte especialmente da mocidade e por razóns de índole social, económica e cultural, dando lugar a un fenómeno coñecido como "botellón". Vense xerando con iso a afectación de dereitos de necesaria preservación como os que esta Ordenanza pretende regular, tales como o dereito ao descanso e ao medio ambiente, máis intensamente en determinadas prazas ou lugares públicos. Dereitos que esta norma pretende protexer dende o exercicio das competencias municipais. Outros bens xurídicos de igual importancia, especialmente os referidos á saúde pública, pódense ver así mesmo afectados. A protección de tales bens xurídicos produciuse a través de leis estatais ou autonómicas, ao ser materias competencia de tales administracións.

É por iso e sensible aos eventuais prexuízos que tales circunstancias poidan ocasionar aos veciños e veciñas desta cidade, en especial aos de determinadas zonas dela, tamén pola transcendencia e molestias que poidan ocasionar as condutas descritas, que este Concello considera pertinente aprobar a presente Ordenanza que ten como finalidade protexer a saúde pública, racionalizar o uso dos espazos públicos municipais e garantir o aproveitamento de todos os cidadáns das vías e espazos públicos, para que as actividades dunha parte da cidadanía non supoñan prexuízo grave á tranquilidade e descanso doutra, velando por garantir a convivencia definida no artigo 2.2 desta Ordenanza. Trátase en definitiva de preservar os dereitos de cidadáns e cidadás á protección do medio ambiente, á salubridade e saúde pública, á libre circulación e ao descanso, á vez que una a unha adecuada conservación, ao bo uso e hixiene, dos espazos públicos.

É de apuntar que lle compete a esta Administración na súa función de garante dos dereitos dende o seu ámbito competencial, evitar comportamentos incívicos, en prexuízo grave da cidadanía, cando esta non teña o deber xurídico de soportalos, e que poden ser evitados, regulando por iso a actividade dos usuarios das vías públicas, garantindo así tanto o dereito das persoas ao descanso, como o goce da mocidade e da poboación en xeral.

Tal especificidade é a que confire singularidade a esta norma. Trátase de dar solución máis alá das finalidades e obxectivos que outras leis ou ordenanzas en vigor prevén e perseguen, a que en definitiva, as concentracións de persoas no espazo público para o seu lecer non supoñan unha quebra da convivencia cidadá nos termos que esta norma define. Preténdese impedir que a suma ou concorrencia de circunstancias que se dan dende o exercicio dunha actividade de lecer, deriven nun resultado non asumible socialmente, na perturbación do normal descanso nocturno e iso precisamente nunha franxa horaria que, na nosa sociedade, asumimos como de descanso. Ao tempo preténdese colaborar, cos instrumentos que se establezan por outras normas e administracións, en conseguir outros fins, aínda cando a súa competencia e regulación non sexa desta Administración local.

Os niveis de protección buscados comezan por unha definición do obxecto que se pretende regular, establecendo o que é tolerable ou non; en segundo lugar, pola preservación mediante a declaración e sinalización de espazos de especial protección fronte á perturbación da convivencia; en terceiro lugar, polo desenvolvemento do previsto no art. 2.3 desta norma e finalmente coa aplicación do réxime sancionador previsto nos seus artigos 4 e seguintes.

Son fundamentos legais para a elaboración desta Ordenanza os seguintes:

A Constitución sinala no seu artigo 103.1 que a Administración pública ha servir con obxectividade os intereses xerais. Tamén o mesmo texto legal recolle como dereitos da cidadanía, nos artigos 39.4 (a protección dos menores), 43.1º e 2º e 45 o dereito á protección da saúde e ao aproveitamento dun medio ambiente adecuado; polo tanto, os poderes públicos deberán velar pola utilización racional de todos os recursos naturais para protexer e mellorar a calidade de vida así como facilitar a adecuada utilización do ocio e garantir os dereitos de consumidores e usuarios (art. 51.1º).

Os artigos 4 e 48 da Lei 7/1985 de bases de réxime local, que faculta aos concellos para intervir na actividade da cidadanía a través da emisión de ordenanzas no exercicio da potestade regulamentaria.

No artigo 1 do Regulamento de Servizos das corporacións locais establece que os concellos poden intervir nas actividades dos seus administrados no exercicio da función de policía cando existise perturbación ou perigo de perturbación grave da tranquilidade e a salubridade, co fin de restablecelos ou conservalos.

En canto á potestade de establecer infraccións e sancións mediante ordenanza municipal, existe habilitación legal expresa recollida no título XI da Lei 7/1985, cuxo artigo 139 di que "para a adecuada ordenación das relacións de convivencia de interese local e de uso dos seus servizos, equipamentos, infraestruturas, instalacións e espazos públicos, as entidades locais poderán, en defecto de normativa sectorial específica, establecer os tipos de infraccións e impoñer sancións polo incumprimento de deberes, prohibicións ou limitacións..."

Normativa de aplicación:

A Constitución española (artigos 10, 39.4, 43, 45, 46, 47 e 51)

A Declaración Universal dos Dereitos Humanos (art. 24)

A Lei 7/1985 do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local (art. 25) e Lei 5/1997 do 22 de xullo, de Administración local de Galicia (art 80).

Lei 14/1986, do 23 de abril, de sanidade.

Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública.

Lei 26/1984, do 19 de xullo, xeral para a defensa dos consumidores e usuarios.

Lei orgánica 1/1992, do 21 de febreiro, de protección da seguridade cidadá.

Lei orgánica 9/1983, do 15 de xullo, reguladora do dereito de reunión.

Lei 2/1996, do 8 de maio, sobre drogas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación.

Decreto 150/1999, do 7 de maio, sobre protección acústica.

Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais en Galicia.

TÍTULO I

DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1.- Fundamento da regulación.

A presente ordenanza fundaméntase na protección da salubridade e á saúde pública, o respecto ao medio ambiente e o dereito á intimidade, descanso e tranquilidade dos veciños e veciñas.

Recoñécese así mesmo o dereito da cidadanía a facer uso dos espazos públicos, sen máis limitacións que as impostas polas normas de aplicación e as derivadas do respecto aos principios e dereitos anteriormente mencionados.

Artigo 2.- Obxecto da regulación.

1. A presente ordenanza ten por obxecto regular o uso dos espazos públicos pola veciñanza, evitando unha utilización abusiva e excluínte deles que perturbe a normal convivencia cidadá.

2. Enténdese como convivencia cidadá para estes efectos:

O dereito das persoas ao descanso nocturno regulado polas disposicións locais, autonómicas e estatais vixentes en materia de contaminación acústica no relativo á superación dos valores límites de emisión e inmisión, así como os obxectivos de calidade acústica aplicables a cada zona, sendo de aplicación a Ordenanza ambiental reguladora da emisión e recepción de ruídos e vibracións, a Lei 7/1997 de Galicia, de protección contra a contaminación acústica, así como a Lei 37/2003, do ruído, e as súas disposicións complementarias.

O cumprimento da Ordenanza de xestión de residuos municipais e limpeza viaria, en especial o artigo 74, apartados E (tirar calquera clase de desperdicio á vía pública), G (satisfacer necesidades fisiolóxicas e cuspir na vía pública), H (depositar nas papeleiras ou nos colectores materiais acesos), o artigo 12, apartados A (verter residuos na vía pública, e C (trasladar os colectores das súas localizacións), e o artigo 113, 1, E e D (realizar actos vandálicos sobre o mobiliario urbano).

O cumprimento de calquera normativa cuxa vulneración contraveña o respecto aos principios e dereitos enunciados no artigo 1 desta ordenanza.

3. Para conseguir o disposto nos apartados precedentes, o Concello da Coruña adoptará as seguintes medidas:

Fomentará o diálogo con organizacións xuvenís, de pais e nais, veciñais, etc., co fin de exercer un labor preventivo entre a mocidade no uso moderado do alcol e no respecto á contorna e á veciñanza.

Realizará un labor preventivo en centros educativos, en colaboración coa Consellería de Educación e Sanidade da Xunta de Galicia.

Realizará campañas sobre o consumo responsable de alcol e convivencia cívica e social.

4. O Concello prohibe e consecuentemente impedirá as concentracións de persoas na vía pública que alteren a normal convivencia cidadá, sempre que leven a cabo condutas que perturben o dereito das persoas ao descanso nocturno, entre as 22.00 e as 8.00 horas.

Exceptúanse do disposto no parágrafo anterior as manifestacións populares debidamente autorizadas, así como outras datas e festas patronais ou populares.

Os establecementos de hostalería, incluídos os espazos ao aire libre anexos a eles, rexeranse pola súa propia normativa de aplicación.

5. De conformidade coa Lei 2/1996 de Galicia, do 8 de maio, sobre drogas, está prohibida a venda ou subministración de bebidas alcohólicas a menores de 16 anos, e, no caso de bebidas alcohólicas de máis de 18 graos centesimais, aos menores de 18 anos.

6. Prohíbeselles así mesmo aos establecementos comerciais, máquinas expendedoras, venda ambulante, ou calquera outra forma de expedición, a venda de bebidas alcohólicas entre as 22.00 e as 8.00 horas, co réxime de apertura que lles sexa de aplicación.

Estenderase a prohibición de venda de alcol aos supostos establecidos no artigo 13.2 da Lei 2/1996, do 8 de maio de Galicia:

a) Locais e centros preferentemente destinados a menores de dezaoito anos.

b) Centros culturais.

c) Centros educativos que imparten Educación Primaria e Educación Secundaria ou outras ensinanzas de nivel equivalente.

d) Instalacións deportivas.

e) Centros sanitarios.

Artigo 3.- Zonas de Especial Protección.

O Concello, por acordo da Xunta de Goberno Local, poderá declarar determinados espazos públicos como zonas de especial protección naqueles casos en que as concentracións reiteradas de persoas neles producisen unha moi grave perturbación da convivencia cidadá definida pola conxunción dos artigos 2.2. e 2.4 desta norma.

Para iso é necesario que concorran acumulativamente as seguintes circunstancias obxectivas:

Uso abusivo do espazo público continuado no tempo, polo que non se terán en conta as concentracións de persoas de carácter ocasional ou puntual.

O número elevado de persoas concentradas no mesmo espazo público con relación á densidade de vivendas e veciños do lugar ou espazo público do que se trate.

Informes municipais previos relativos á vulneración reiterada dos niveis sonoros permitidos no interior das vivendas, actos vandálicos producidos na zona, custos económicos investidos polo Concello para a devolución dese espazo público ao seu uso común e xeral.

Unha vez declaradas, serán debidamente sinalizadas, polo que se impedirá a concentración de persoas nelas no horario de descanso nocturno fixado na ordenanza.

O Concello elaborará cada 6 meses, informe público de seguimento da zona declarada como de especial protección para os efectos de manter ou non a prohibición acordada.

TÍTULO II

RÉXIME SANCIONADOR

Artigo 4.- Principios xerais.

As sancións por infracción das normas contidas na presente ordenanza aplicaranse de conformidade cos principios recollidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común, e segundo o disposto no título XI da Lei 7/1985, reguladora das bases de réxime local.

Artigo 5.- Das infraccións.

1. As infraccións contra a presente ordenanza clasificaranse en moi graves, graves e leves.

2. Constitúen infraccións moi graves:

Serán moi graves as infraccións que supoñan:

Unha perturbación da convivencia que afecte de maneira grave, inmediata e directa, á tranquilidade ou ao exercicio de dereitos lexítimos doutras persoas ou ao normal desenvolvemento de actividades de toda clase nos termos regulados nos artigos 2.2º e 2.4º desta Ordenanza ou á salubridade ou ornato públicos e cando iso se derive da concentración de persoas na vía pública nas que se consuma ou non alcol, entre as 22 horas e as 8 horas.

O incumprimento das ordes, sinalizacións, etc. relativas a espazos de especial protección referidos no art. 3º ou requirimentos formulados polas autoridades municipais ou os seus axentes en directa aplicación do disposto nesta ordenanza.

O impedimento do uso dun servizo público por outra ou outras persoas con dereito á súa utilización.

O impedimento ou a grave e relevante obstrución ao normal funcionamento dun servizo público.

Os actos de deterioración grave e relevante de equipamentos, infraestruturas, instalacións ou elementos dun servizo público.

O impedimento do uso dun espazo público por outra ou outras persoas con dereito á súa utilización.

Os actos de deterioración grave e relevante de espazos públicos ou de calquera das súas instalacións e elementos, sexan mobles ou inmobles, non derivados de alteracións da seguridade cidadá.

A comisión de dúas faltas graves no prazo dun ano cando se sancionou a primeira delas por resolución firme en vía administrativa.

3. Constitúen infraccións graves:

As concentracións de persoas na vía pública que afecten negativamente á convivencia cidadá entre as 22 e as 8 horas e non poidan ser incluídas no apartado 2.a) do anterior. A mera obstrución ao normal funcionamento dos servizos públicos.

A obstrución ao labor dos inspectores ou axentes da autoridade.

A realización de actos que ocasionen desfeitas ou danos ao mobiliario ou equipamentos urbanos que impidan o seu normal uso, facéndoos inservibles para o propio uso ou cando o custo de reparación sexa superior en máis dun 30% o valor de mercado do devandito mobiliario ou equipamento.

Actos que ocasionen desfeitas ou danos a elementos de ornato público, tales como estatuas, de forma que desvirtúen a súa normal contemplación.

4. Constitúen infraccións leves:

A realización de actos que ocasionen desfeitas ou danos ao mobiliario ou equipamentos urbanos pero que non impida o seu uso.

b) A utilización do mobiliario urbano para usos distintos á súa finalidade.

Pisar as zonas axardinadas, ou atentados contra a flora urbana.

Obstruír o acceso aos portais veciñais ou a entrada a garaxes públicos ou privados de forma que se impida a súa normal utilización.

Timbrar indiscriminadamente nos portais de edificios de forma que se impida o descanso nocturno.

Pegar patadas a residuos ou elementos sólidos existentes en vía pública de forma que produzan notable afección acústica.

Artigo 6.- Das sancións.

As infraccións anteriores sancionaranse de acordo co seguinte baremo:

Infraccións moi graves, multa de 1.501 ata 3.000 euros.

Infraccións graves, multa de 751 ata 1.500 euros.

Infraccións leves, multa de 200 ata 750 euros.

Artigo 7.- Criterios para a gradación da sanción.

Para a determinación das sancións previstas nesta Ordenanza terase en consideración o principio de proporcionalidade e, en todo caso, os seguintes criterios de gradación:

A intensidade da perturbación ocasionada na tranquilidade ou no pacífico exercicio dos dereitos doutras persoas ou actividades.

A intensidade da perturbación causada á salubridade ou ornato públicos.

A intensidade da perturbación ocasionada no uso dun servizo ou dun espazo público por parte das persoas con dereito a utilizalos.

A intensidade da perturbación ocasionada no normal funcionamento dun servizo público. A intensidade dos danos ocasionados aos equipamentos, infraestruturas, instalacións ou elementos dun servizo ou dun espazo público.

A comisión de dúas faltas leves no prazo dun ano cando se sancionou a primeira delas por resolución firme en vía administrativa.

Artigo 8.- Intervencións específicas.

Nos supostos recollidos nos artigos anteriores, os axentes da autoridade retirarán e intervirán preventivamente as bebidas, os envases ou os demais elementos afectados á infracción cometida.

Artigo 9.- Responsabilidade das infraccións.

1. Só poderán ser sancionadas por feitos que poidan constituír infraccións ao disposto nesta Ordenanza, as persoas físicas e as xurídicas que resulten responsables delas.

2. No caso de que unha vez practicadas as dilixencias de investigación oportunas tendentes a individualizar a responsabilidade dos infractores non fose posible determinar o grao de participación dos diversos suxeitos que interveñan na comisión da infracción, a súa responsabilidade será solidaria.

3. A responsabilidade civil será esixible dos pais ou nais ou persoas que resulten legalmente responsables dos menores de idade polos danos e prexuízos que se deriven das accións dos menores de idade.

En todo caso, os pais, nais, ou persoas que resulten legalmente responsables recibirán comunicación das infraccións cometidas polos menores de idade ao seu cargo. Así mesmo, tamén se poderá dar traslado desa comunicación ao órgano competente en menores da Xunta de Galicia.

Artigo 10.- Feitos constatados por axentes da autoridade.

Nos procedementos sancionadores que se instrúan en aplicación desta Ordenanza, os feitos constatados polos axentes da autoridade teñen valor probatorio, sen prexuízo das probas que poidan achegar os interesados.

Dos feitos constatados polos axentes da autoridade, que poidan integrar unha infracción da que a competencia veña atribuída por lei a outras administracións - estatal ou autonómica - procederase a levantar atestado ou denuncia dos feitos que serán remitidos á autoridade competente.

Artigo. 11.- Destino e substitución das sancións.

1. As sancións económicas impostas pola comisión de infraccións graves e leves poderán ser suspendidas:

Se o infractor acepta a realización de traballos ou actividades en beneficio da comunidade establecidos polo Concello.

Se o infractor participa nos cursos que o Concello determine e que puidesen impartirse sobre a prevención do consumo de alcol e coñecemento dos seus efectos sobre a saúde, así como sobre prevención dos efectos vandálicos co fin de propiciar a adecuada convivencia cidadá.

Artigo 12.- Procedemento de suspensión e substitución das sancións.

A autoridade competente para incoar e resolver os expedientes de suspensión das sancións, así como para decidir a finalización da suspensión, será a mesma que impuxo a sanción.

O procedemento incoarase cando o infractor manifeste, mediante a correspondente solicitude, a súa vontade de realizar traballos ou actividades en beneficio da comunidade ou a súa participación en cursos de conformidade co establecido no artigo anterior.

Se se resolve favorablemente a suspensión pola autoridade competente quedará automaticamente suspendido o prazo de prescrición da sanción polo tempo previsto de duración dos traballos, actividades ou cursos.

Durante o tempo de suspensión, a autoridade competente poderá efectuar o seguimento que considere oportuno sobre as asistencias e resultados nas tarefas correspondentes.

Cando da información reunida se deduza que o infractor seguiu satisfactoriamente os cursos establecidos ou os traballos ou actividades en beneficio da comunidade, nos termos que regllamentariamente se establezan, a autoridade competente acordará a remisión total ou parcial da sanción ou sancións impostas.

O incumprimento total ou parcial das medidas sustitutorias ou a comisión dunha nova infracción das tipificadas nesta ordenanza determinarán que a autoridade competente resolva a continuación do expediente de execución da sanción.

Artigo 13.- Atribución de competencias sancionadoras.

1. A competencia para sancionar as infraccións contidas nesta Ordenanza correspóndelle, á Xunta de Goberno (art. 127 letra l da LBRL), podendo delegar esta nos termos previstos na lei.

2. A atribución de competencias a que se refiren o apartado anterior non afecta o exercicio da potestade sancionadora que poida corresponder a outras Administracións por razón das competencias que teñan atribuídas.

3. A potestade para acordar as sancións accesorias establecidas nesta Lei corresponderá a quen a ostente para impoñer as de carácter principal das que deriven aquelas.

Artigo 14.- Pago das sancións.

As sancións poderán facerse efectivas dende o mesmo momento de recepción de boletín de denuncia ou acta de inspección ou, na súa falta, na notificación posterior da denuncia polo instrutor do expediente, acudíndose na Caixa Municipal ou bancos e caixas colaboradoras onde se expedirá a correspondente carta de pago, cunha bonificación do 30% sobre a contía correspondente e sen prexuízo da posibilidade de interposición dos recursos ou de realizar as alegacións que se estimen pertinentes.

A bonificación sinalada será aplicada ao pago que teña lugar antes de que se dite resolución do expediente sancionador.

O aboamento do importe da multa implica a terminación do procedemento unha vez concluído o prazo do trámite para formular alegacións sen que estas se realizasen, sen prexuízo da posibilidade de interpoñer os recursos correspondentes.

DISPOSICIÓN FINAL

Primeira. A Alcaldía queda facultada para ditar cantas instrucións resulten precisas para a adecuada interpretación e, se é o caso, para o desenvolvemento e a aplicación desta ordenanza.

Segunda. A presente ordenanza entrará en vigor aos 15 días da publicación íntegra do seu texto definitivo no Boletín Oficial da Provincia.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión