Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

28 de xuño de 2022

Inés Rey: “A Coruña é o referente no que se miran outros Concellos para impulsar un novo modelo de cidade”

O Foro Urbano foi o último encontro participativo para o Plan de Deseño da Axenda Urbana, no que participaron máis de 100 persoas

A alcaldesa, Inés Rey, participou esta tarde no Foro Urbano, convocado polo Concello da Coruña no marco do proxecto A Coruña 2030. Este foi o último encontro participativo para o Plan de deseño da Axenda Urbana, onde se fixo un balance das propostas realizadas pola veciñanza nos anteriores encontros.

Á cita asistiron máis de 100 persoas, a título individual ou en representación de asociacións e entidades do termo municipal. Durante o encontro realizáronse catro accións participativas nas que o público puido realizar novas suxestións, sumándose ao total recollido nas diferentes citas convocadas. Un total de 10 encontros participativos polos diferentes barrios, así como dous espazos divulgativos na Coiraza do Orzán e no Mercado da praza de Lugo para coñecer o proxecto de A Coruña 2030 e participar no deseño da axenda urbana.

Como novidade, o Concello da Coruña realizou un encontro xoven no Espazo O Remanso, aberto o pasado mes de abril, onde participaron preto de 40 mozos e mozas de diferentes procendencias, culturas e situacións que trasladaron unha perspectiva moi ampla do futuro da cidade. Este foi o encontro máis numeroso e participativo do proxecto, "síntoma de que estamos deixando unha semente participativa que pouco a pouco estamos vendo florecer" sinalou a alcaldesa.

A rexedora agradeceu a todas as persoas presentes a asistencia ao foro, así como a participación e colaboración da veciñanza e os axentes sociais no total dos encontros, e destacou que as suxestións realizadas apuntan cara un modelo de cidade que coincide co proposto polo Goberno "con máis zonas verdes, unha mobilidade sostible e de transformación dixital; tres piares que procuran seguir avanzando nun modelo de cidade máis verde, máis igualitario e pensado nas persoas".

Proxecto A Coruña 2030

A Coruña 2030 é un proxecto de axenda urbana que ten o obxectivo de pensar e planificar o futuro da Coruña de xeito participativo, implicando aos diferentes axentes sociais e económicos no deseño do modelo de cidade e atendendo ás súas demandas para construír unha Coruña futura de forma conxunta.

O Ministerio de Transportes, Medio Ambiente e Axenda Urbana seleccionou á Coruña como un dos 121 municipios e territorios designados para realizar o proxecto piloto da Axenda Urbana, situándose como referente nacional para o desenvolvemento de estratexias europeas e nun posto preferente de fronte ao novo período de financiamento europeo 2021-2027.

A alcaldesa, Inés Rey, sinalou que "o noso Concello é o referente no que se miran outros Concellos limítrofes, e como tal debe ser pioneiro en impulsar un novo modelo de cidade que transforme o conxunto da área metropolitana".

Toda a información do proxecto pode consultarse a través da web www.acoruna2030.com.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión