Uso de cookies nas páxinas web do Concello da Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante a análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso".

Concello da Coruña

Existen moitas formas de consumir estas sustancias, formas das que dependerán os efectos e as consecuencias posteriores ao consumo, cuxo control será de vital importancia para reducir os seus riscos. Ten que ver con:

  • A cantidade de sustancia consumida
  • A pureza da dose
  • A frecuencia de consumo
  • A vía de consumo: oral, fumada ou inhalada, esnifada ou inxectada
  • A duración do consumo ao longo do tempo
  • As situacións de consumo: contorna e lugar de consumo, consumo en situacións de especial risco (condución, en tarefas que requiran especial concentración ou destreza, enfermidades, embarazo, mestura de sustancias ou mestura de medicamentos...) ou en situacións nas que a persoa consumidora cada vez lles atribúe ás sustancias máis significados ou funcións na súa vida.

Consumo experimental

Corresponden ás situacións de contacto inicial cunha ou varias sustancias, das que pode pasarse a un abandono dela ou á continuidade nos consumos. Na práctica totalidade das realidades culturais, a adolescencia é a etapa en que con maior frecuencia xorden este tipo de consumos, aínda que unha alta porcentaxe non reincide nel.

Normalmente, definen este tipo de consumo situacións nas que o individuo descoñece os efectos da sustancia e o seu consumo realízase, xeralmente, no marco dun grupo que lle convida a probala.

Consumo ocasional

Corresponden ao uso intermitente da sustancia, sen ningunha periodicidade fixa e con longos intervalos de abstinencia.

O suxeito continúa utilizando a sustancia en grupo. Aínda que é capaz de levar a cabo as mesmas actividades sen necesidade de mediar droga ningunha; xa coñece a súa acción no seu organismo e por ese motivo consómea.

Consumo habitual

Supón unha utilización frecuente da droga. Esta práctica pode conducir ás outras formas de consumo, dependendo da sustancia que se trate, a asiduidade con que se empregue, as características da persoa, a contorna que a rodea, etc.

O suxeito amplía as situacións nas que recorre ás drogas, que se usan tanto en grupo como de maneira individual; os seus efectos son perfectamente coñecidos e buscados polo usuario.

Consumo compulsivo ou drogodependencia

O individuo necesita a sustancia e toda a súa vida xira arredor dela a pesar das complicacións que iso lle pode ocasionar. Algúns indicadores desta forma de consumo son:

  • Uso da sustancia en maior cantidade ou por un período de tempo máis longo dos que o consumidor/a pretendía
  • Toma de conciencia sobre a dificultade para controlar o uso da droga
  • Emprego da gran parte do tempo en actividades relacionadas coa obtención da sustancia e o seu consumo
  • Intoxicación frecuente ou síntomas de abstinencia cando o consumidor desempeña determinadas obrigas
  • Redución considerable ou abandono de actividades sociais, laborais ou recreativas
  • Uso continuado da sustancia a pesar de ser consciente dos problemas que lle está causando
  • Tolerancia frecuente
  • Con asiduidade recórrese á sustancia para aliviar o malestar provocado pola súa falta

Policonsumo

Aínda que existe, non é frecuente entre consumidores de drogas a utilización dunha única sustancia. A pauta máis habitual é o consumo combinado de diversas drogas. A miúdo, trátase de consumos combinados ao longo dun mesmo período de tempo. Por exemplo, pódense beber cantidades excesivas de alcol, fumar un paquete de cigarros, compartir un par de porros e esnifar unha raia de cocaína, todo nunha mesma fin de semana. As combinacións posibles son numerosas.

Tamén hai persoas que consomen diversas sustancias, de maneira variablemente habitual, aínda que non realicen tantas mesturas nun período tan curto.

En todo caso, trátase dunha pauta de consumo que multiplica os riscos asociados ás diversas sustancias.

En calquera caso, hai que ter en conta que non existe ningunha forma de consumo da que esteamos seguros con anticipación de que non vai supoñer riscos e que estes riscos non só dependen das sustancias e as súas características, senón tamén da persoa (personalidade, idade, problemática persoal, estado de saúde...) e do ambiente no que se consuma (momento, lugar, compañía...)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión