Uso de cookies nas páxinas web do Concello da Coruña

Nas páxinas web municipais utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar os nosos servizos mediante a análise dos seus hábitos de navegación. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode obter máis información, ou coñecer como cambiar a configuración, na nosa páxina de "Normas de uso".

Concello da Coruña

Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), droga é toda sustancia que introducida nun organismo vivo por calquera vía (inhalación, inxestión, intramuscular, endovenosa) é capaz de actuar sobre o sistema nervioso central provocando unha alteración física e/ou psicolóxica, a experimentación de novas sensacións ou a modificación dun estado psíquico, é dicir, capaz de cambiar o comportamento da persoa, e que posúe a capacidade de xerar dependencia e tolerancia nos seus consumidores.

Segundo esta definición, son drogas a marihuana, cocaína, pasta base, éxtase, heroína, tabaco, alcol e algúns fármacos.

O concepto de droga fai referencia a que a modificación pode ser prexudicial ou beneficiosa e que depende do tempo de administración e da dose e das características da persoa que a consome.

Para que unha droga sexa considerada como tal ten que cumprir as seguintes condicións:

  • Ser sustancias que introducidas nun organismo vivo son capaces de alterar ou modificar unha ou varias funcións psíquicas deste (carácter psicótropo ou psicoactivo)
  • Inducen ás persoas que as toman a repetir a súa autoadministración polo pracer que xeran
  • O cesamento no seu consumo pode dar lugar a un gran malestar somático ou psíquico (dependencia física ou psicolóxica)
  • Non teñen ningunha aplicación médica e, se a teñen, pode utilizarse con fins non terapéuticos

O seu uso regular pode xerar procesos coñecidos como:

  • Tolerancia: a medida que o organismo se vai adaptando á presenza regular da sustancia necesítase unha maior cantidade para producir os mesmos efectos. Fálase de tolerancia cruzada cando unha persoa tolera drogas da mesma especie ou doutro tipo
  • Dependencia: tras un uso habitual máis ou menos prolongado, a persoa necesita consumir a sustancia de que se trate
    • Para non experimentar síntomas de abstinencia (dependencia física)
    • Para afrontar a súa vida cotiá (dependencia psicolóxica)
  • Síndrome de abstinencia: conxunto de reaccións físicas ou corporais que ocorren cando unha persoa con adicción a unha sustancia (alcol ou bebidas con etanol, tabaco ou outras drogas) deixa de consumila. Aínda que os síntomas varían en forma e intensidade de acordo co produto empregado e o tempo que leva desenvolvéndose a dependencia, en todos os casos débense a que se alterou o funcionamento normal do sistema nervioso. Aínda que non supón un grave risco para a saúde, é unha experiencia temida polas persoas drogodependentes, sobre todo as heroinómanas.
  • Sobredose: cantidade excesiva dun medicamento ou dunha droga (ou de varias combinadas) que adoita causar intoxicación ou mesmo a morte. Os riscos de sobredoses aparecen sobre todo despois dun paro prolongado do consumo, cando o organismo perdeu a tolerancia á dose habitual.

O seu abuso pode provocar distintos tipos de trastornos:

  • Físicos: cando danan o organismo da persoa consumidora
  • Psicolóxicos: cando inciden negativamente sobre a relación da persoa consigo mesma ou coa súa contorna afectiva
  • Sociais: cando impactan sobre a comunidade

A que lle chamamos uso?

Enténdese por uso aquela modalidade de consumo na que, polo tipo de sustancia consumida, pola cantidade ou polas circunstancias nas que se produce o consumo, non son probables consecuencias negativas inmediatas sobre a persoa ou sobre a súa contorna.

Esta é a situación máis habitual entre os/as adolescentes e a mocidade que experimentan con drogas por curiosidade, por diversión ou para imitar os demais. Na maioría das ocasións o seu consumo non chega máis lonxe, nin presentan risco dun posible interese por sustancias ou formas de consumo de maior risco. Trátase de consumos ocasionais e moderados, como os realizados por unha gran maioría de consumidores de alcol. Evidentemente, consumos esporádicos poden ocasionar reaccións de intoxicación aguda grave, aínda que non sexa o máis frecuente.

Os datos de consumo xuvenil de drogas legais (tabaco e alcol) e cannabis (haxix e marihuana), indican que practicamente a metade dos/as mozos/as iniciouse no consumo destas sustancias, unha proporción superior á de xeracións anteriores.

No caso do alcol, a proporción de consumidores habituais destaca respecto ao resto de sustancias. O consumo está amplamente estendido entre a poboación, sobre todo en Europa, con niveis de consumo superiores ao cincuenta por cento da mocidade cunha idade superior aos 15 anos.

No caso do tabaco, o inicio no consumo, variable entre rexións e países, pode chegar a afectar a dous de cada cinco mozos/as, converténdose nunha pauta habitual en, aproximadamente, un/unha de cada tres.

Máis das tres cuartas partes dos iniciados no consumo de alcol deveñen en consumidores habituais, e dous terzos dos iniciados no consumo de tabaco, en fumadores habituais.

No caso do cannabis, arredor da metade de quen se inicia no seu consumo terminan sendo consumidores habituais de haxix e marihuana.

A que lle chamamos abuso?

Enténdese por abuso de drogas o seu uso inadecuado, susceptible de comprometer física, psíquica e/ou socialmente a evolución da persoa ou da súa contorna.

Esta forma de consumo non se refire unicamente á cantidade consumida dunha soa vez, nin á repetición dun consumo moderado e controlado de certas sustancias.

Os riscos do abuso están relacionados co perigo específico do produto, cos danos para a saúde e coas consecuencias sociais do consumo.

Trátase dun concepto ambiguo, porque se relaciona estreitamente cos costumes propios de cada cultura. O que unha sociedade considera normativo nun momento da súa historia pode parecer abusivo para outra ou para a mesma nun momento diferente.

Falamos de abuso cando se dan as seguintes circunstancias:

  • A utilización dunha sustancia en situacións en que tal consumo pode favorecer riscos engadidos (ao provocar unha perda de concentración na condución...)
  • Prodúcense infraccións repetidas das normas de convivencia, relacionadas co consumo dunha sustancia (actos violentos ou accidentes baixo os efectos das drogas...)
  • A agravación de problemas persoais ou sociais causados ou intensificados polos efectos dunha sustancia sobre a conduta (deterioración das relacións familiares, problemas económicos...)
  • Dificultades e/ou incapacidade para cumprir as obrigas na vida profesional, a escola, a familia (ausencias repetidas, déficit de rendemento no traballo, malos resultados, absentismo escolar, exclusión, abandono de responsabilidades...)
  • Incapacidade para prescindir das drogas durante varios días
  • Perigo para a saúde e o equilibrio dos demais (os riscos que pode provocar unha muller embarazada sobre o desenvolvemento do feto)

Cando comeza a dependencia?

Fálase de dependencia naqueles casos nos que, tras un período de consumo variable en función da sustancia, priorizar a relación coas drogas fronte a outras condutas consideradas máis importantes con anterioridade.

A vida cotiá xira prioritaria ou exclusivamente arredor da procura e ao consumo da sustancia; é entón cando se pode dicir que unha persoa é drogodependente.

Existen dous tipos de dependencia, asociadas ou non, que se caracterizan por síntomas xerais:

  • A imposibilidade de resistirse á necesidade de consumir
  • O crecemento dunha tensión interna, dunha ansiedade ante o consumo habitual
  • O alivio experimentado cando se produce o consumo
  • O sentimento de perda do autocontrol respecto ao consumo

A dependencia psíquica

A privación dunha droga da que se é dependente provoca unha sensación de malestar e ansiedade que pode chegar á depresión. Unha vez que cesa o consumo, o individuo pode tardar en adaptarse a unha nova vida sen a sustancia. Esta interrupción altera os seus costumes, deixa un baleiro e permite a reaparición do malestar que o consumo intentaba suprimir. Isto explica en gran medida as recaídas, que forman parte do lento proceso que permite consolidar unha vida sen relación problemática coas drogas.

A dependencia física

Algunhas drogas provocan dependencia física: o organismo reclama a sustancia mediante a aparición de síntomas físicos que traducen un estado de carencia.

A privación dalgunhas drogas tales como os opiáceos, o tabaco, o alcol e certos psicofármacos, xera un malestar físico que varía segundo a sustancia de que se trate: dores cos opiáceos, tremores co alcol, convulsións cos barbitúricos e as benzodiacepinas. Estes síntomas poden ir acompañados de alteracións psicolóxicas (ansiedade, angustia...)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión