Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

11 de outubro de 2018

A Concellería de Culturas pon en marcha a décima edición do ciclo Poetas Di(n)versos, “un referente en todo o Estado, especialmente dedicado este ano á igualdade de xénero”

O programa estable arrincará o vindeiro luns, 15 de outubro, no Ágora co recital da galega Susana Sánchez Aríns e Joumana Haddad

O concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, presentou esta mañá a décima edición do ciclo de recitais Poetas Di(n)versos, "un dos fitos anuais da programación municipal que marca a diferenza, xa que se trata da única oferta estable e pública que acolle a poetas locais e internacionais de maneira regular en todo o Estado". Nunha rolda de prensa, acompañado pola directora do programa, a tamén poeta e xestora cultural Yolanda Castaño, Sande recordou a aposta do seu departamento municipal "porque A Coruña sexa unha auténtica Cidade de Cultura, un obxectivo para o que é fundamental este ciclo que está, ademais, pegado á realidade e ao presente e que este ano ten un marcado carácter de xénero e de reivindicación", explicou. O responsable municipal convidou a toda a cidadanía a acudir o vindeiro luns, 15 de outubro, ao Centro Municipal Ágora, onde ás 20.30 horas darase por inaugurada esta nova edición cun recital a cargo de Susana Sánchez Aríns e Joumana Haddad.

O ciclo Poetas Di(n)versos, que trata de facilitar á cidadanía o acceso á palabra lírica, desenvolverase sempre no Ágora a través de recitais completamente gratuítos de preto dunha hora de duración que celebrarán sempre en luns e até o mes de xuño. Sande chamou a atención sobre a importancia dun ciclo "que aposta ademais pola dignificación e a normalización do galego como lingua de alta cultura, xa que as e os poetas participantes declaman os seus versos tanto no idioma orixinal como en galego". "Nuns tempos nos que vemos con asombro como aínda hai manifestacións de odio cara o noso idioma, cremos que a aposta por ciclos coma este é fundamental", dixo.

Castaño salientou este primeiro encontro de Poetas Di(n)versos como "un recital feminista e de feminismos, de loitadoras pola dignidade dos pobos marxinados e activistas a favor a liberdade de expresión e a igualdade de xénero". Así, salientou a figura de Sánchez Aríns, "autora galega do momento logo do grande éxito acadado polo seu título máis recente, Seique, e profesora implicada en cooperación ao desenvolvemento dende unha perspectiva de xénero", que forma parte ademais da plataforma de crítica literaria feminista A Sega.

"Pola súa banda, Joumana Haddad está considerada unha das mulleres máis influíntes do mundo árabe. Figura revolucionaria no Líbano polo seu activismo social e cultural, ademais de escritora é profesora universitaria, e unha afouta xornalista que adoita colaborar con medios que van dende The Guardian a Corriere della Sera. Ademais, fala sete idiomas e desempéñase tamén como tradutora", comentou a directora do programa.

Recitais de inverno

Sande e Castaño salientaron tamén o nivel do resto dos recitais previstos para este ano. O luns 26 de novembro coincidirán dous nomes con raíces lucenses, a fonsagradina Xiana Arias e o cubano Víctor Rodríguez-Núñez, artistas poéticos que conxungan memoria e pensamento. O trimestre rematará coa reunión, o 17 de decembro, de dous dos nomes máis célebres das letras galegas e vascas: Antón Reixa e Bernardo Atxaga.

Castaño recordou que os e as poetas participantes asinarán exemplares tras os seus recitais. A dinamizadora cultural, que se encarga da tradución ao galego do ciclo, foi recoñecida por este labor no ano 2014 co Premio da Crítica Galicia á Mellor Iniciativa Cultural.

Documentos:

Programación do luns 15 de outubro de Poetas Di(n)versos (815 KB)

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión