Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

11 de setembro de 2018

José Manuel Sande salienta "a dimensión popular e catalizadora" de Quincegotas, cuxa cuarta edición achegará a danza ás rúas de Eirís, Agra do Orzán e Cidade Vella

O festival, que se celebrará entre os días 21 e 23 de setembro, duplicará o número de actuacións na vía pública e contará coa participación de 12 compañías, ademais de proxeccións e espazos formativos

A Coruña acollerá, entre os días 21 e 23 de setembro, a cuarta edición do festival de danza na rúa Quincegotas, iniciativa promovida pola Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento e que ten como finalidade achegar as artes do movemento a novos públicos ao desenvolver os espectáculos no espazo público. O concelleiro José Manuel Sande presentou esta mañá a proposta, "que recolle algúns dos aspectos que consideramos fundamentais dentro das políticas culturais do Concello, como é a expansión do feito artístico ou o emprego da rúa como elemento catalizador". "Ao longo destes catro anos, Quincegotas afondou na deslocalización da súa programación, de calidade e variada, así como na ruptura dos espazos tradicionais, incorporando escenarios diversos e que permite popularizar a danza contemporánea nas rúas da cidade", sinalou o edil. Así, nesta edición festival trasladará a súa acción ao Agra do Orzán, Eirís ou Cidade Vella, ademais de regresar ao Castelo de San Antón, a Praza de María Pita ou ao Concello de Oleiros, afondando no carácter metropolitano da proposta.  

Outra das novidades deste ano será a incorporación de proxeccións audiovisuais e o diálogo con creadoras, como a exhibición do documental Fuera de Escena e posterior coloquio coa súa directora, Alejandra Aguirre; a posibilidade de participar nun obradoiro gratuíto de danza, impartido por Diego Sinninger; ou a creación do Espazo Alicerce, no que intervirá o alumnado das aulas de danza de conservatorios, escolas e universidades para presentar o traballo de cada un dos centros convidados. Este "espazo de apertura", como así o definiu Ramiro Neira, produtor do festival, terá lugar o domingo 23 de setembro, a partires das 17.15 horas, na Praza de María Pita.

A cuarta edición de Quincegotas contará, ademais, coa participación dun total de 12 compañías --unha delas, La intrusa, foi Premio Nacional de Danza 2015--, das cales cinco son galegas, "e ofrecerán un total de 20 actuacións, o dobre que en anteriores edicións, en espazos emblemáticos da cidade", tal e como destacou Kirenia Martínez, co-directora artística do festival. Entre todas as propostas haberá 2 estreas absolutas: Voo, de Ánxela Branco, e Resiliencia, peza de Ana Serantes e que inaugura, ademais, o novo espazo do festival Apoio á Nova Creación Galega.

Programación

O festival arrincará o venres 21 de setembro na pérgola de Eirís, coa representación das pezas Voo, Ozkol, Billie Jean e Pisando Ovos. Ao día seguinte, o centro Ágora acollerá pola mañá o taller con Diego Sinniger e a charla e proxección de Fuera de Escena. A partires das 17.45, as actuacións de Raquel Piñeiro --con A ti, a el-- e Nadine Gerspacher --Nua-- sucederanse na entrada do centro sociocultural e, a partires das 18.45 horas, trasladaranse á praza dos Mariñeiros, na que participarán Elahjood --Impermeable--, Exire --Nexos-- e Laura Arís e Álvaro Esteban --Cualquier mañana--.

Finalmente, durante a mañá do domingo 23, o festival ofrecerá tres espectáculos --Dosis de UnaiUna, Sí, quiero de Entremáns e Dis-Connect de Diego Sinniger-- a partires das 13.00 horas no Concello de Oleiros, mentres que, pola tarde, as intervencións espallaranse, desde as 17.15 horas, pola Praza de María Pita --Espazo Alicerce--, Praza da Constitución --coa representación de Dosis ás 18.15 horas-- e Castelo de San Antón, no que que se pechará a cita a partir das 19.00 horas cos espectáculos Ozkol, Liov e Sí, quiero.

Para máis información sobre a programación e horarios do festival de danza na rúa Quincegotas, pódese visitar o web www.quincegotas.com.

Documentos:

Programación Quincegotas (538 KB)

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión