Comisarios Ton Mejuto, Silvia Longueira
Para público en xeral
Dende o 22/06/2022 ata o 09/10/2022
Xa rematou
info@fundacionluisseoane.gal
+34 981 216 015
Con motivo da celebración do centenario do nacemento de María Casares (A Coruña, 1922 - Alloue, Francia, 1996), a Fundación Luís Seoane presenta un proxecto audiovisual baseado na correspondencia que durante quince anos mantivo a actriz galega con Albert Camus. A relación que se establece entre ambos, que comeza en 1944 e finaliza en 1960 coa morte do autor nun accidente de tráfico, queda recollida nas case novecentas cartas que conforman o epistolario recompilado por Catherine Camus, filla do escritor francés e responsable da súa publicación en 2017 a través da editorial Gallimard.
"... ma patrie, mon Finistère. Fragmentos dá correspondencia Camus - Casares" concibiuse como unha experiencia audiovisual inmersiva na que o formato epistolar se traduciu a imaxes tomadas nalgúns dos lugares nos que María Casares viviu, sobre as que se superpoñen as voces dos actores Johanna Silberstein e Philippe Canles, que len en orde cronolóxica as cartas conforme a catro categorías establecidas polos comisarios do proxecto, Ton Mejuto e Silvia Longueira: patria, exilio, teatro e escritura e desexo.
Estas imaxes proxéctanse nunha sala sobre dúas pantallas situadas en paredes enfrontadas, nas que se mostran escenarios de Alloue, onde se atopa casa museo de María Casares, ou Camaret, no Finistère francés, que tanto lle lembraba á intérprete á súa Galicia natal. A peza exhíbese en bucle e ten unha duración aproximada de 45 minutos.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible