Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

1 de agosto de 2018

O alcalde homenaxea “o impulso, o dinamismo e o compromiso” da cidadanía coruñesa durante a apertura das Festas de María Pita

Xulio Ferreiro abriu o acto inaugural das festas do municipio, “unha cidade aberta e próxima, activa e inesgotable, un lugar acolledor ao que regresar e no que construír a sociedade que queremos”. A coruñesa Mercedes Peón deu lectura ao pregón, no que salientou a esencia dunha cidade “conformada por todas as María Pita invisibilizadas nunha historia androcéntrica que obviou o rol das mulleres na loita”.

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, participou esta noite no acto inaugural das Festas de María Pita 2018, celebrado no Pazo de María Pita, no que a pregoeira, a compositora, cantante e instrumentista Mercedes Peón deu inicio a un mes de actividades festivas e culturais na cidade. Ferreiro homenaxeou, no discurso de presentación da pregoeira, o papel que teñen os veciños e as veciñas na conformación da cidade, "un espazo urbano en permanente construción e cambio e tan camaleónica como a súa veciñanza queira que sexa". "É o impulso moitas veces anónimo da cidadanía o que nos define, ese compromiso diario que se traduce en barrios activos, en iniciativas populares e en descentralización cultural, social e política", salientou. Por iso, pediu á cidadanía que manteña ese carácter plural da cidade e "que a festa siga saíndo de María Pita en dirección aos barrios".

Ferreiro salientou que durante o mes de festexos A Coruña reforza as súas virtudes e se torna nunha cidade "máis acolledora que nunca". "Temos unha cidade bonita, vibrante, divertida, activa e inesgotable, pero temos, sobre todo, un espazo acolledor para a convivencia, un lugar ao que regresar, no que crecer e no que construír a sociedade que queremos", indicou. O rexedor, que convidou á cidadanía a participar da extensa programación das Festas de María Pita, introduciu á pregoeira deste ano como unha muller que "se atopou na viaxe de ida e volta" entre o centro da cidade e os barrios, "eses espazos que creceron sobre a periferia para facer sitio aos nosos avós e avoas e os nosos pais e nais, os espazos que acolleron a emigración que buscaba un futuro mellor". Ferreiro lembrou a relevancia de Peón no proceso de "desenterrar e gardar parte da memoria da cidade en formato musical" e tamén "a memoria das mulleres da nosa periferia, nun proceso fundamental para devolvelas a súa condición de centro".

Pola súa banda, Peón, coruñesa dos Castros, lembrou a transformación do municipio, a relación entre o centro e a periferia e a esencia da cidade. "No momento en que as xentes transitan pola súa cidade sen sentirse alleas en determinados barrios, porque os barrios non están marcados por distincións de clase; no momento en que as xentes viven en barrios que senten como os seus centros, porque non son construídos como subalternos dun centro que é o modelo dunha cidade de ostentación ficticia... Nese momento a cidade da Coruña é unha cidade de convivencia e de apertura a todo o que hai nela, a todo o que as súas xentes son. A semellanza amalgamada de diferenzas. Diferenzas impregnadas no carácter dunha cidade", afirmou. Nesta liña, Peón reivindicou a esencia rural da Coruña, "unha cidade que podería consumir os produtos plantados ao seu redor, que podería ser unha cidade modelo de ecoloxismo e consumo sostíbel", a procura da dignidade e a recuperación da memoria histórica ou a súa relación coa música tradicional. "Foi aquí onde comezou a revolución das pandeireteiras, onde se visualizou por primeira vez a existencia de compositoras e músicas encarnadas en mulleres libres, mulleres de aldea", defendeu. A pregoeira, que actuará mañá na praza de María Pita, salientou a presenza feminina no cartel das festas e rematou a súa intervención convidando a participar no concerto inaugural, a cargo de Gloria Gaynor, "unha feminista, loitadora, líder, diva e compositora".

Tras o concerto inaugural, o Concello da Coruña porá en marcha un dispositivo especial do servizo público de transporte, que estará operativo durante a celebración do ciclo As noites de María Pita, e que inclúe a ampliación da liña nocturna cunha nova unidade do bus 'Búho' --que fará o percorrido inverso ao habitual--, así como a disposición de 7 liñas que sairán desde Porta Real para facer os percorridos das liñas 1, 1A, 3A, 6, 7, 11 e 21. O goberno local lembra á veciñanza que, tanto nas noites dos concertos na praza de María Pita, como durante a fin de semana do Festival Noroeste, as veciñas que fagan uso do servizo de transporte público nocturno poderán solicitar, se así o precisan, o servizo de Paradas Libres.

Programación

No marco das Festas, mañá comezará a XXXIV edición do Festival de Habaneras Cidade da Coruña, que se desenvolverá todos os días, até o mércores 8, a partires das 19.30 horas na praza de Tolerancia. Este xoves 2 contará coa participación da Coral Santa María de Cambre, o coro do centro cívico de Monelos, e a Coral Polifónica El Eco; e o venres 3 das agrupacións Lembranzas (Santa Cruz), San Roque (Vigo), e Sagrada Familia. De cara a á fin de semana, o sábado 4 ofreceranse tres concertos da coral do centro cívico dos Mallos, da Polifónica de Verín e da Coral Cangas de Narcea; mentres que o domingo 5 será a quenda do coro do centro cívico de Monte Alto, da coral da Gaiteira e da agrupación Lucero del Alba. Xa na seguinte semana, o día 6, luns, actuarán no Festival de Habaneras as corais locais do centro cívico San Diego, Saúde e Canticorum; o martes 7 Casa del Mar, Orfeón Herculino e Follas Novas; e, finalmente, o mércores 8, pecharán o ciclo a coral do centro cívico de Feáns, o Orfeón Alcoa Inespal e a Tuna de Veteranos.

Durante a xornada do xoves tamén continuarán as actividades da Feira do Libro e de Mostrat nos xardíns de Méndez Núñez --cun horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.30 a 22.00 horas nos dous casos-- así como dos espectáculos infantil enmarcados na proposta O Xardín dos Libros, que se desenvolve xunto ao estanque da zona verde. Xa pola noite, a praza de María Pita acollerá, a partires das 22.30 horas, o concerto de Mercedes Peón, que presentará o seu novo traballo, Déixaas, acompañada por Ana Fernández e Mónica de Nut. O espectáculo tamén contará coa colaboración das escritoras María Reimóndez e Yolanda Castaño.

O ciclo As noites de María Pita terá continuidade o venres 3, coa participación de Estrella Morente, e o día 4 será a quenda de Raphael, que ofrecerá un espectáculo no marco da súa xira Loco por cantar. Xa na xornada do domingo 5, o concerto do grupo Cantajuegos, dirixido ao público infantil, celebrarase ás 20.30 horas, no lugar do horario habitual. Para máis información sobre a programación das Festas de María Pita 2018, pódese consultar o políptico dispoñible no web municipal www.coruna.gal  

Documentos:

Pregón íntegro de Mercedes Peón (131 KB)

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión