Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

1 de outubro de 2018

O Concello presenta a nova tempada do Teatro Colón, cun programa ateigado de propostas atractivas “que apostan polo achegamento e as sinerxias co tecido cultural da cidade”

José Manuel Sande avanza que o equipamento, que complementará a programación doutros recintos municipais, contribuirá a facer “máis rica e plural a oferta cultural da Coruña” Rodrigo Cuevas, Maria Arnal i Marcel Bagés, Roy Ellis, Milladoiro, Furious Monkey House ou Noa son algunhas das voces que estrearán a nova etapa do recinto, que incorpora ciclos estables de programación, como a Selección Noroeste ou Cinema Experience

O Teatro Colón inaugurará o vindeiro 4 de outubro a súa nova tempada de programación baixo a xestión do Concello da Coruña. O edil de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande foi o responsable de dar a coñecer a nova etapa do teatro que, "sen perder de vista a súa condición de símbolo e motor cultural",  inaugurará un curso que "ofrecerá instalacións á cidadanía co obxectivo de impulsar novas programacións, procesos artísticos ou estreas". "Hoxe presentamos a programación que comezará este mes de outubro, e que será o preludio do que virá no primeiro semestre de 2019. Falamos de propostas atractivas e de calidade que perfilarán seccións estables de programación, tendencias artísticas e culturais", avanzou Sande. Entre elas, atópanse o ciclo Selección Noroeste, que nace froito da vinculación de artistas co Festival Noroeste Estrella Galicia, "unha pegada que acredita que o Noroeste xa é un claro sinal de identidade cultural". O Teatro Colón pasará a formar parte do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE), do que dependen tamén espazos como o Teatro Rosalía Castro, Coliseum, Fórum Metropolitano e Centro Ágora. "A súa incorporación baixo o paraugas do IMCE  reaxustará o lugar que ocupaba até agora na cidade e contribuirá á redistribución dunha estratexia cultural municipal ben definida", afirmou o edil, quen incidiu nesta idea: "A programación do Teatro Colón vai complementar, enriquecer e non solapar, ao resto de recintos municipais. Contribuirá á diversidade e á excelencia cultural, tanto nas súas manifestacións, como na propia filosofía da súa programación. Para o Concello non tería sentido asumir a súa xestión se non houbese elementos distintivos que fixesen máis plural ou rica a oferta cultural da cidade", dixo o responsable municipal, quen incidiu na "capacidade de achegamento ao tecido cultural" que se producirá nesta nova etapa do Colón, que estará baixo a dirección de Bettina Kohlhaas.  "Os recintos modernos non se deben limitar unicamente a programar. Deben crear e xerar procesos artísticos. Será unha estratexia de traballo na que se avanzará nos vindeiros meses, e que dará paso ao establecemento de residencias artísticas", indicou o concelleiro, quen salientou que, dentro das liñas de programación -nas que haberá música, cinema, teatro ou circo contemporáneo-, "estableceranse sinerxias e alianzas con institucións ou entidades que consideramos fundamentais para avanzar cara a unha cidade cultural e de vangarda".

Liñas estratéxicas

A nova directora do recinto foi a responsable de dar a coñecer, esta mañá, as liñas estratéxicas de programación dun teatro "que pretende ser un lugar de encontro e un espazo vivo, no que as e os artistas ofrezan algo máis que o seu repertorio habitual".  Así, tal e como avanzou Kohlhass, os xoves acollerán actuacións vinculadas ao ciclo Selección Noroeste, que ofrecerá concertos de artistas que manteñen relación co Festival; Arredor da lingua, na que a riqueza lingüística terá protagonismo a través das súas diversas manifestacións, como a narración oral ou a poesía, ademais de In cámara --na primavera-- e Out Cámara --outono--, un espazo dedicado á musica de cámara ou histórica que prestará especial atención aos novos talentos galegos. Os venres vincularanse a estreas ou propostas do ciclo Cinema Experience, para acoller propostas autorais do ámbito audiovisual, incluíndo restauracións, estreas, ciclos temáticos ou proxeccións clásicas. Tamén será a xornada que se celebre o ciclo T+I+D, "unha proposta que promove o talento, investigación, transformación e innovación", expresou a directora do Colón.

Os sábados ofreceranse representacións de teatro que complementan á programación regular do Teatro Rosalía Castro ademais de espectáculos ou iniciativas especiais, ademais do Ciclo da Biodiversidade, concertos que mostran a riqueza cultural enmarcada na orixe xeográfica ou estilística. Finalmente, os domingos acollerán as propostas vinculadas ao público familiar, nas que se incluirá circo contemporáneo, música, contacontos, maxia ou propostas audiovisuais.

Programación

A programación do vindeiro trimestre do Teatro Colón caracterízase pola posta en marcha dalgunhas das liñas estratéxicas da tempada. Así, abrirase o xoves 4 coa primeira proposta do ciclo Selección Noroeste, no que participará Roy Ellis. "Será un concerto gratuíto, dos que se reubican despois da súa suspensión o pasado mes de agosto, coa idea de ofrecer á veciñanza a posibilidade de achegarse á música do artista xamaicano", apuntou Sande. Xa na semana seguinte, a música tamén será protagonista, coa estrea de Atlántico, o novo traballo da banda Milladoiro, así como unha Festa da Música Galega. De cara a seguinte fin de semana, o Colón apostará polas artes escénicas, a través dos monólogos Nunca os olvidaremos, con JJ Vaquero, Dani Mateo e Raúl Cimas. Ao día seguinte, e complementando a oferta do Ciclo Principal do Teatro Rosalía --que ofrece Ahora todo es noche o domingo 21--, ás 20.30 horas representarase Smoking Room.  

A partires do 21 de outubro, e até o venres 26, o recinto converterase nunha das sedes da terceira edición da Semana das Músicas do Audiovisual, unha proposta impulsada pola Academia Galega do Audiovisual e que conta co apoio do Concello da Coruña, que dá protagonismo ás músicas do cinema, televisión e outros medios audiovisuais. O Colón acollerá a primeira xornada do Cinema Experience, con proxeccións de curtametraxes e un concerto en familia coa Banda Municipal de Música, así como concertos didácticos para escolares. Na fin de semana, o sábado 27, terá lugar unha sesión de circo contemporáneo, Smashed, e o mes pecharase o día 31 con funcións escolares e públicas de Don Juan en el infierno, interpretada pola Compañía Noite Bohemia e a Orquestra de Cámara Galega.

De cara ao mes de novembro, a área de Culturas programa, para a festividade do día 1, a presentación de Jazz Batá, o novo proxecto do pianista cubano Chucho Valdés, no marco do ciclo Biodiversidade. Ao día seguinte, no marco do Festival de Artes Escénicas #CoruFest, representarase o proxecto Porkulo e o sábado 3, actuará o músico asturiano e axitador cultural Rodrigo Cuevas, que levará á escena a súa proposta El mundo por montera. Xa na semana seguinte, será a quenda dunha nova representación do espectáculo Picasso: a ollada nas mans, dentro das actividades do Festival das Artes pola Inclusión Social Festi=, impulsado pola Fundación Emalcsa e a Concellería de Igualdade e Diversidade. O venres 9, o teatro comercial será protagonista a través de Comedia de las mentira --cun elenco formado por Pepón Nieto, Paco Tous ou Angy Fernández--, e o sábado 10 Pitingo presentará Mestizo e Fronterizo. Nos vindeiros días, regresará o ciclo Selección Noroeste, con María Arnal e Marcel Bagés --o xoves 15-- e o ciclo Biodiversidade, coa cantante Noa, que presentará o seu novo disco o venres 17. A semana pecharase coa proposta infantil Quero Cantar, promovida pola Deputación da Coruña. Nos últimos días do mes, as propostas estarán vinculadas á loita contra as violencias machistas, a través do concerto Mulleres enredadas. Coplas e alalás, con Carmen París, Martirio, Uxía e Ugía Pedreira, e ao circo contemporáneo, a través de Arnoia Arnoia: o circo da casa pequena, un espectáculo dirixido por Quico Cadaval, baseado nun texto de Méndez Ferrín e que co-producen Pistacatro e o Centro Dramático Galego.

Finalmente, no mes de decembro, a danza, a música electrónica do Fanzine Fest (día 1) ou a maxia de Jorge Blass (2) formarán parte dunha programación na que destaca o concerto da Selección Noroeste de El Niño de Elche (13), a presentación do novo traballo da coruñesa Sandra Calderón (15), unha conferencia sobre os 70 anos do Teatro Colón, ademais da Gala Torrente Ballester (7), O Pazo é do Pobo! --un encontro artístico pola devolución do Pazo de Meirás que se celebrará o 4 de decembo -- ou  ciclo Nadal no Colón, que albergará distintos concertos dirixidos a todos os públicos, entre os que se inclúen os de Chicago Mass Choir (día 20), Orquestra Gaos (21), Carlos Núñez (22), Furious Monkey House (23), Nacho Vegas (27) ou os monólogos de Contos na Lareira (28). O ciclo finalizará con dous espectáculos familiares, como son o que ofrecerá o artista das pompas de xabón Pep Bou (3 de xaneiro) e a Orquestra de Nenas e Nenos da Sinfónica de Galicia (4 de xaneiro).

Para máis información sobre a programación do Teatro Colón, así como das canles de adquisición de entradas, pódese consultar o web www.teatrocolon.es

Documentos:

COLON_outono2018.pdf (5 MB)

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión