Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

29 de abril de 2019

Os Museos Científicos Coruñeses, a Torre de Hércules e o Castelo de San Antón serán de acceso libre durante toda a xornada

O Parque de Santa Margarita acollerá este sábado, 4 de maio, a XXIV edición do Día da Ciencia na Rúa

O edil José Manuel Sande presentou a iniciativa, “que reúne a suma dos elementos lúdicos e científicos”, e na que participarán 47 centros educativos de 14 localidades de Galicia

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou esta mañá o XXIV Día da Ciencia na Rúa, que se celebrará o vindeiro sábado, 4 de maio, no Parque de Santa Margarita. A iniciativa, tal e como salientou o edil, pretende achegar á veciñanza o mundo da ciencia. "Falamos dun encontro que pon en valor o coñecemento e a formación. É a mostra evidente da suma entre o lúdico e o científico, que non están enfrontados en absoluto, senón todo o contrario", apuntou Sande, quen lembrou que o protagonismo da xornada é, "unha vez máis, para estudantes e profesorado dos centros educativos".

Nesta ocasión as e os participantes abordarán, a través dos seus experimentos e traballos, ámbitos de temática variada, "para achegarse a retos e problemáticas da nosa contorna, abordando a historia en presente", sinalou o responsable municipal de Culturas. Así, cuestións como o efecto dos plásticos sobre o medio ambiente, robótica, experiencias sobre o cambio climático, o coñecemento do corpo humano a través da realidade virtual ou xogos matemáticos serán algunhas das cuestións que se aborden ao longo da xornada. "Esta xornada dá conta do pulso da xuventude, que é capaz de por enriba da mesa cuestións fundamentais que se deben tratar como prioridade e que, en moitas ocasións, non se abordan deste xeito", aseverou Marcos Pérez Maldonado, director dos Museos Científicos Coruñeses, quen, ao fío, puxo en valor o ámbito vinculado á divulgación da ciencia  existente na cidade. "O tecido de cultura científica que existe na Coruña non ten parangón no Estado. E en Europa, para unha cidade do seu tamaño, tampouco", afirmou Maldonado.

No Día da Ciencia na Rúa participarán un total de 47 centros educativos de 14 localidades, como son A Coruña, Arzúa, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Ferrol, Laxe, Lugo, Miño, Mugardos, Oleiros, Pastoriza e Ribadeo. Na cita tamén participarán institucións que desenvolven o seu labor no eido da ciencia, como son a Universidade da Coruña, o Centro Oceanográfico da Coruña ou o Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (Muncyt), ou entidades que colaboran habitualmente cos Museos Científicos Coruñeses, como son a Agrupación Astronómica Ío e Bricolabs. Tal e como apuntou Javier Novelle, presidente da Asociación de Amigos da Casa das Ciencias, será unha edición "moi numerosa" que contará cun total de 57 espazos de actividade instalados nas habituais haimas.

A programación do XXIV Día da Ciencia na Rúa --actividade financiada pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (Fecyt)-- complementarase cunha xornada de portas abertas nos tres centros dos Museos Científicos --Aquarium Finisterrae, Domus e Casa das Ciencias, que ofrecerá un maratón de sesións no Planetario--, ademais da Torre de Hércules e o Castelo de San Antón. Como é habitual, os doce cabezudos que representan a figuras do mundo da ciencia e da investigación pasearán pola cidade para informar e convidar á veciñanza á participar na celebración.

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión