Con motivo do Centenario de Emilia Pardo Bazán o Concello da Coruña preparou unha programación especial con mais de 40 eventos co obxectivo de poñer en valor a figura da escritora no que será o acontecemento cultural do ano na cidade.
As actividades programadas poñerán o foco especialmente en tres referencias, na literaria xa que se trata dunha escritora adiantada ao seu tempo, cunha obra de altísimo nivel e ampla temática que vai desde os contos de misterio á novela naturalista sempre cun ollo nas vangardas da época. Outra referencia será a do feminismo de Dona Emilia totalmente avanzado á súa época, ela foi a primeira muller que utilizou o termo " mujericidio" e por último, poñerase a mirada na importancia que ten na súa obra Galicia e moi especialmente a cidade da Coruña. Destacarase a vinculación da escritora coa súa cidade natal á que denominou Marineda e na que a día de hoxe existe unha auténtica mitoloxía urbana que bebe da súa mirada.
Arquivo Real Academia Galega
Biografía de Dona Emilia Pardo Bazán
Emilia Pardo Bazán foi unha galega extraordinaria. Persoa complexa e mesmo contraditoria, escritora de éxito nuns tempos en que se consideraba que as mulleres debían ser "anxos do fogar" e que as mulleres intelectuais eran "seres monstruosos", desafiou todos os estereotipos sociais sobre o que podían e debían facer as mulleres. Naceu na Coruña, a súa querida Marineda, en 1851, e neste ano celebramos o centenario da súa morte en Madrid o 12 de maio de 1921. Separouse do seu home, o que era moi raro na época, para dedicarse profesionalmente á escrita.
Declarouse "feminista radical" e as súas ideas adiántanse en moito ao feminismo do seu tempo. Para alén de reclamar que todos os dereitos que teñen os homes deben telos as mulleres -e non máis deberes-, de denunciar os mullericidios, palabra que lle debemos, pois antes eran chamados "crimes pasionais", foi quen de identificar as ideas e mecanismos nos que se fundamenta a discriminación. Así, afirmou que os asasinatos de mulleres se deben a que o home cre que por ser home ten dereito de vida e morte sobre a muller. Nos seus textos feministas defendeu o dereito das rapazas á educación na universidade e en secundaria, a partir dos 10 anos, o que non se acadou até 1910, sendo ela Conselleira de Instrución Pública.
Denunciou a dobre moral, tanto no sexual como na prohibición de que as mulleres fumasen e noutros aspectos da vida diaria. Exerceu libremente a súa sexualidade, así nos amores con Galdós, reflectidos en apaixonadas cartas, e creou personaxes que a exercen, gozou da vida. A mellor homenaxe (ou "mullerenaxe") é ler os seus relatos, escritos e novelas.
Marilar AleixandreReal Academia Galega
Arquivo Real Academia Galega
As Xornadas Gastronómicas Territorio Atlántico -Centenario Dona Emilia renden homenaxe a esta fascinante muller coruñesa que destacou tamén por ser gran afeccionada á cociña e publicou dous famosos receitarios: "La cocina española antigua" e "La cocina española moderna".
20 dos mellores establecementos da Coruña únense para conmemorar o centenario do seu pasamento elaborando deliciosas propostas gastronómicas inspiradas na súa obra. Unha magnifica oportunidade para lembrar e reivindicar a súa figura a través do padal, da calidade dos nosos alimentos locais e da excelencia das nosas cociñeiras e cociñeiros.