Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

20 de abril de 2021

Borrego: “Os actos sobre Pardo Bazán están pensados á maneira da nosa escritora, que soñou unha Marineda efervescente e sen prexuízos”

O tenente de alcaldesa participou esta mañá no Museo de Belas Artes na presentación do programa en que colabora o Concello “100 anos despois. Emilia Pardo Bazán”, co fin de recordar a figura da intelectual a través de exposicións, congresos e actividades pedagóxicas nos centros de toda Galicia

O tenente de alcaldesa, Juan Ignacio Borrego, participou esta mañá na presentación da programación do centenario de Emilia Pardo Bazán "100 anos despois", no museo de Belas Artes, en que colabora o Concello co fin de recordar a figura da intelectual a través de exposicións, congresos e actividades divulgativas nos colexios de toda Galicia.

O concelleiro destacou a importancia de que as institucións poñan en valor o pensamento moderno e liberal dunha autora que necesitamos e lembrou os máis de 40 eventos que se organizarán desde María Pita ao longo deste ano para reforzar o seu legado, agrupados baseándose nas súas referencias literarias e feministas. Lonxe de construír un relato lineal e plano, os actos en que se conmemora o centenario da súa morte "están pensados á maneira da nosa veciña, que soñou unha Marineda efervescente e sen prexuízos", con paseos literarios e unhas xornadas gastronómicas, que se realizarán en colaboración con Turismo. Haberá rutas pensadas para a mocidade e o público en xeral e unha homenaxe ás cigarreiras, sobre as que escribiu en moitos dos seus relatos e novelas, xunto a teatro, congresos literarios e proxeccións audiovisuais.

Deste xeito, sinalou que a cidade respira, este ano máis ca nunca, as mensaxes que dona Emilia nos deixou, mensaxes que están nos pasos peonís desde A Palloza até Porta Real. O edil lembrou o ciclo de conversas que se están desenvolvendo na casa museo da rúa Tabernas, en que oito mulleres de distintos ámbitos contan a súa experiencia e todo o camiño que andaron para se converteren en referentes. A obra de Pardo Bazán, engadiu, desfrutouse tamén esta fin de semana con danza e a peza escénica "Amparo, al otro lado", no Teatro Colón. Foi deseño gráfico e literatura para o alumnado que a pintou ou a contou a través do certame xuvenil "A mirada violeta de dona Emilia". Así mesmo, explicou que as coruñesas e os coruñeses se trasladarán ao seu universo en dúas mostras no pazo de María Pita e no Quiosco Alfonso, que reflectirán a modernidade das súas letras, "mais tamén a modernidade dos seus encontros persoais e políticos nunha dimensión que transcende o eido local".

No acto estiveron presentes o conselleiro e o secretario xeral de Cultura, Román Rodríguez e Anxo Lorenzo; a comisaria da exposición "Emilia Pardo Bazán, el reto de la modernidad", a catedrática da Universitat de València e biógrafa da autora, Isabel Burdiel; o viceconselleiro de Cultura da Comunidade de Madrid, Daniel Martínez; a directora xeral da Biblioteca Nacional de España, Ana Santos Aramburo; o director do comité científico do Congreso Internacional "Emilia Pardo Bazán, 100 anos despois", o catedrático emérito da USC e académico correspondente José Manuel González Herrán; o reitor da UDC, Julio Abalde; e a condesa de Pardo Bazán, María del Carmen Colmeiro.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión