Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

17 de decembro de 2018

A Concellería de Culturas activa a terceira edición de Coruña Dixital, que disporá este ano dun espazo de referencia no centro Ágora “para conectar a colectivos da cidade sobre a creación e as novas tecnoloxías”

As actividades comezan mañá, na Domus, coa charla 'Que hai en Internet?', unha conversa entre o tuitero El Hematocrítico e o responsable de proxectos audiovisuais de Zemos98, Felipe G. Gil. Os grupos de traballo abordarán este ano cuestións como as novas narrativas na rede, a gamificación, o videomapping ou a aplicación de realidade aumentada no eido cultural.

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, deu a coñecer esta mañá as novidades do programa Coruña Dixital, que comeza unha terceira edición de actividades co obxectivo de "activar novas comunidades e conectar o tecido de entidades e colectivos da cidade que traballar en torno a novas prácticas culturais, creativas e sociais que se producen pola influencia do desenvolvemento e difusión das novas tecnoloxías". Esta rede contará nos primeiros meses "cun espazo propio con programación regular e outras actividades no Centro Ágora" que funcionará de referencia para continuar coa divulgación e o apoio á comunidade dixital local. "Alí compartirá sinerxias cunha iniciativa apoiada polo Goberno local como é a oficina de cooperación audiovisual, unha aposta do Concello coa Academia Galega do Audiovisual, proxectos arredor das novas tecnoloxías e a reflexión audiovisual que converxen no Centro Ágora", avanzou Sande, que incidiu tamén en que este espazo favorecerá a conexión entre as persoas interesadas na cultura dixital, no uso creativo da tecnoloxía e no emprendemento de proxectos innovadores. Co inicio desta terceira edición de Coruña Dixital coincide tamén a activación da programación do Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación (LAIC) para este ano, que comeza mañá, martes 18, co encontro Que hai en Internet? no que participan o tuitero coruñés El Hematocrítico e o responsable de proxectos audiovisuais de Zemos98, Felipe G. Gil.

Tal e como indicou o responsable municipal, que compareceu acompañado do coordinador da iniciativa, Sergio Lago, e do xerente da empresa adxudicataria, Diego Parajó, Coruña Dixital é unha proposta que permite vincular moitas das iniciativas que, nese eido, se desenvolven na cidade e que "cadraba moi  ben con outras formulacións realizadas dende outras áreas do Goberno local como o Co-Lab e que permitía activar novas comunidades e conectar o tecido de entidades e colectivos da cidade con axentes, procesos e experiencias inspiradoras". Neste sentido, Lago indicou que a maneira de colaborar e participar, que ata o momento se realizaba a través de encontros e talleres, vai cambiar este ano, ao dispoñer dun espazo permanente de traballo, o que permite abordar cuestións nas que profundar durante varios meses e en diferentes grupos como son as novas narrativas dixitais na rede, o videomapping, gamificación e a aplicación da realidade aumentada en moitos aspectos culturais. "Nos primeiros dous anos estivemos traballando en liñas como o movemento de software libre, no que mesmo se creou un novo grupo, CoruñaHacks, novas aplicacións de uso social ou no movemento maker, no que a asociación BricoLabs conseguiu un espazo permanente na Domus", lembrou. O relanzamento dos grupos de traballo e as novidades na programación daranse a coñecer a través da páxina web da iniciativa, www.corunadixital.gal.

A primeira toma de contacto celébrase mañá, ás 19.00 horas e de entrada libre, na Domus que acolle a conversa Que hai en Internet? entre El Hematrocrítico e Felipe G. Gil, na que falarán de humor e contidos virais na Rede e que estará conducida pola xornalista María Yáñez dentro da programación do LAIC, un espazo de encontro, colaboración e aprendizaxe para persoas e colectivos interesados na cultura audiovisual contemporánea, os novos medios e a transformación dixital.

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión