Concello da Coruña

Concello da Coruña

Exposición: Viñetas 2014 Palexco

Exposición no Palexco dos autores Charlie Adlard, Marcos Martín e Javier Rodríguez

Cando:

Dende o 04/08/2014 ata o 04/09/2014

Xa rematou

Enderezo:

Sala de exposicións PALEXCO. Peirao de Transatlánticos s/n. 15003 A Coruña

Charlie Adlard (Shrewsbury, Inglaterra; 1966)

Cursou estudos de cine e vídeo no Maidstone Art College, e tras un período formativo de tres anos que derivou nunha licenciatura, puxo rumbo a Londres para tratar de facerse un oco no sector audiovisual. Desencantado pola dificultade de semellante empresa, centrouse na súa faceta como baterista nunha banda de rock; e meses máis tarde, regresou á súa cidade natal para retomar unha das súas grandes paixóns: a historieta, medio que xa abordara coa primeiriza Biggles Bear.

Empeñado en atopar o seu lugar na industria do cómic, investiu dous anos en preparar un portafolio completo, alcanzando resultados máis que positivos. Así, deu os seus primeiros pasos como profesional a través da cabeceira británica Judge Dredd: The Magazine, “irmá” da mítica 2000 AD onde destacou co seu traballo á fronte de Armitage e Treasure Steel. Tras encargarse da serie limitada Dances with Demons para Marvel UK, iniciou un período caracterizado pola súa recorrente colaboración con editoriais americanas, debuxando títulos como Black Orchid Annual, Marvel Cómics Presents ou Good Guys; e polo que ao selo Topps se refire, puxo o seu talento ao servizo da miniserie Mars Attacks! —baseada na película dirixida en 1996 por Tim Burton— e en The X-Files, adaptación ao cómic da mítica serie de televisión Expediente-X. Pero tamén tivo tempo para encargarse do apartado gráfico de Playing the game, obra escrita pola gañadora do Premio Nobel de Literatura Doris Lessing.

Con posterioridade, Adlard encadeou diferentes proxectos para Acclaim, Marvel Cómics e DC Cómics: dende Shadowman, ata X-Men, pasando por Superman ou Astronauts introuble, encomiada serie publicada por AiT/Planet Lar. Co cambio de século, o seu ritmo de publicación non decaeu, engrosando a súa bibliografía con Blair Witch: Dark Testaments, Codeflesh, e múltiples achegas a cabeceiras relacionadas cos personaxes máis icónicos da novena arte: Os Catro Fantásticos, A Patrulla-X, Spiderman, Green Arrow, Green Lantern e Batman, entre moitos outros. Pero probablemente esta etapa será lembrada polo seu labor á fronte de dúas coleccións do selo WildStorm: “The Authority” e “The Establishment”.

Foi no 2004 cando se produciu o punto de inflexión máis significativo da súa carreira: por aquel entón, Tony Moore abandonou o seu posto como debuxante regular dos “mortos viventes”, dando paso a unha frutífera colaboración entre Adlard e o guionista Robert Kirkman. Transcorrida unha década, a serie —onde o debuxante saca a relucir o seu dominio do claroscuro— segue en plena forma, potenciada polo éxito da adaptación televisiva impulsada pola canle norteamericana AMC. Un recoñecemento tamén traducido en nomeamentos a galardóns tan prestixiosos como os Premios Eisner, Harvey, Eagle, Stan Lee, ou os do Salón Internacional do Cómic de Barcelona, que no 2011 conquistaron na categoría de Mellor Obra Estranxeira.

Máis aló do fenómeno zombi, Adlard logrou atopar tempo na súa apertada axenda para participar noutros proxectos, como Savage, “El aliento del Wendigo” ou a recentemente reeditada “La muerte blanca”.

 

Marcos Martín (Barcelona, 1972)

Interesado dende unha idade moi temperá en contar as súas propias historias, axiña se decantou pola historieta como o medio idóneo para iso. Lector de cómics empedernido, á hora de completar a súa formación académica optou por cursar a Licenciatura de Belas Artes na Universidade de Barcelona, con vistas a ampliar as súas miras “e experimentar con outro tipo de técnicas”.

Os seus primeiros encargos desenvolvéronse dentro das nosas fronteiras, realizando ilustracións e portadas para as edicións españolas de Marvel Cómics, por aquel entón publicadas por Planeta DeAgostini; e aínda que a punto estiveron de ver a luz un par de proxectos auspiciados pola liña Laberinto da editorial, finalmente o cerre do devandito selo truncou as súas expectativas. Ante a dificultade de abrirse paso na case inexistente industria española, Martín centrou as súas miras no mercado americano, berce das súas principais influencias culturais; e armado cun sólido portafolios, aproveitou unha estancia de tres meses en Nova York para presentarse ante os grandes xigantes editoriais: Marvel Cómics e DC Cómics. Semellante talento non pasou desapercibido, asumindo os seus primeiros fill-ins en cabeceiras como The Batman Chronicles, JSA, Robin, Birds of Prey, e en series limitadas como Robin: Año uno e Joker: Last Laugh.

Pero os encargos cos que comezou a gañar maior notoriedade foron “Batgirl: Año uno” e “Breach”: a primeira, serie limitada escrita por Chuck Dixon e Scott Beatty, a segunda guionizada por Bob Harras; e ambas, coloreadas por Javier Rodríguez. Tras deixar constancia da súa clase e dominio narrativo en ambos os proxectos, no 2006 comezou a colaborar de forma recorrente con Marvel Cómics, de modo que a un par de encargos menores seguiulle a miniserie “Doctor Extraño: El Juramento”, obra de grande importancia non só pola súa indubidable calidade, senón tamén por propiciar o reencontro co guionista Brian K. Vaughan, xunto ao que traballara nunha historia curta do Cabaleiro Escuro (Batman: Gotham City Secret Files and Origins núm. 1) Probada a súa valía na Casa das Ideas, chegou un encargo de primeirísimo nivel: “El Asombroso Spiderman”, colección na que brillou con luz propia ata converterse nun dos autores máis reputados do mercado americano. Non só como debuxante de páxinas interiores —colaborando con guionistas como Dan Slott, Mark Waid ou o mesmísimo Stan Lee—, senón tamén como portadista, destacando pola súa elegancia e orixinalidade compositiva.

Tras o seu paso pola colección protagonizada polo trepamuros, coincidiu con Mark Waid e Paolo Rivera no exitoso relanzamento de “Daredevil”, serie convertida en gran triunfadora dos prestixiosos Premios Eisner, que na súa edición do 2012 recoñeceron o traballo do equipo creativo cun galardón na categoría de Mellor serie Regular e dous nomeamentos ao propio Martín como Mellor Portadista e Mellor Debuxante.

Finalizado o seu contrato en exclusiva con Marvel Cómics, embarcouse nunha nova aventura, fundando a súa propia editorial online xunto a Brian K. Vaughan. Xuntos, aproveitaron a dita plataforma dixital —que parte da premisa de que o importe pago por cada cómic depende da vontade do lector— para lanzar o proxecto de creación propia “The Private Eye”, no que tamén colabora a colorista Muntsa Vicente. Unha aclamada colección que, a medio camiño entre a ciencia ficción e o xénero negro, reflexiona as implicacións dun futuro próximo no que Internet desapareceu.

 

Javier Rodríguez (Oviedo, 1972)

Beneficiado pola afección do seu pai ao medio, dende a súa infancia estivo exposto a topo tipo de cómics: dende as lecturas superheroicas polas que se decantou en primeira instancia, ata o material de Richard Corben ou Will Eisner publicado pola editorial Toutain, pasando por Milo Manara, Nazario ou Wally Wood, entre moitos outros.

Dende un primeiro momento sentiu a necesidade de debuxar historietas, presentándose a diversos concursos e participando en varios fanzines; unha etapa primeiriza que xa obtivo recoñecemento cun accésit na Semana Negra de Xixón. Formado na Escola de Artes e Oficios de Oviedo, converteuse nun dos fundadores do fanzine “Froilán” xunto a Germán García, Marco Recuero, Arturo Arias e Fran Pérez; unha publicación onde viu a luz “Panowsky”, ao cabo o seu proxecto de fin de carreira.

Na autoedición atopou o modo perfecto de canalizar a súa ansia creativa, destacando “Anselmo Ensombras” e moi especialmente “Love Gun”, miniserie de ambientación futurista e crítica social que, reeditada por UnderCómic, valeulle un nomeamento na categoría de Autor Revelación nos Premios do Salón Internacional do Cómic de Barcelona de 1998. A partir do 1997 converteuse en colaborador habitual da revista El Víbora, onde durante un lustro creou series como “Paraíso Punk Rock Bar”, “Comprobando a realidade”, con guións de Mauro Entrialgo, e “Tenebro”. Obras nas que se aprecia a influencia de autores como os Irmáns Hernández ou Jamie Hewlett, e doutra das súas grandes paixóns: a música.

Pero máis alá das súas colaboracións para coa amentada publicación, comezou a participar en historias editadas en formato álbum: primeiro a costumista “Wake up”, como autor completo, e posteriormente “Miedo”, escrita por David Muñoz e Antonio Trashorras. Tras desenvolver a serie “Crononautas” para Mister K —revista infantil de El Jueves—, aproveitou a oportunidade de desembarcar no mercado francobelga: escrita por Delphine Rieu e publicada por Les Humanoïdes en formato manga, “Lolita HR” centrábase nunha nova e rebelde estrela de rock; unha prometedora historia de ciencia ficción que con todo viuse lastrada por problemas da editorial gala.

De forma paralela á súa carreira como debuxante, comezou a desempeñar tarefas de colorista en títulos como “Batgirl: Año uno”, “Breach” ou “Blanco Humano”: coleccións de DC Cómics onde coincidiu con amigos como Marcos Martín ou Javier Pulido. Con resultados notables, axiña recibiu encargos de Marvel Cómics, retomando a colaboración con Martín en “Doctor Extraño: El Juramento”, encargándose de colorear a debuxantes da categoría de Alan Davis, e participando en coleccións como a multipremiada “Daredevil”, onde coincidiu con Mark Waid, o propio Marcos Martín, Paolo Rivera e Chris Samnee. Colorista sobresaliente, por sorte contou cun editor —Stephen Wacker— que soubo apreciar a súa calidade como debuxante, de modo que dun tempo para acó debuxou diferentes fill-ins de “Daredevil” e historias publicadas en cabeceiras de El Hombre Araña como “The Amazing Spider-Man” ou “Superior Spider-Man”.

 

Tamén é a sede da Biblioteca do cómic.

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión