Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

25 de abril de 2018

Máis de 40 proxectos concorren ás axudas de apoio á cultura tradicional e festas veciñais convocadas por Culturas

As liñas de subvencións de ‘Cultura de Barrio’ e ‘Grupo Xerminal’ manteñen aberto o prazo de solicitude ata o 7 e o 15 de maio

Un total de 42 proxectos optan, unha vez pechado o prazo de solicitude, ás liñas de axuda postas en marcha pola Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento destinadas a apoiar as entidades vinculadas á cultura tradicional, a través do Plan de apoio ás entidades de arraigo, e para organizar as festas de carácter comunitario en colaboración coas entidades veciñais, dentro da liña Facemos comunidade. A área de Culturas do Concello promove, nalgúns casos a través do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE), un total de cinco convocatorias en réxime de concorrencia competitiva ás que destina 620.000 euros co obxectivo de apoiar a creación e a diversidade cultural da cidade, tanto para entidades, salas e asociacións veciñais. A Concellería de Culturas mantén aberto o prazo de solicitude para outras dúas liñas de axudas: Cultura de Barrio, ata o 7 de maio, destinada a entidades e colectivos que contribúan á descentralización da programación cultural en favor dos barrios, e o Plan de Apoio á Creatividade Grupo Xerminal, que se pode solicitar tamén ata o 15 de maio e busca alimentar a produción en diversas disciplinas relacionadas coa palabra, o son, a plástica, a escena, a imaxe e outras manifestacións artísticas. Unha quinta liña, Cultura de proximidade, destinada a salas de música e artes escénicas, abrirá a súa convocatoria unha vez se publique no Boletín Oficial da provincia.

Tal e como explicou o titular da área de Culturas, José Manuel Sande, o goberno local busca, por medio destas convocatorias, artelladas nun sistema de concorrencia competitiva, "organizar e regular as relacións entre a administración local e os colectivos, de maneira que quede asegurada a igualdade de oportunidades a través da valoración dos proxectos". A Concellería de Culturas, fai notar, aposta por "arraigar e fortalecer o sistema cultural da cidade e a todos os seus axentes de maneira que non sexa o Concello o que centralice e monopolice as manifestacións artísticas da cidade". "Cremos que isto redunda nunha maior diversidade e enriquecemento do panorama cultural da Coruña", indica Sande.

A convocatoria do Plan de Arraigo, á que se destinan 100.000 euros, está dirixida ás entidades vinculadas á cultura tradicional, incluídas aquelas que, fóra do ámbito máis profesional, teñen unha grande significación para a cidade pola súa tradición e traxectoria. Facemos Comunidade, pola súa banda, conta cunha dotación de 250.000 euros para apoiar e regular a organización das festas dos barrios xunto con entidades veciñais. Como recalca o concelleiro de Culturas, permanecen abertos os prazos de solicitude das outras dúas liñas de axudas. Cultura de Barrio, dotada de até 100.000 euros, está dirixida ao tecido creativo e aos colectivos informais que traballan dende os barrios en accións de carácter socio-comunitario, e  Grupo Xerminal, á que se destinan 120.000 euros, para estimular a creación de proxectos de intervención artística "vinculados á vangarda e á creación contemporánea, para expandir os límites da creación". Finalmente, o departamento inviste 50.000 euros na liña Cultura de Proximidade para apoiar ás salas de artes escénicas e musicais "que desenvolven un importante labor na programación cultural da cidade".

Toda a información sobre estas cinco convocatorias pódese consultar a través da páxina web municipal www.coruna.gal/cultura.

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión