Concello da Coruña

Concello da Coruña

Visitas guiadas e actividades didácticas 2021-22

A inmensa variedade de técnicas, soportes e procesos creativos utilizados por Luís Seoane proporciónannos a base ideal para o desenvolvemento de multitude de experiencias educativas nas que as e os máis pequenos terán un papel activo e moi participativo. Ao longo deste percorrido formularanse unha serie de propostas didácticas a través de diversas actividades que implican observación, análise e creatividade.

A quen vai dirixido:

Para público en xeral

Cando:

Dende o 22/11/2021 ata o 26/06/2022

Xa rematou

Enderezo:

Fundación Luis Seoane. Rúa San Francisco 27. 15001 A Coruña

Contacto:

info@fundacionluisseoane.gal

+34 981 216 015

En obra de Luís Seoane iremos descubrindo a imaxe de Galicia: as mulleres e os homes, o traballo no campo e na costa, os froitos da terra e do mar, a roupa, os aparellos, os costumes, as lendas... Tamén poderemos ver como traballaba Seoane coas cores, o debuxo e as formas para representar unha realidade que ía máis aló do simple rexistro daquilo que percibimos coa mirada.

Para participar nestas actividades, é necesario realizar unha reserva previa a través do teléfono 981 216 015.

Vidreiras Luminosas do Mundo das Cores. Taller para escolares de Educación Infantil. Número de participantes: 25. Duración da actividade: 60 min.

En 1959 Luís Seoane realiza a súa primeira vidreira, na que o seu carácter creativo e innovador lévao a experimentar con novos materiais, substituíndo o chumbo por soldadura plástica e utilizando resinas sintéticas tinguidas con pigmentos.

Conscientes de que o alumnado xa pintou de todas as formas posibles (lapis, ceras, acuarela, témpera etc.), inspirámonos nas técnicas creativas de Luís Seoane, na súa aposta pola integración das artes, o seu gusto pola obra mural, polo uso de formas modulares intercambiables e no seu profundo desexo de experimentación e xogo, para deseñar unha actividade na que crearemos unha gran vidreira mesturando as tres cores primarias.

Para iso utilizaremos plásticos tintados que ao solaparse mesturaranse como se fosen pintura, recortados nun abano infinito de formas, tanto xeométricas como antropomorfas, adheridos con auga a unha gran ventá. Unha técnica que mestura o soporte mural e a vidreira, a pintura e a colaxe, a ciencia e a arte. Esta actividade está baseada no estudo e análise da natureza das cores e a experimentación cos tres pigmentos básicos: cyan, maxenta e amarelo.

Safari fotográfico na Illa dos Monstruos. Taller para escolares de Educación Primaria e Secundaria. Número de participantes: 25. Duración da actividade: 90 min.

Unha das facetas creativas de Luís Seoane estivo vinculada á fantasía e a imaxinación. Desde dar forma aos mitos e lendas da nosa cultura, ata o gusto polos bestiarios medievais e insectarios, que recreou inventando numerosas criaturas mitolóxicas como resultado dunha colaxe debuxada de elementos de distintos animais. A técnica empregada por Seoane inspira esta actividade, expandíndoa ás tres dimensións, pero no canto de traballar con papeis recortados, as persoas participantes farano con bonecos para realizar colaxes tridimensionais de criaturas fantásticas, froito da recombinación de multitude de animais procedentes de especies e épocas moi diferentes. Así, os extintos dinosauros mesturaranse con animais actuais, terrestres con mariños, insectos con mamíferos... As creacións serán inmortalizadas en fotografías, que o alumnado realizará a modo de safari fotográfico, mediante un divertido xogo no que terán que "capturar" as súas creacións no seu contexto natural: unha gran maqueta, tendo un tempo limitado para situar a cámara, elixir o encadre e tomar a fotografía.

Visitas guiadas ás exposicións temporais. Destinadas a ciclos formativos e público adulto. Número de participantes: 30. Duración da visita: 60 min.

Cada exposición temporal dispoñerá da súa propia visita comentada, na que o/a educador/a explicará os seus contidos e dotará de sentido e significado os conceptos e propostas desenvolvidas nela, adaptándose sempre ás características e intereses específicos de cada grupo. Todo iso cun marcado carácter lúdico e participativo.

Visitas arquitectónicas destinadas a ciclos formativos e público adulto. Número de participantes: 30. Duración da visita: 60 min.

Visitas guiadas ao edificio da Fundación Luís Seoane, deseñado polos arquitectos Juan Creus e Covadonga Carrasco e inaugurado en 2004. Falaremos sobre a adaptación do edificio preexistente, o Cuartel de Macanaz, a unha arquitectura de museo, sede da Fundación. Analizaremos ademais as súas características formais e funcionais, facendo fincapé na valoración da súa versatilidade para adaptarse ás diversas actividades e propostas museísticas que se desenvolven no edificio.

Buscas algo concreto?

Datas

Escolla período ou rango de datas:

Dende:

Ata:

Opcións

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión