Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

16 de outubro de 2020

A halterofilia protagoniza unha das citas deportivas da fin de semana co Campionato de España Júnior

A concelleira de Deportes, Mónica Martínez presentou esta mañá en María Pita o evento en que participarán 73 atletas, e no que destaca a presenza da coruñesa Irene Blanco, campioa do mundo, sub 17

A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, presentou hoxe en María Pita o Campionato de España Júnior de Halterofilia, que comezará mañá ás 09.00 horas no pavillón de deportes da Sagrada Familia, unha cita na que participarán ata 73 atletas, e que se suma á Copa do Rei de pelota que arrincou hoxe.

Unha cita, subliñou a concelleira, que nos fai soñar cunha fin de semana gloriosa para o deporte da cidade e para o Club Halterofilia Coruña, xa que que a deportista coruñesa Irene Blanco, campioa do mundo sub17, ten a oportunidade de bater o récord de España na súa categoría con 95 quilos en arrancada, 116 en dous tempos e 211 en total olímpico. Blanco estivo presente no acto de presentación que contou tamén coa asistencia do presidente da Federación Española de Halterofilia, Constantino Iglesias; o director técnico do Club Halterofilia Coruña, Ferenc Szabo, e o delegado de Deportes da Xunta, Roberto García.

A concelleira destacou que é un orgullo para a cidade poder acoller este campionato e lembrou que tamén se van realizar na Coruña o campionato absoluto (14 e 15 de novembro) e a Copa do Rei e da Raíña (12 e 13 de decembro), prestixiosa competición por clubs e que tanto significou nos últimos anos para o palmarés do Club Halterofilia Coruña. "Todo un luxo para a Coruña poder ser a sede destes campionatos nacionais que, ademais, estamos seguros de que nos deixarán moi boas marcas", dixo.

En definitiva, sinalou, será a primeira fin de semana de pura halterofilia que gozaremos na Coruña de aquí ata finais de ano. "Para nós é un orgullo poder acoller a familia da halterofilia española nuns momentos tan complicados pola situación sanitaria que vive o noso país; o traballo e a dedicación de ambas as federacións, en colaboración cos nosos técnicos, merecen ter un resultado acorde. Oxalá que sexan uns extraordinarios campionatos",  dixo.

A  concelleira  tamén tivo palabras de  agradecemento para o club anfitrión, o Club Halterofilia Coruña e para o traballo do adestrador Ferenc Szabo e das súas halterófilas e os seus halterófilos que nos últimos anos se converteron nun dos mascaróns de proa da armada deportiva coruñesa. "Grandes campións como Víctor Castro, Irene Martínez, Martín Liste ou Irene Blanco Tarela saíron da factoría do gran Ferenc, un coruñés adoptado, un coruñés máis, que logrou un pequeno gran milagre nun deporte que agora ten na nosa cidade grandes referentes en que pode mirarse a nosa mocidade", apuntou.

E por último, Martínez desexoulles ás persoas participantes e ao público unha gran fin de semana de convivencia e grandes resultados.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión