Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

13 de setembro de 2020

A terceira edición de Modulartec ofrecerá un universo sonoro protagonizado por músicos referentes na vangarda musical

Serán seis sesións repartidas entre o 2 e o 3 de outubro no Aquarium e na Fundación Seoane e protagonizadas por Telemaco, Biyi Amez, Carlos Suárez, Linalab, Juan Manuel Cidrón e Death Whistle

O 3º Encontro de Síntese Modular da Coruña Modulartec reunirá o 2 e o 3 de outubro a un conxunto de artistas no Aquarium e na Fundación Seoane que traballan na vangarda da música e que teñen como denominador común o uso de sintetizadores modulares, que combinan con outros instrumentos como percusión, guitarras ou, como no caso de Biyi Amez, o theremin, que neste 2020 cumpre 100 anos dende a súa invención.

En seis sesións repartidas en dous días, o público viaxará por paisaxes sonoras que van desde a experimentación electroacústica ata o ambient, ou desde a revisión de pezas de música clásica ata o sonido industrial. Un universo sonoro filtrado polo primeiro e quizáis máis puro formato do que coñecemos como música electrónica: a síntese modular.

Venres 2 de outubro - 20:00 h

Aquarium Finisterrae. Sala MAREMAGNUM

TELEMACO [ESP]

Dr. Think e Mike Rolling, é dicir, Álvaro Pardo e Miguel Rulos, falan sobre a vida nun proxecto chamado Telémaco, no que combinan «a música impetuosa de Beethoven coas bandas sonoras anodinas dos aeroportos, as enérxicas conversacións sobre a paixón coa cadencia relaxada dun saxo». Eles miran a vida como fusión e confusión e ofrécennos ese mapa sonoro acomodando melodías nadas de instrumentos tradicionais sobre cómodos colchóns de bases electrónicas. A vida visítanos na música de Telémaco en forma de televisores, teléfonos, mensaxes de voz gravados ou batedoras, todo iso dominado pola improvisación.

BIYI AMEZ [ESP]

Músico mallorquino polifacético, posuidor dun auténtico arsenal de criaturas sónicas. Biyi publicou o seu primeiro traballo a finais dos 90 e trátase da triloxía titulada La máquina del Tiempo nun estilo que a grandes liñas poderiamos cualificar de hip-hop instrumental, breaks ou headz music moi en boga nesa época. Actualmente está considerado un dos poucos especialistas na interpretación do theremin en España e realizará nunha actuación con este instrumento e os seus sintetizadores modulares. O theremin pertence á familia dos instrumentos electrófonos, o son créase mediante circuítos eléctricos e xera e amplifica o son de forma totalmente eléctrica sen a utilización de ningún mecanismo. Forma parte do subgrupo dos instrumentos radio-eléctricos. Precisamente este ano cúmprese un século desde a súa creación polo compositor e físico ruso Léon Theremin.

Sábado 3 de outubro - 18:00 h

Fundación Luis Seoane. Patio

CARLOS SUÁREZ [ESP/VENEZUELA]

Compositor, etnomusicólogo e percusionista galego-venezolano, nacido en Ourense. É Mestre compositor polo Conservatorio Superior de Música Simón Bolívar de Caracas e etnomusicólogo polo Instituto Universitario de Estudos Musicais de Caracas. Creou máis de 40 obras acústicas e electroacústicas. Tamén ten composto para danza, teatro, radio, vídeo, instalacións e recitais poéticos. As súas viaxes de investigación por Venezuela e o caribe inícianse en 1989, principalmente ás áreas culturais afroamericana do caribe e indíxena do Amazonas, onde realiza gravacións e estudos sobre música e paisaxes sonoros. Transcribiu máis de 36.000 compases de música tradicional de todo o mundo. Traballou como investigador para fundef e finide Fundación Internacional de Etno-Musicología durante 10 anos. No ano 2003 retorna a Galicia, iniciando os seus estudos da paisaxe sonora galego co colectivo escoitar.org. No ano 2006 gana en Venezuela o Premio Nacional de Cultura polo seu libro Los chimbángueles de San Benito. As súas conferencias e talleres viran ao redor de temas de psicoacústica, fonografía e composición, etnomusicología e paisaxes sonoras.

LINALAB [COLOMBIA/ESP]

Lina Bautista é unha moza colombiana nacionalizada española e establecida en Barcelona desde 2009 e formada no campo da experimentación electroacústica. Construíu un discurso musical baseado no tratamento en tempo real da guitarra, as texturas electrónicas e as paisaxes sonoras. Linalab é unha singularidade múltiple, é conxunto e unidade, é un son solitario, unha nota, unha frecuencia que ao permanecer no tempo se enmaraña, vólvese ruído, melodía, canción e despois, silencio.

JUAN MANUEL CIDRÓN [ESP]

Juan Manuel Cidrón é un talento veterano da electrónica española desde os primeiros oitenta e desde a súa Almería natal. É un home analóxico, nin ten ordenador nin sequera teléfono móbil, e o seu son céntrase nos sintetizadores e os instrumentos analóxicos. A súa colección de aparellos é impresionante, unha das mellores do país. O seu son está influenciado nos seus primeiros anos pola Escola de Berlín dos setenta (Tangerine Dream, Klaus Schülze, etc...). Cun extenso background difícil de seguir, a súa liña de traballo é moi independente. Cidrón traballa sempre desde a la #Ultraperiferia de su Extrarradio, selo propio no que publicou 20 referencias. Ten unha especial conexión co selo madrileño Geometrik, onde editou o maxistral Patagón en 2012, e é moi recente a sorprendente proposta no trío Vértice xunto a nada menos que Saverio Evanxelista (Esplendor Geométrico) e Maurizio Bianchi, onde inauguran a serie Decay Music nº. 1 Besoch Trauma (2019) no selo italiano Die Schachtel cunha edición cunha presentación exquisita como adoita ser habitual. O seu último traballo, Los conciertos que nunca se hicieron é de recente publicación e, como reza o título, son interpretacións en directo das actuacións que Cidrón tiña programadas para este ano e que debido á pandemia quedaron canceldas ou aprazadas e que el interpretou igualmente no seu estudo o mesmo día e á mesmas horas dos seus concertos e que quixo reflectir neste traballo non destinado á venda de edición limitada.

DEATH WHISTLE [ESP]

Víctor García é xa un vello coñecido de Modulartec xa que participou no primeiro encontro e esta vez vai presentar a súa evolución dentro da interpretación con sintes modulares. É un compositor, deseñador sonoro e programador que traballou en proxectos como Decorado, Psiconautas, los niños olvidados, Sangre de Unicornio ou Ramiro, sucia rata. O seu traballo foi exposto en festivais de cinema tan importantes como Cannes, San Sebastián ou Annecy. Cabe destacar, o premio Goya 2017 á mellor película de animación por Psiconautas, los niños olvidados, o Goya 2017 á mellor curtametraxe de animación por Decorado e os nomeamentos ao Goya de Soy una Tumba e Sangre de Unicornio en 2019 e 2015 respectivamente. Así como a selección de Sangre de Unicornio no festival internacional de cinema de Aubagne, especializado en compositores para o medio audiovisual. Con Death Whistle traslada o seu son cinématico ao escenario a través do uso da paisaxe sonora, o ruidismo e melodías punzantes que envolven ao espectador nunha experiencia sónica entre o onírico e o terreal.

+ información:

Instagram: @modul_artec

info.modulartec@gmail.com

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión