Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

22 de xuño de 2022

Abre ao público a mostra ‘Ma patrie, mon finistère: Fragmentos da correspondencia Camus - Casares’, dispoñible na Fundación Luis Seoane ata outubro

A alcaldesa, Inés Rey, asistiu hoxe á presentación da exposición, plantexada como unha experiencia inmersiva de 45 minutos para coñecer a relación epistolar entre a actriz coruñesa e o novelista francés

A alcaldesa, Inés Rey, asistiu hoxe ao acto de presentación da exposición 'Ma patrie, mon finistère: Fragmentos da correspondencia Camus - Casares', unha mostra promovida polo Concello da Coruña no contexto da programación de actividades polo Ano Internacional María Casares, e que estará aberta á cidadanía ata o vindeiro mes de outubro na Fundación Luis Seoane.

Inés Rey presentou esta tarde o contido da mostra, acompañada de Silvia Longueira, directora da Fundación Luis Seoane, e Tono Mejuto comisario deste proxecto audiovisual que recolle a relación epistolar que mantiveron a actriz coruñesa María Casares e o novelista e dramaturgo francés Albert Camus entre os anos 1944 e 1960, ata o falecemento deste último. A exposición, fundamentada en cuestións comúns a Casares e Camus, como a patria, o exilio e a paixón polo teatro e a escritura, inclúe imaxes gravadas con referencias ás paisaxes polas que transitou María Casares, como a praia de Bastiagueiro e o Pazo do Río, o que aporta unha experiencia inmersiva de 45 minutos ás persoas asistentes.

"Esta mostra cumpre cos obxectivos que nos marcamos de cara á celebración do Ano Internacional María Casares, que pasan por incrementar a identificación de María Casares coa nosa cidade, promover a conexión cultural e social de A Coruña con Francia, poñer en valor a contribución de María á defensa da igualdade e a elevar o papel das mulleres na sociedade e, en paralelo, recuperar a memoria do exilio coruñés", resaltou a alcaldesa.

A exposición 'Ma patrie, mon finistère: Fragmentos da correspondencia Camus - Casares', de acceso totalmente gratuíto, estará dispoñible na Fundación Luis Seoane ata o mes de outubro, de martes a domingo, en horario de mañá (11.00 a 15.00 horas) e de tarde (17.00 a 21.00 horas).

Xullo, un mes cargado de citas culturais con María Casares

O pasado sábado 18, o Concello da Coruña, coa colaboración da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), puxo en marcha un itinerario emocional que percorreu as rúas da Coruña nas que medrou María Casares. O historiador Emilio Grandío e a investigadora María Lopo guiaron ás persoas asistentes por esta ruta urbana, que volverá o 2 de xullo e na que Matilde Blanco e Gonzalo Uriarte lerán textos da propia María Casares e de Santiago Casares Quiroga.

Ademais, xa os martes 5, 12 e 19 de xullo, o Quiosco Alfonso acollerá as sesións de gravacións dun 'podcast', abertas ao público, nas que se percorrerá a vida de María Casares grazas á condución de María Lopo e coa participación de actores e actrices.

Por outra banda, e ata o 25 de xullo, tamén no Quiosco Alfonso, estará aberta á cidadanía a exposición 'María Casares, actriz océano', unha mostra que contén máis de 200 pezas e fotografías que trazan unha cronoloxía da vida da actriz, desde o seu nacemento na Coruña ao seu éxito como actriz no exilio francés, pasando pola súa etapa en Madrid e a súa formación en distintos momentos. O acceso á exposición é totalmente gratuíto.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión