Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

27 de novembro de 2020

Inés Rey: “O Nadal chegará a todos os barrios”

As persoas que traballaron nos servizos esenciais durante a pandemia serán as protagonistas do tradicional acendido da iluminación do Nadal

A alcaldesa, Inés Rey, anunciou esta mañá que a tradicional cabalgata, con desfile de carrozas e miles de persoas nas rúas, non se poderá celebrar este ano, pero "os Reis Magos chegarán a todos os barrios e toda a rapazada poderá velos". A Coruña, dixo, vivirá un Nadal especial cargado de simbolismo e centrado nos barrios "un Nadal en que lembraremos a todas a persoas que faleceron neste fatídico 2020 e lles renderemos unha merecida homenaxe a todas as persoas anónimas que nos coidaron durante o confinamento para mostrarlles o noso agradecemento". Honraremos, sinalou, o seu labor limpando e desinfectando as rúas, nos supermercados, levándolles comida ás familias máis necesitadas, axudándolles ás nosas persoas maiores, conducindo os buses que nos levaron aos nosos traballos, loitando contra o virus nos hospitais... ás e aos bombeiros, policías e centos de voluntarias e voluntarios que estiveron en primeira liña desde o minuto cero. "Unha homenaxe a todas e todos os que traballaron garantindo os servizos esenciais da nosa cidade mentres estabamos na casa seguros", dixo.

Por iso, todas esas persoas anónimas serán as encargadas o próximo venres 4 de decembro de darlle o pistoletazo de saída ás nosas festas co tradicional acendido da iluminación do Nadal, unha iluminación que chegará a todos os nosos barrios cunhas luces acolledoras e que terá o seu punto de partida na praza de María Pita cun planetario que evocará o da Casa das Ciencias e que nos trasladará a un ceo estrelado.  E, por iso, nun ano marcado pola COVID-19, será tamén unha figura anónima, unha señora aplaudindo, a nova figura que se incorporará ao belén municipal; "un símbolo dos aplausos que cada día rompían o silencio da cidade", apuntou a rexedora.

A iluminación, explicou a alcaldesa, levará o espírito do Nadal a todos os barrios e servirá para darlle vida ao comercio local e, se as restricións o permiten, á hostalería. "Será un Nadal diferente, en que nos toca quedarnos nos nosos barrios e consumir no comercio de proximidade", apuntou a rexedora que animou as coruñesas e os coruñeses a gozar da súa zona, "a vivir un Nadal atípico en que o importante será coidar da saúde de todas e todos".

Este ano tampouco toca poboado do Nadal, lembrou a alcaldesa, pero a pesar da pandemia, a cidade mantén a súa tradicional árbore no Obelisco e os seus elementos decorativos. "Haberá máis sorpresas en María Pita", dixo Rey, que asegurou que se realizarán espectáculos de animación polos barrios en que se garantirán que non se produzan concentracións de xente.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión