Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

19 de maio de 2022

Madó González: "Se presionamos os/as menores, acabarán abandonando"

Psicóloga do deporte e unha das mellores mediofondistas españolas dos anos 90, considera que as mozas e os mozos deben competir nun contexto de aprendizaxe e diversión e avoga por restarlle importancia ao resultado

Madó González, asidua do Circuíto Coruña Corre co club 'A Mochila do Deporte', reflexiona sobre os beneficios da actividade física e como deben encararse en idades temperás probas como a do próximo domingo nos Rosales.

Pregunta: Que beneficios supón a práctica deportiva a calquera idade e, en concreto, para a xente máis nova?

Resposta: Cientificamente, está demostrado que os beneficios da práctica deportiva danse a nivel físico, social e psicolóxico en todas as idades. Concretamente, e se nos centramos nas persoas máis novas, desde un punto de vista psicolóxico, obtéñense beneficios na autoestima, benestar xeral ou regulación da ansiedade, por citar algúns. Ademais dos valores que se asocian ao deporte como esforzo, compromiso, aceptación de normas, tolerancia á frustración ou cohesión de grupo.

P: Desde o seu punto de vista, que é o que se debería evitar na competición?

R: Antes dunha competición, e máis centrándonos na xuventude, debemos evitar todo tipo de presión. A competición debe ser un contexto de aprendizaxe e diversión na que se fomente e valore o esforzo independentemente do resultado. Só desta forma, conseguiremos que esa mocidade ou nenos/as se adhiran á práctica deportiva. Se presionamos, acabarán abandonando o deporte.

P: Como podemos proceder se apuntamos a un/unha peque a unha carreira e, no momento da saída, rexeita correr?

R: Temos que intentar falar con el ou ela. Evidentemente, en función da idade, debemos facelo dunha forma ou outra pero sempre que trate de expresar por que non quere correr. Debemos transmitirlle confianza e apoio, e ao mesmo tempo facerlle ver que é un momento para gozar e pasalo ben. Se por algún motivo non quere facelo, intentar transmitir que non pasa nada, que haberá outras oportunidades para facelo cando se atope máis seguro/a.

P: Ao fío do que apuntaba antes, ¿como encarar unha proba a esas idades temperás? Débese dar transcendencia ao resultado?

R: Como xa apuntei, nunca se debe dar importancia ao resultado nin se está entre os/as primeiros/as ou últimos/as. A estas idades debemos buscar que se divirtan e que aprendan. Desafortunadamente, nas competicións e nas carreiras populares, en concreto, estamos a observar familias que só valoran o resultado. Por iso é tan importante a formación para as familias.

P: Pais, nais e titores/as, ás veces, están moi encima da mocidade deportista antes, durante e despois da carreira. É positivo ou é mellor darlles espazo?

R: Os pais e nais deben ser 'só' iso, pais e nais que acompañan os seus fillos e fillas a unha actividade deportiva. Nas competicións deben deixarlles a responsabilidade aos seus adestradores e adestradoras, que son quen deben dirixir os adestramentos e as competicións. Hai outro aspecto, tamén, moi importante en canto ás familias e é que fomenten a autonomía dos seus fillos e fillas, é dicir, que deixen que sexan responsables da súa roupa, do material, dos seus horarios... Antes, durante e despois teñen que animar e apoiar os seus fillos e as súas fillas, controlando tamén as súas emocións tanto se entran primeiros/as como se son dos/as últimos/as.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión