Concello da Coruña

Concello da Coruña

Deportes

Concellería de Deportes

A Coruña acolle desde o venres as actividades deportivas complementarias á Coruña42, coa participación dos atletas galegos Andrés Díaz e Julia Vaquero

O sábado terá lugar o Breakfast Run Solidario. A recadación irá destinada, integramente, á Asociación de Daño Cerebral de Coruña

Cando:

27 de setembro de 2022

Este domingo, 2 de outubro, regresa o maratón atlántico Coruña42, na que será a novena edición desta cita, e reaparecendo, despois da pandemia, tras un importante esforzo organizativo.

O maratón, que partirá da avenida de Montouto e presentará tres tramos diferenciados, porá a proba a resistencia das e dos deportistas con 42.195 metros polas rúas da cidade, onde tamén se desenvolverá, en paralelo, unha 10K. Ademais, recupérase a chegada a María Pita desde Rego de Auga, que só se rexistrou, con moi boa aceptación por parte das e dos atletas, na edición de 2015. 

Este martes, a concelleira de Deportes, Mónica Martínez, subliñou que "o obxectivo do goberno municipal é situar á Coruña42 entre as mellores probas deportivas de España e convertela nun patrimonio máis da cidade". Neste sentido, e para reforzar a programación complementaria ao maratón deste fin de semana, Martínez presentou as actividades deportivas complementarias que se levarán a cabo entre venres e sábado na Coruña.

O plan de actividades deportivas complementarias á Coruña42 será o seguinte:

FEIRA DO CORREDOR

Celebrarase entre o venres, 30 de setembro (de 17.00 a 21.30 horas), e o sábado 1 de outubro (de 10.00 a 20.00 horas), no Palexco, coa atleta Julia Vaquero como madriña desta edición. Neste evento, que non se celebraba desde hai sete anos, as persoas inscritas na C42 e a 10K poderán recoller os seus dorsais e descubrir as últimas novidades sobre a práctica do atletismo.

Ademais, este sábado habilitaranse espazos para coñecer as últimas tendencias en nutrición e materiais deportivos, así como relatorios multidisciplinares relacionados co deporte, a psicoloxía e fisioterapia. Os horarios previstos son os seguintes:

  • 17.00 a 17.30 horas: Saúl Sánchez, nutricionista.
  • 17.30 a 18.00 horas: Madó González, psicóloga deportiva.
  • 18.00 a 18.30 horas: Rodrigo Gavela, campión de España de maratón, sobre o adestramento.
  • 18.30 a 19.00 horas: Mesa redonda con Saúl Sánchez, Madó González, Rodrigo Gavela e os atletas Andrés Díaz e Julia Vaquero.

BREAKFAST RUN SOLIDARIO

Esta proba, non competitiva, comezará o sábado ás 9.30 horas, no paseo do Parrote. Será o punto de saída e tamén de chegada dun percorrido solidario que pasará polo Paseo Marítimo e a Torre de Hércules, con Julia Vaquero como guía para os participantes en trote lixeiro e o atleta coruñés Andrés Díaz como 'lebre' para participantes en carreira máis suave. 

"O custo simbólico da inscrición e de un euro para os participantes rexistrados na C42 e de dous euros para o resto de corredores, importe que será destinado, integramente, á Asociación de Daño Cerebral de Coruña (Adaceco)", concretou Mónica Martínez, que hoxe estivo acompañada, na presentación destas actividades, por Juan Luis Delgado e Natalia de Llano, presidente e directora de Adaceco, respectivamente.

A inscrición no Breakfast Run Solidario pode levarse a cabo, de forma presencial, na sede de Adaceco, así como o venres e sábado na Feira do Corredor. Tamén o sábado, no posto que estará habilitado a esta fin no paseo do Parrote. Tamén é posible inscribirse por vía telemática, ata este xoves 29 (23.59 horas).

PASTA PARTY

Este sábado tamén terá lugar a Pasta Party, unha cita promovida pola organización da Coruña42 e que ofrecerá, ás persoas participantes, tres quendas de comida con diferentes tipos de pasta a elixir como prato principal, con vistas á carreira.

A Pasta Party, que terá lugar no Palexco, comezará ás 13.00 horas, coa segunda e a terceira quenda ás 14.00 e 15.00 horas, respectivamente. Haberá un límite de 100 prazas para cada unha das tandas. O prazo de inscrición, aberto a través da web de ChampionChip Norte, estará dispoñible ata este mércores, 28 de setembro.

A asistencia ao evento terá un custo de 9 a 2 euros en función da idade e a asistencia, ou non, á C42. Por outra banda, será gratuíto para as nenos e nenos menores de catro anos.

MINI C42

Tamén o sábado, desde as 11.15 horas e co paseo do Parrote como epicentro da actividade, terán lugar as probas da Mini C42, a versión da C42 orientada a menores de idade e aberta ata en seis categorías (sub-18, sub-16, sub-14, sub-12, sub-10 e peques).

A inscrición, gratuíta e as persoas participantes terán que confirmar, no momento de anotarse no evento, o nome do centro escolar ao que pertencen.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión