A concelleira de Deportes destacou que “A Coruña vivirá unha fin de semana de gran nivel deportivo coa chegada de deportistas de practicamente todas as comunidades autónomas”
11 de xuño de 2021
A Liga Iberdrola de Tríatlon e a Liga Masculina de Tríatlon afrontan a súa cuarta e quinta xornada das sete programadas na Coruña, coa disputa os días 19 e 20 de xuño dos campionatos de España de Tríatlon por Clubs e por Remudas Mixtas. Ademais tamén se realizará a cuarta xornada da Liga Nacional de Clubs de Talentos, co Campionato de España de Tríatlon por Remudas Mixtas de Talentos, competición dedicada ás categorías cadete e xuvenil. Paratriatletas de diferentes países daranse cita no último evento internacional de paratríatlon que terá lugar antes dos Xogos Paralímpicos de Tokio, a Copa do Mundo da Coruña, coa opción de conseguir os últimos puntos para asegurar prazas.
A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, destacou que "A Coruña vivirá unha fin de semana de gran nivel deportivo coa chegada de deportistas de practicamente todas as comunidades autónomas" e sinalou que a realización de probas nacionais e internacionais como os eventos de tríatlon e paratríatlon na Coruña "significa que nos estamos recuperando, que aos poucos volvemos á normalidade e ademais ao grande, cunha proba tan importante para as e os atletas e para a cidade".
Para Martínez, "despois dun ano tan complicado para todas e todos, tamén para as e os deportistas, o regreso da competición é unha magnífica noticia". Ademais, lembrou que "a fachada marítima da cidade xa foi escenario de competicións nacionais de tríatlon e paratríatlon, e volve encontrarse coas e cos triatletas de toda España para amosar de novo as súas condicións idóneas para practicar o deporte".
A Coruña foi sede nos últimos anos de diferentes competicións nacionais de tríatlon, e tamén de paratríatlon, e en 2021 albergará o último evento internacional de paratríatlon. Mónica Martínez entende que "o feito de poder conseguir a praza paralímpica é, sen dúbida, un aliciente máis para a transcendental cita mundial que se vai disputar na Coruña". Para a afección local, moi numerosa na Coruña e en toda Galicia, será ademais "moi emocionante a nivel deportivo ter competindo na cidade a triatletas da calidade da galega Susana Rodríguez Gacio, seis veces campioa do mundo".
A aposta do Goberno de Inés Rey, sinalou a edil, polo paratríatlon que demostra A Coruña representa un Concello convencido de que "o deporte fai cidade. Traballamos para consolidar o deporte como unha marca e por iso non só apostamos polos maioritarios, senón tamén polas modalidades menos coñecidas, ademais de realizar unha clara aposta polo deporte feminino e o deporte inclusivo".
Durante a xornada do sábado 19 de xuño terán lugar as carreiras correspondentes ao Campionato de España de Tríatlon por clubs nas diferentes categorías, a partir das catro da tarde e correspondentes á cuarta xornada da Liga Iberdrola de Tríatlon e a Liga Masculina de Tríatlon, que comezaron a pasada semana en Águilas. A quinta xornada terá lugar o domingo 20 de xuño, coas probas do Campionato de España de Tríatlon Remudas Mixtas a partir das 8.45 h. En paralelo terá lugar o Nacional de Remudas Mixtas de Talentos, cuarta xornada da liga para as categorías cadete e xuvenil, que botou a andar con probas de dúatlon en Alcobendas e Valladolid, e continúa coas de tríatlon a partir da Coruña. A Copa do Mundo de Paratríatlon realizarase o domingo a partir das 11.15 h.
30/03/2024
31/03/2024
31/03/2024
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible