Concello da Coruña

Concello da Coruña

Deportes

Concellería de Deportes

O Concello adxudica os traballos que permitirán abrir ao público as naves de Metrosidero

O Goberno municipal aprobou a licitación do novo skatepark de José Toubes e adxudicou as obras do centro cívico do Birloque

Cando:

28 de setembro de 2022

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, deu conta esta mañá dos asuntos aprobados na Xunta de Goberno Local. Entre outras cuestións, adxudicáronse as obras para o acondicionamento das naves do Metrosidero, un equipamento municipal que será destinado para o seu uso por parte da mocidade. O Goberno municipal destina 559.000 euros a estas obras complementarias para que as instalacións poidan entran en servizo, incluíndo un punto de información xuvenil, así como un espazo para o Servizo Municipal de Xuventude.

As naves do Metrosidero contarán con áreas de traballo para que as mozas e mozos poidan reunirse, ademais de instalacións deportivas destinadas á práctica de escalada, parkour e skate, todas elas a cuberto e no interior das naves, onde tamén se habilitarán espazos de uso polivalente e destinados ás artes escénicas. Cos fondos destinados a estas obras, que terán unha duración de 19 semanas, acondicionarase tamén o espazo exterior lindeiro ás naves, facendo que o conxunto das edificacións sexa accesible á cidadanía.

"Amosamos deste xeito o compromiso do Goberno municipal para impulsar medidas de apoio á xuventude durante o vixente mandato. As naves do Metrosidero converteranse nunha referencia da cidade para as mozas e mozos, ao igual que o Remanso, que reabriu as súas portas a comezos de abril", sinalou a alcaldesa, Inés Rey.

Novo skatepark en José Toubes

Hoxe aprobouse tamén a licitación do proxecto para a construción do skatepark e pista multideporte na praza de José Toubes, no barrio de Catro Camiños. Esta nova infraestrutura situarase baixo o viaduto da avenida de Alfonso Molina. A obra inclúe a urbanización do conxunto da praza e amplía o anterior proxecto, que só incluía a pista de skate. Neste caso, haberá un skatepark máis completo e construirase tamén unha pista multideporte, que quedarán integrados na contorna mediante a adecuación do firme de todo o conxunto.

"Buscamos con esta actuación dotar os barrios de novos equipamentos para todas as idades, atendendo neste caso as demandas da mocidade", apuntou a rexedora. Esta infraestrutura está cofinanciada con fondos Eidus e terá un orzamento de 450.000 euros e un prazo de execución de 4 meses.

Outro dos obxectivos desta actuación será a mellora da accesibilidade na zona. Reformaranse as beirarrúas e habilitarase un novo paso de viandantes na rúa Fernando Rey con rede semafórica. Crearase tamén unha praza peonil, que será unha zona de tránsito e encontro, con espazos verdes e bancos.

O proxecto completará a reurbanización da praza José Toubes, na que xa está aberto ao público o Remanso. Na contorna está prevista tamén a mellora de Fernández-Latorre con reurbanización completa, carril bici e plantación de árbores.

Centro cívico do Birloque

Por outra banda, a xunta de goberno tamén aprobou esta mañá a adxudicación das obras para a reforma integral do edificio do centro cívico do Birloque. "Esta intervención tivo dúas premisas: renovar o recinto para facelo máis accesible para as persoas e responder ás necesidades persoais, educativas e profesionais das usuarias e usuarios", indicou Inés Rey.

A reforma do centro cívico do Birloque abrangue a creación dunha aula virtual TIC que facilitará o acceso a Internet á veciñanza. Con esta medida búscase incrementar as competencias dixitais das persoas, reducindo a fenda dixital e axudar á mellora na empregabilidade dos colectivos máis vulnerables e en risco de exclusión social, pois o centro funcionará tamén como espazo de formación.

As obras, que están cofinanciadas con fondos FEDER, contan cun orzamento de 785.000 euros e contribúen, ademais, á estratexia EidusCoruña para un desenvolvemento urbano sostible e integrado. Os traballos de reforma do centro cívico municipal no barrio do Birloque terán unha duración de seis meses.

Proxectos Next Generation

Hoxe aprobáronse tamén dous proxectos de obra de dúas das actuacións que, tal e como anunciou este martes a alcaldesa, se presentarán á segunda convocatoria de fondos Next Generation. Trátase da reurbanización das vías San Mateo, Padre Sarmiento e Pla y Cancela.

No primeiro caso, o das rúas San Mateo e Padre Sarmiento, a actuación suporá a creación dunha plataforma única na rúa e un incremento das zonas verdes, ademais de manter a tendencia dos elementos que caracterizan o parque de Santa Margarida. A actuación suporá un investimento de 833.000 euros. No caso de Pla y Cancela, mellorarán as súas condicións de accesibilidade, ampliaranse as beirarrúas e crearanse novas zonas verdes. O orzamento da actuación é de 1,1 millóns de euros.

Zona de Baixas Emisións

Por outra banda, hoxe foi adxudicada, por un millón de euros, a compra dun novo lote de subministracións de puntos de medida e sistemas de medición da velocidade do tráfico na cidade, que forma parte da implantación da Zona de Baixas Emisións na cidade. "O obxectivo deste proxecto é ter unha maior información sobre o tráfico na nosa cidade e poder así facilitar a toma de decisións para conseguir unha mellor calidade do aire e unha maior fluidez na circulación", apuntou Inés Rey.

Entre as medidas que se aplicarán atopase un novo sistema de puntos de medida, que permitirá monitorizar a grande parte da mobilidade no ámbito urbano, a través da instalación de cámaras e sistemas de última xeración por toda a cidade. Por outra banda, outra das medidas será a instalación de novos radares pedagóxicos. Trátase de medidores da velocidade dos vehículos que indican en tempo real á persoa que conduce a súa velocidade co obxectivo de que corrixa posibles excesos do límite.

O obxectivo é instalar este tipo de radares pedagóxicos na contorna de colexios e puntos delicados de tráfico e que sexa o ou a propia condutora quen tome conciencia e aminore a marcha.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión