Ayuntamiento de A Coruña

Ayuntamiento de A Coruña

O concello porá mañá en coñecemento da Fiscalía os feitos relacionados co partido entre o Deportivo e o Fuenlabrada

Quere que se investigue o posible coñecemento por parte das persoas responsables da Liga de Fútbol Profesional da existencia de positivos ao virus de membros do Club Fuenlabrada antes de emprenderen a súa viaxe á cidade da Coruña, e a ausencia de comunicación destes ás autoridades sanitarias

Cuándo:

22 de julio de 2020

A alcaldesa da Coruña,  Inés Rey García, porá mañá en coñecemento do fiscal xefe da Audiencia Provincial os feitos relacionados co partido de Liga de 2ª División que ían disputar no Estadio Municipal de Riazor o pasado luns o Real Club  Deportivo da Coruña e o C.F. Fuenlabrada, por se foren constitutivos de delito.

Existen indicios do coñecemento por parte das persoas responsables da Liga Nacional de Fútbol Profesional da existencia de positivos ao virus de membros do club Fuenlabrada antes de emprenderen a súa viaxe á cidade.

De ser certa a existencia de test positivos antes de iniciaren o seu traslado para a realización do encontro estaríase incorrendo por parte da Liga Nacional de Fútbol Profesional nunha conduta imprudente que lles puido provocar numerosos contaxios a outros membros do equipo e ás persoas coas que tiveron contacto (nos medios de transporte utilizados, durante a súa estadía no hotel da cidade en que se hospedaron etc.).

No escrito solicitarase da Fiscalía que se incoen dilixencias informativas de cara a esclarecer os feitos, pois de seren certos os indicios estariamos ante unha conduta imprudente con risco exponencial para a saúde pública.

A alcaldesa solicita que Fiscalía realice unha investigación e se lle solicite información á Liga Nacional de Fútbol Profesional sobre os resultados dos test de coronavirus realizados aos xogadores do F.C. Fuenlabrada antes da realización do partido previsto para o 20 de xullo de 2020, con indicación da data en que se efectuaron e a data en que llos comunicaron á Liga.

No escrito a alcaldesa solicitará da Fiscalía que investigue a ausencia de comunicación por parte da Liga de Fútbol Profesional dos contaxios ás autoridades sanitarias de Madrid e Galicia:

-           Que se lle oficie á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia co fin de que remitan información sobre as probas que lles realizaron aos membros do C.F. Fuenlabrada desde o pasado luns 20 de xullo e os resultados facilitados polo club en relación ás probas realizadas en Madrid antes do partido previsto para o pasado 20 de xullo, e (ii) o día e mais a hora en que se lle comunicou á Consellería de Sanidade a existencia destes positivos por coronavirus do C.F. Fuenlabrada. Xa que existen indicios, corroborados por manifestacións das persoas responsables sanitarias de ambas as comunidades autónomas, da inexistencia de comunicación inmediata deses positivos por parte da Liga de Fútbol Profesional.

Inés Rey considera que "os indicios e feitos que imos coñecendo acreditan un comportamento absolutamente imprudente e neglixente por parte da LFP, que creou un risco sanitario evidente ao non comunicar inmediatamente o foco de contaxio existente no Fuenlabrada, e impediu que se adoptasen as medidas de illamento por parte das autoridades sanitarias".

A alcaldesa da Coruña agarda que se esclarezan os feitos e se depuren as responsabilidades que poidan derivarse deste comportamento por parte das persoas responsables do Fútbol Profesional.

¿Qué te parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

¡Tienes un navegador demasiado antiguo!

Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible

Iniciar sesión