Concello da Coruña

Concello da Coruña

Deportes

Concellería de Deportes

O maratón C42 congregou nas rúas da Coruña a case medio milleiro de corredores

A proba recuperou a chegada a María Pita desde Rego de Auga, que só se rexistrou, con moi boa aceptación por parte das e dos atletas, na edición de 2015

Cando:

2 de outubro de 2022

Despois da pandemia, o calendario atlético da cidade recuperou a súa proba grande, a C42, irmá maior da C10 e a C21, que reapareceu tras un importante esforzo organizativo co obxectivo de situala, novamente, entre as mellores de España e que convertela nun patrimonio máis da Coruña. 

O maratón puxo a proba a resistencia de 470 deportistas con 42.195 metros polas rúas herculinas, onde, ademais, se desenvolveu, en paralelo, unha 10K. Nos dez quilómetros, un total de 1.152 corredores cruzaron a liña de meta.

O circuíto da C42, que partiu da avenida de Montouto, presentou tres tramos diferenciados. No primeiro, unha volta de 14.695 metros na que as e os atletas pasaron pola Mariña, os Cantóns, a praza de Ourense, dirixíronse cara á Palloza, enfilaron a avenida do Exército, pisaron rúas como Ramón y Cajal, Pérez Ardá ou Salvador de Madariaga, onde efectuaron un xiro de 180 graos, despois chegaron á zona portuaria e regresaron cara ao punto de saída. 

Alí comezou o segundo tramo, que repitiu o primeiro e engadiu case 3 quilómetros por Salgado Torres, ata a rotonda de Lonzas. Nese punto virouse para tomar de novo dirección cara ao porto e regresar á avenida de Montouto. A continuación, dez quilómetros finais cun percorrido pola zona de praias tras atravesar Juana de Vega, Santo André e Rúa Alta. As e os deportistas corrreron primeiro cara a Manuel Murguía e, posteriormente, en sentido á Torre de Hércules antes de afrontar os últimos metros por Sol, Santo André e Rúa Nova, acceder á Rúa Real, Rego de Auga e, finalmente, á praza de María Pita, onde estaba a meta. 

Recuperouse así a chegada a María Pita desde Rego de Auga, que só se rexistrou, con moi boa aceptación por parte das e dos atletas, na edición de 2015. 

Dominio dos atletas kenianos

Na categoría masculina, a C42 finalizou coa vitoria do keniano Richard Rop (02:11:00), seguido de preto polos seus compatriotas Jacob Cheshari Kirui (02:11:08) e Kipkirui Langat (02:11:44), segundo e terceiro clasificados na proba. Ademais, Rop chegou á liña de meta batindo o récord da C42 superando a marca anteriormente vixente en un minuto e 22 segundos.

Na categoría feminina venceu a tamén keniana Monica Cheruto (02:39:57), que ao igual que Rop batiu ó récord da C42 na súa categoría, superando a marca establecida previamente, de 02:40:33. Tras Cheruto, chegaron a súa compatriota Sheila Chebey (02:41:42) e a galega Beatriz Fernández Gil, terceira deixando o crono en 02:55:34.

A concelleira de Deportes e o concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá, Juan Ignacio Borrego, foron os encargados de entregar as medallas e os agasallos aos vencedores das dúas probas. Ambos celebraron o regreso do maratón e puxeron en valor a capacidade da cidade para acoller probas deportivas de competición ao máis alto nivel.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión